Unha crise mundial que é inédita

Eduardo Lucita - 17 Nov 2020

A crise económico-sanitaria desenvólvese no marco de confrontacións de carácter estratéxico -tanto disputas comerciais e polo control do avance tecnolóxico como conflitos políticos-, todas tensións derivadas da pasaxe do centro do poder económico mundial do eixe anglosaxón -EUA/Gran Bretaña- ao eixe asiático -República Popular/Sueste de Asia-

 A pandemia afectou á economía desde fóra. É un elemento exóxeno non esperado que non provén da acumulación do capital e as súas contradicións, pero ao mesmo tempo tamén ten un carácter endóxeno que está dado pola actividade humana que altera os equilibrios bio-ecolóxicos estimulando a transmisión de virus de animais a seres humanos.

Colapso mundial

 O impacto produto do “Gran confinamento”, nunha economía que xa estaba debilitada, foi global. Isto explica a rapidez e profundidade da caída do PIB mundial no 2º trimestre deste ano. Todas as grandes economías caeron ao mesmo tempo, algo que non pasou sequera na Gran Crise dos anos 30 do século pasado. O pico da caída foi en abril (tamén en Arxentina), con excepción de China onde o virus se manifestou antes, e o pico rexistrouse en xaneiro/febreiro. O goberno foi moi eficiente no control da pandemia, e xa en abril a súa economía comezou a recuperación.

 Os estímulos fiscais e a expansión monetaria (financiada con endebedamento ou con emisión como en Arxentina) á que recorreron todos os países evitou que a desfeita fose maior e levou a que xa en maio/xuño se iniciase unha recuperación global que se ve agora perdendo impulso pola segunda vaga de contaxios en Europa e o aumento de casos no Estados Unidos.

O disparador

 A pandemia foi o disparador da crise mais isto non nos pode facer esquecer que no seu informe previo o FMI falaba de “ralentización sincronizada” e cualificaba o crecemento mundial como un dos máis lentos desde a crise financeira do 2008-2009. Xunto co BM, a OCDE e moitos analistas afirmaban que o retroceso da economía mundial era produto da guerra comercial, do Brexit e dos problemas políticos que se acumulaban.

 En realidade, agochaban a crise estrutural como fonte da debilidade do crecemento. Como sinalei en artigos anteriores, esta debilidade manifestábase no pobre crecemento do comercio internacional; na baixa taxa de investimento global; na falta de melloras na eficiencia produtiva; na baixa taxa de crecemento da produtividade. Todos estes indicadores eran inferiores aos que se rexistraban antes da crise de 2008.

 Hai que engadir a nova vaga de acumulación de débedas -dos Estados e corporacións-, a máis grande desde os anos 70, que está medrando máis que a economía. A débeda total global que era do 320% do PIB mundial no principio do ano, subiu ao 330% coa pandemia.

 Sobre esta realidade que non se pode agochar caeu sorpresivamente a paralización da economía. Así, a pandemia non foi máis que o fulminante que detonou unha crise xeneralizada do capitalismo como sistema.

Cando se sairá da crise?

 A pandemia non foi máis que o fulminante que detonou unha crise xeneralizada e inédita do capitalismo como sistema. Cando se verá luz ao final deste túnel?

 Na recente xuntanza do outono do FMI e o BM houbo algunhas coincidencias: que é moi cedo para retirar as políticas de estímulo, que hai que agardar até que a recuperación sexa duradeira; que esta non é unha crise financeira/crediticia polo que baixar o custo do crédito xa non estimula a economía e que a recuperación “...será lenta, moi incerta e desigual”. Hai algo que quedou no aire: a resolución desta crise non depende tanto da recuperación da taxa de beneficios, porque non é unha crise clásica, senón de cando termine a pandemia. Ou sexa: todo depende da vacina. Nestes días houbo noticias alentadoras mais aínda non hai certezas.

Transicións

 A crise económico-sanitaria desenvólvese no marco de confrontacións de carácter estratéxico -tanto disputas comerciais e polo control do avance tecnolóxico como conflitos políticos-, todas tensións derivadas da pasaxe do centro do poder económico mundial do eixe anglosaxón -EUA/Gran Bretaña- ao eixe asiático -República Popular/Sueste de Asia-. Devalar gradual dos EUA e ascenso sostido de China, a súa economía superará en poucas décadas a estadounidense, o que non implica que EUA deixe de ser a primeira potencia mundial.

 Paradoxalmente canto maior foi a tensión entre as dúas potencias maior foi o intercambio comercial, polo que cómpre preguntarse que primará a futuro a competencia ou a cooperación?

Que estrutura de poder mundial?

 Á saída da 2ª. GM e baixo a hexemonía dos EUA construíronse toda unha rede de institucións internacionais destinadas a garantir a gobernanza global. Nacións Unidas, Consello de Seguridade, OMS, OTAN, FMI, BM, BID, BIRF, despois da implosión da URSS e a caída do Muro de Berlín conformáronse o G7 primeiro e o G20 despois. Esta rede que dominou as relacións xeopolíticas durante máis de 70 anos xa hai tempo que vén dando mostras de insuficiencia para conter as contradicións a escala global, os embates da administración Trump nos últimos 4 anos non fixeron máis que amosar e agudizar esa crise.

 A democracia liberal imposta en todo o mundo occidental despois da 2ª. GM está tamén en crise. Viuse coa vaga de revoltas populares que percorreu boa parte do globo durante a segunda metade do ano pasado, vese agora cando no medio da pandemia os Estados non logran que os seus cidadáns respecten normas mínimas para enfrontar a covid-19. Quedou exposta nas recentes eleccións presidenciais nos EUA (supostamente o máximo expoñente deste réxime político).

 Hoxe a gobernanza global está sostida, aínda que non garantida, polo G2 (EUA-China). Mais a hexemonía norteamericana vai devalando e a República Popular non está en condicións -tampouco parece querer- de xogar ese rol. Así hai unha vacante moi perigosa que alimenta o ascenso de liderados autoritarios asentados nunha sorte de “fascismo social”, segundo a definición de Boaventura de Sousa Santos.

 Na crise do 2008 o G20 xogou un papel e logrou conformar unha sorte de Xunta de Estabilidade Financeira; no 2001 foi o Consello de Seguridade o que xogou un papel contedor. A vacante actual condiciona as potencias para acordareb un conxunto de medidas comúns para enfrontar a crise sanitaria e a desfeita económica.

 Os recentes resultados electorais nos EUA cambiarán algo? É moi cedo para o saber.

 

[Artigo tirado do sitio web ANRed, do 14 de novembro de 2020]