Unha cadea humana rodea o Concello das Pontes para denunciar a fraude da transición

A CIG reclama un plan industrial e compromisos reais das administracións e Endesa para garantir o futuro da localidade
As Pontes - 10 Xul 2025

Unha cadea humana rodeou esta tarde o edificio do Concello das Pontes para exixir un plan industrial con compromisos reais e investimentos que garantan un futuro con emprego na localidade. Na protesta, convocada pola CIG, denunciouse a fraude que está a supor a mal denominada transición xusta nas Pontes, pois detrás de toda a propaganda e anuncios a día de hoxe non existe nin un só proxecto en marcha, nin concurso público, nin obrigas asumidas por parte de Endesa, nin políticas para evitar que este proceso sexa unha reconversión pura e dura.

“Non é transición é demolición” foi a consigna máis escoitado ao longo desta acción reivindicativa, coa que a CIG dá continuidade ás mobilizacións para reclamar unha transición verdadeiramente xusta e exixir un plan de desenvolvemento económico e industrial para As Pontes, ao que Endesa debe facer achegas económicas, con compromisos reais por parte do Ministerio e da Xunta de Galiza, e con investimentos en máis chan industrial, demanda esta esquecida polo Goberno municipal nos últimos 18 anos.

Zona 0 da destrución industrial na Galiza

O presidente do comité de Einsa Print, Antonio García, foi o encargado de ler o manifesto final, no que se puxo énfase no simbólico que resulta que nesta empresa, a primeira que se instalou no Polígono do Penapurreira ao abeiro do plan de desenvolvemento tras o peche da mina e a que maior volume de emprego directo xerou despois da central térmica, se estea negociando un novo ERE que significará o peche real da factoría.

“As Pontes xa é o km 0 da destrución industrial na Galiza”, aseverouse; denunciando que nos seis anos transcorridos dende o anuncio de peche da central “non se fixo absolutamente nada para favorecer a reindustrialización das Pontes”. Un tempo desaproveitado por todas as administracións, “a empezar polo propio Concello”, no que nada se avanzou na creación de chan industrial, nin na exixencia de compromisos reais a Endesa co futuro da vila. “Todo o contrario, vivimos seis anos de permanente narcotización da opinión pública a base de anuncios dunha chea de nova industrias, coa auténticas loitas mediáticas por parte das administracións e de Endesa para asumir o que vendían como éxitos”.

Criticouse que mentres As Pontes perde poboación, cae a xente moza, pechan comercios e empresas “dende o ámbito político gástanse os cartos en facer anuncios de novos proxectos nos medios de comunicación que son un insulto para quen viva aquí”. O último exemplo, a información aparecida esta mesma semana a respecto doutra nova empresa, cando “ao día seguinte nin o Concello, nin Endesa, nin a Xunta sabían nada dese anuncio -o MITECO e o Instituto de Transición Xusta xa nin opinaron-; todo un auténtico disparate e unha tomadura de pelo colectiva”.

Neste contexto, valorou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tamén participou da mobilización, resulta lamentábel que a Xunta de Galiza permaneza desaparecida e non convoque a mesa de reindustrialización nin asuma as reivindicacións que dende hai anos lle veñen formulando tanto a CIG como o conxunto do pobo das Pontes, a respecto do fracaso deste proceso.

O exemplo do plan de desenvolvemento de 1997

Un desmantelamento e unha falta de perspectivas que chocan co acontecido cando o peche da mina. A CIG lembrou que, grazas á enorme mobilización social nas Pontes,  Endesa, a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais asinaron o plan de desenvolvemento de 1997, no que se comezou a traballar dez anos antes da clausura da mina para evitar os efectos negativos e que resultou un éxito e foi referencia incluso para a UE. 

“Creouse chan industrial, tivemos novas infraestruturas, como a autovía Ferrol-As Pontes-Vilalba, máis ciclos formativos e, sobre todo, axudas directas pagadas por Endesa para o asentamento de novas empresas e para o novo chan industrial. E cunha xestión técnica experta diaria, a OPYDE, tamén pagada por Endesa, e cun órgano de xestión Xunta-Endesa-sindicatos, executivo e fiscalizador, con reunións mensuais”, salientouse no manifesto.

Por iso, a mal denominada transición xusta resulta “unha tremenda fraude colectiva”. Da referencia e do éxito do plan de desenvolvemento, de contar con vantaxes competitivas a respecto doutras zonas do Estado, “pasamos a ser a de menor estimación de xeración de emprego e máis postos de traballo  destruídos dos concellos nos que Endesa tiña centrais térmicas; onde Endesa ten menores compromisos; onde máis megavatios desaparecen; onde o MITECO, en colaboración coa Xunta, ten máis compromisos incumpridos”.

Paralizar o ERE de Einsa Print

Cómpre pois, tamén, paralizar o ERE de Einsa, claramente fraudulento. Falamos dunha empresa que se comprometeu, por escrito, en non facer novos ERE antes de decembro de 2026, e moito menos pretender ampliar no tempo o anterior dándolle continuidade. Non podemos permitir que a falta de solo industrial, que é de responsabilidade política, lle permita a esta empresa especular co espazo que ocupa en Penapurreira; e todo isto a costa do despedimento dos seus traballadores e traballadoras”, aseverouse.

Ante tanta inxusta, a CIG reiterou que non ficará calada e instou a quen asinou acordos sobre a mentira da transición xusta a dar explicacións: Ministerios de Transición Ecolóxica e de Traballo, Endesa e os sindicatos estatais.