Unha estratexia de confrontación

Fermín Paz Lamigueiro - 20 Mai 2020

Aínda que recentemente houbo un certo ilusionismo de cambio cos partidos emerxentes, a dinámica demostrou que xestionar só o descontento non é unha alternativa. É moi posible que a pandemia supoña a centrifugación de moitos dos apoios electorais para encher outra vez os espazos exclusivistas dos dous partidos que gobernan no Estado dende 1977

Seica non te deches conta?

tan cego estás?

deixaches a túa vida en mans alleas?

por que deixaches de loitar?

 

 O antagonismo nos conflitos sociais está moi ben expresado no lema: as únicas loitas que se perden son as que non se dan ou abandonan. Aínda que as veces tivemos que dar algún paso atrás (ben tacticamente ou por non ter a forza necesaria), temos comprobado que os avanzos da clase obreira están na dirección contraria, cara a diante. A semellante conclusión debería chegar quen queira confrontar de verdade co entramado político-institucional estatal e o sucursalismo español na nosa Terra.

 Tradicionalmente as utopías concibíanse nos malos tempos. Deberiamos manter as tradicións por moito que hoxe a distopía ou antiutopía pareza a tendencia que nos conduce cara a unha sociedade imaxinaria indesexable en si mesma. Dalgún xeito a pandemia, entre outras cousas, obriga a reformularmos o que estamos a facer porque levamos ben tempo vivindo nunha sociedade arrepiante.

 Imos a iso:

 Supoño que coa chegada da fase máis aguda da crise económica e social intuímos acontecementos de moitas dificultades. O cadeado do "estado de alarma" co que nos teñen pechados non vai poder termar moito tempo do que se está cocendo nas augas da indignación e das necesidades máis básicas da xente. A resposta dependerá do que queiran facer as organizacións políticas e sindicais e tamén de todos nós. Unha de dúas, ou tomamos a iniciativa ou tomarana outros. Nunha situación grave como a que nos toca vivir, vanse agudizar todas as contradicións e como consecuencia poderemos apreciar que non hai só situacións claramente "sistémicas" ou de "cambio real", aparecerán "contras" e aínda máis variedade como as transitorias, intermedias ou híbridas, que xamais estarán definidas claramente. A protesta destes días na rúa Núñez de Balboa en Madrid e só unha pequena proba disto. Se os que mellor viven berran pola liberdade privilexiada, non é difícil imaxinar que farán os que non teñan recursos para alimentarse, pagar o alugueiro ou a hipoteca, etc.

 Quero supoñer que algo aprenderiamos das crises do capitalismo que fomos vivindo e padecendo. Cando menos teremos chegado á conclusión de que non podemos esperar resultados diferentes, facendo o mesmo de sempre. Se isto é así, xa non é pouco.

 Obrigatoriamente teño que entrar no terreo da política partidaria para desenvolver algunha das miñas ideas. Quen pense que a dialéctica vai seguir na mesma lóxica que se intuía en xaneiro, está errado e debe revisar a súa análise. Vou adiantar algo da miña. É previsible que a gobernanza do Estado e a oposición sigan actuando e posicionándose nos mesmos parámetros de hoxe. Saben do beneficio mutuo para as formacións que encabezan estes dous polos. De se confirmar a previsión, o bipartidismo recuperará a hexemonía funcional no devandito entramado político e institucional que foi deseñado para unha alternancia cíclica, entre a socialdemocracia e dereita liberal de cara a unha homologación europea, nos derradeiros tempos da ditadura franquista.

 Aínda que recentemente houbo un certo ilusionismo de cambio cos partidos emerxentes, a dinámica demostrou que xestionar só o descontento non é unha alternativa. É moi posible que a pandemia supoña a centrifugación de moitos dos apoios electorais para encher outra vez os espazos exclusivistas dos dous partidos que gobernan no Estado dende 1977. A recomposición do mapa de representación estaría motivada, por una banda, os experimentos non serviron para mellorar ningunha das expectativas dos seus votantes e, pola outra, por entender parte do electorado que son estes dous actores políticos os que teñen máis experiencia na xestión e acreditan neles, estabilidade e a posibilidade de consenso para recentralizar, cando menos, parte do aparello institucional do Estado. En síntese, "cabalos grandes, anden ou non ".

 Quizais os nacionalismos das nacións sen estado, neste antagonismo estrutural, poidan ser outros superviventes desta nova crise, aínda que o Procès xa demostrou que non temos posibilidades reais no marco da Constitución española, para poder facer unha consulta sobre outra escolla diferencial na articulación territorial.

 Nun primeiro momento deberíase facer un movemento como sindicato maioritario, primeiro facendo un chamamento na Galiza ás outras alternativas sindicais propoñendo un debate nos centros de traballo, cos desempregados e por toda a xeografía galega en asembleas abertas. O obxectivo -tal e como adiantei noutro artigo- sería: construír un dique de contención loitando e negociando cos gobernos para amortecer a meteórica e profunda contracción da actividade, con históricas destrucións de emprego e a necesidade de facer nacionalizacións estruturais para salvar determinadas empresas e os balances de conxunto do tecido industrial. Paralelamente, un segundo dique para as rendas salariais no período de inactividade máis o de transición e rescatar a todos os traballadores que foron considerados como esenciais nesta crise cun programa de emprego fixo e salarios xustos. Na convocatoria das asembleas abertas deberiamos converxer coas forzas políticas nacionalistas e da esquerda.

 Este proposta táctica trata de situar a cadaquén diante das súas responsabilidades tanto coa clase obreira, como co conxunto da sociedade. Permitirá saber das fortalezas e debilidades para concretar os seguintes movementos e con quen teremos que facelos.

 O pacto entre o sindicalismo español, patronal e goberno do Estado que rematan de asinar, aínda que afonda nas políticas laborais inxustas e regresivas, non ten que ser un atranco. Non vai ter ningunha utilidade para as bases dos dous sindicatos. Todo o contrario, porque nin garante salarios, nin empregos, nin protección social.

 O modelo económico español está sustentado sobre unha gran dependencia do crédito e da débeda para financiar investimento, consumo máis especulación.

 O financiamento da débeda pública e das empresas vai erguer a inestabilidade de xeito exponencial na nova crise e fará imposible dar unha resposta ás necesidades sociais baixo o xugo da devandita débeda.

 Sabemos que importante é crear organización de masas sustentada nas nosas bases e, no posible, das dos demais e do conxunto da clase traballadora que non está disposta termar máis destes pactos porque son acordos para perder dos nosos dereitos. Se tomamos o camiño de ir á confrontación, evidente que o fundamental será como facelo(?).

 Ten que ser o tempo para un proxecto novo para a nación galega, que sen esquecer o vello, o que se está a facer, tente de novo sumar esforzos da xente do común, sobre do organizado, de quen resiste ao poder establecido individual ou colectivamente, de quen participa nos movementos sociais, de quen queira debater e impulsar un proceso constituínte que nada terá que ver coa Constitución española, tanto na consolidación de formas antagónicas de poder como na articulación, impulso e apoio a políticas concretas da disputa do poder.

 Na concreción dunha estratexia sempre aparecen novos problemas. Clausewitz tiña unha frase moi ilustrativa respecto diso: "na estratexia todo é sinxelo, pero non todo é fácil".

 Na acción política é normal atoparse nalgunha encrucillada, o que obriga a tomar decisións. A situación actual non é doada, esixe decidirse por unha estratexia dimensionada nos parámetros do legal e actuar dentro dos seus límites, combinándoo, iso si, cun discurso máis ou menos de esquerda e autodeterminista no que todo o facer ten a focaxe nos votos e na acción parlamentar. Ou ben outra, achegada o máis posible aos límites do ordenamento institucional e legal (apoiándote na representatividade), para tratar de superalos cando a dirección política en conxunción co movemento de masas decida a confrontación dos nosos intereses nacionais e de clase cos do Estado, o capitalismo e todos os privilexiados materiais-sociais-institucionais das clases sociais dominantes (algúns deles son os da rúa de Madrid, por iso cualifiquei a súa demanda da liberdade).

 Unha vez definido o curso estratéxico a seguir, e cando da teoría vaiamos á realidade, aparecerán outros atrancos, porque o terreo da acción é o da incerteza, da sorte e do medo. É fundamental unha forza material que poida enfrontar non só ao Estado, senón tamén ás burocracias das organizacións de masas (sindicais, políticas, sociais), como condición para poder desenvolver as tendencias máis progresivas da situación.

 A "estratexia do desgaste" é o fundamento das orientacións das correntes que acreditan na liña política,"máis nada que parlamentarismo". Sinto dicir que os que pensan así están moi condicionados para dirixir un proceso desta natureza.

 Vímolo en Grecia, onde o goberno de Syriza chega ao goberno teoricamente para enfrontar un axuste imposto pola Unión Europea (UE) e remata a súa andadura facendo a xestión del, malia que a maioría da poboación dera o seu apoio para resistir. Esta non é máis que unha ensinanza que mostra a onde levan as opcións estratéxicas de reforma en momentos de crises.

 É verémolo aquí no 2021 cando de novo a UE obrigue o Estado Español aos axustes polo déficit público que no presente ano vai consentir e ademais é posible, polo de agora, seguir financiándose nos mercados de sempre. Daquela, a socialdemocracia fará algo semellante, cando menos parcialmente, ao que fixo con Zapatero no referente a conxelación das pensións, axuste salarial no funcionariado, prestacións sociais, etc., e non porque os devanditos axustes teñan as mesmas condicionalidades daquel rescate, senón porque non será de balde acceder aos fondos europeos. Nese contexto probablemente escacharán as alianzas políticas no goberno estatal e dalgunhas autonomías.

 Do ilusionismo político da mutualizacion da débeda coa emisión dos coronabonos pasaremos, de novo, á realidade da Europa do capital interesada só en que cada quen pague as súas facturas da crise pandémica e á campaña publicitaria "non deixaremos que ninguén quede atrás", deixará ao descuberto a mentira e o entreguismo.

 As utopías poden ser un soño, unha reivindicación ou unha posibilidade.

 Diante de nós a posibilidade de coller polo camiño da confrontación ou coller cara ao retroceso. Defendo que é mellor arriscar nesta liña estratéxica asumindo as demandas de xustiza e igualdade dos explotados da nosa Terra e dunha patria que quere ser ceibe e dona de seu, antes que ter complicidade activa ou pasiva cos axustes que veñen e a pobreza que traen consigo para a maioría do pobo.

 É verdade que (a utopía) está espallada por moitos soños individuais e colectivos. O traballo que temos por diante é facer que todos sumen para facela realidade. Sexamos o pesadelo dos que intentan roubar os nosos soños.

 

[Galiza, 20 de maio de 2020]