Unha avaría en diálise do Álvaro Cunqueiro alerta dos perigos da xestión privatizada

A incidencia mantivo paralizado o servizo case dous días e obrigou a trasladar doentes a centros privados
Vigo - 27 Ago 2018

A CIG-Saúde considera alarmante a incidencia que paralizou os pasados xoves e venres o servizo de diálise do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que obrigou derivar usuarios/as a centros privados. Desde a central critican unha situación da que “non existen precedentes nos hospitais públicos que antes realizaban estes tratamentos na área de Vigo” e que fai saltar as alarmas “dado o pouco tempo que leva aberto o centro”.

A CIG-Saúde de Vigo, que se entrevistou o pasado venres coa diretora asistencial do centro, exixe maiores controis á empresa concesionaria, ademais da elaboración dun informe obxectivo e non “de parte” para dilucidar a responsabilidade de Veolia.

A reiteración de incidencias de distinto tipo no Hospital, xestionadas con “silencio e escurantismo” supón, para a federación de saúde, unha “situación de risco para os intereses sanitarios públicos” e alimenta a sospeita sobre a falta de compromiso das concesionarias coa prestación dun servizo de calidade.

Na altura, e á espera de obter os datos definitivos, desde a CIG aseguran que se xerou “un gasto considerable” ao ter que por en marcha un circuito asistencial de transporte e centros alternativos.

Estas anomalías, que para a central son produto do modelo privatizador do PP, xeran “incertidume, procupación e incomodidade” entre os usuarios e usuarias e obrigaría a “procurar fórmulas eficaces para avaliar responsabilidades e exixir as correspondentes indemnizacións ao sistema público de sanidade”.