Unha CIG máis forte para combater a represión sindical e os recortes na xustiza

Fronte ao entreguismo e á covardía é preciso un sindicalismo forte capaz de plantarlle cara á Consellaría

Nacional -

Un ano despois da histórica folga que paralizou a Administración de xustiza de Galiza, aínda hai traballadores e traballadoras que están sufrindo represión polo seu labor sindical. Este é o caso da compañeira Chelo Rodríguez, delegada da CIG, e do compañeiro Javier Fernández, pendentes dun xuízo penal e dun expediente disciplinario por defender os dereitos do persoal. A CIG leva meses mobilizándose en apoio a Chelo e Javier e para esixir o arquivo de ambos procedementos porque defender os dereitos non é delito.

Estes procesos hainos que enmarcar na campaña de represión contra as organizacións sindicais máis reivindicativas que actuaron con coherencia e non avalaron o mal acordo que, a día de hoxe, non resolveu ningunha das reivindicacións que xeraron o conflito. O secretario nacional do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, lembra que SPJ-USO, UGT, CCOO e CSIF pactaron con Alfonso Rueda o fin da folga “despois de negociar ás agachadas das outras forzas sindicais e sen consultar con quen estaba a deixar o seu soldo nesta loita”. 

Fronte ao entreguismo e á covardía é preciso un sindicalismo forte capaz de plantarlle cara á Consellaría

Pero ademais, sen explicar o contido do documento, pretenderon darlle unha lexitimidade que non tiña, forzando unha consulta entre o persoal, que claramente votou en contra do acordo. E malia o resultado, “asináronllo igual. Así é como estas organizacións entenden o sindicalismo e a democracia”. De non ser por esta traizón, subliña Sánchez, “teríamos logrado un mellor acordo grazas á forza acumulada tras meses de folga. Pero para levar adiante a súa manobra, Rueda sabía ben con quen contaba”.

Lembra que a diferenza doutros sindicatos, os/as representantes da CIG deixaron o pelexo na loita, “o que nos custou non só a apertura dun expediente disciplinario, senón mesmo un proceso xudicial”. Tampouco ante este feito gravísimo estes sindicatos foron quen de estar ao lado das compañeiras e compañeiros represaliados, porque “a quen non se molla e non dá a cara polos traballadores e as traballadoras nunca lle pasará tal cousa”.

Fronte ao entreguismo e á covardía, é preciso un sindicalismo forte capaz de plantarlle cara aos ataques da Consellaría de Xustiza e pelexar pola mellora dos dereitos laborais e salariais e por uns servizos públicos de calidade. E hoxe, só a CIG, coa coherencia e a lexitimidade da súa actuación durante e despois da folga, está en disposición de representar este modelo sindical.

Volver