Unha nova cartografía global

Raúl Zibechi - 02 Xul 2019

A principal característica da UE actual consiste na falta de norte, de proxecto propio autónomo nun escenario global que esixe cohesión e unidade de mando para afrontar as dificultades con éxito

 Nos momentos extremos, cando as crises parecen traspasar as liñas habituais e alcanzar puntos de non retorno, é cando podemos percibir con maior clareza as mudanzas que se produciron no escenario global.

 Nas últimas semanas abrollaron algunhas das características da nova xeopolítica que está en proceso de cristalización. A crise nas relacións entre EUA e Irán mostrou os reaxustes que se produciron, digamos, desde a crise financeira de 2008, así como os límites das principais potencias e as capacidades mostradas polas alianzas que se teceron a raíz daquela crise.

 O primeiro feito que chama a atención é a determinación dun país como Irán para non se deixar intimidar, mesmo por unha gran potencia que ten a capacidade de borrala do mapa se teimase niso.

 Non é cuestión só da determinación dos iranianos, senón tamén da percepción crecente de que EUA xa non ten nin a vontade nin a capacidade para ir a fondo a unha agresión de longa duración. Isto vale tanto para Irán como para Venezuela.

 O punto de inflexión puido ser Siria. O fracaso de EUA e os seus aliados, incluíndo Israel e Arabia Saudita, na súa teima por derrocar o presidente Bashar Asad e impoñer un cambio no mando do país, mostrou os límites das alianzas tradicionais, mais tamén a capacidade de pequenas organizacións para influír no taboleiro rexional. Neste caso, Hizbulá, que foi capaz de influír no escenario sirio e, polo tanto, no rexional.

 Este último é un aspecto fundamental, xa que ensina que nunha situación de gran fluidez, na cal os equilibrios son necesariamente inestábeis, a presenza de actores de pequena ou mediana envergadura poden, mesmo, superar aos máis potentes e tradicionais exércitos.

 A segunda cuestión que mostra a conxuntura actual é que a resolución dos conflitos pode estar fóra do control das grandes potencias, e que a propia inercia dos acontecementos pode desembocar en situacións caóticas nas cales unha escalada non desexada conduza, por exemplo, á utilización de armas nucleares.

 Gústenos ou non, e certamente ninguén sensato apostaría á guerra, o conflito armado entre grandes nacións é parte do repertorio posíbel en situacións extremas como as actuais. O problema radica en que o propio devir da crise sistémica neutralizou as capacidades de negociación e intermediación vixentes en períodos anteriores. A incapacidade das Nacións Unidas, e doutras institucións, para moderar os ímpetos, é se cadra a maior mostra da crise deste tipo de mediacións.

 Polo tanto, sairá adiante que teñan maior capacidade para afrontar as situacións máis difíciles, con maior serenidade de ánimo e un abano máis amplo de opcións á hora de tomar decisións. Nas guerras, as armas son importantes pero non decisivas. As guerras do século XX así o demostran. As potencias que levaron a iniciativa militar nos momentos iniciais do conflito, saíron perdedoras.

 Neste punto, o aspecto decisivo é a cohesión da poboación e a determinación para afrontar as penurias que depara a guerra. Nesta conxuntura, a potencia peor parada é a mellor armada, EUA, mentres China parece contar cunha poboación bastante decidida a defender o conseguido desde 1949 até hoxe. Dito isto, ninguén pode ter a certeza do que sucederá, tratándose apenas de hipóteses de traballo.

 A terceira cuestión vira en torno ás alianzas que se teceron nos últimos anos, así como a incapacidade de boa parte dos Estados para poñerse a ton coa evolución global.

 En efecto, a alianza entre China e Rusia é, nestes momentos, máis sólida que nunca desde -polo menos- o último medio século. Non debemos esquecer que o triunfo de EUA ante a Unión Soviética se debeu en gran medida a que foi hábil para interpoñer unha cuña entre as dúas nacións que protagonizaran senllas revolucións socialistas.

 En paralelo, destacan alianzas rexionais novas, como a que teñen ambos os países con Irán e Venezuela. Así e todo, as alianzas máis puxantes son a Ruta da Seda e a Organización para a Cooperación de Xanghai. Ningunha das dúas inclúe as potencias occidentais, pero a segunda conseguiu atraer a un importante país do G7, como Italia, á súa esfera de influencia.

 Cómpre sinalar, de forma moi especial, a enorme dispersión de intereses dos principais países que integran a Unión Europea que, tempo atrás, era unha aliado incondicional do EUA. A principal característica da UE actual consiste na falta de norte, de proxecto propio autónomo nun escenario global que esixe cohesión e unidade de mando para afrontar as dificultades con éxito.

 En cuarto lugar, están as grandes tendencias históricas, das que ninguén pode escapar, aínda que actúan a longo prazo. A primeira destas tendencias é o devalar de Occidente e o ascenso da rexión de Asia Pacífico como substitución hexemónico. Un proceso que pode durar todo o que resta do século XXI.

 En paralelo, e como consecuencia deste devalar, rexístrase unha crise das democracias occidentais, que foran un dos principais atractivos das nacións capitalistas máis desenvolvidas e que xogou ao seu favor na competencia coa URSS. A Administración Trump é unha mostra do baleiramento das democracias, pero trátase dunha viraxe de longa duración e non unha conxuntura que deberá superarse cun cambio de Goberno.

 Non sabemos aínda que tipo de réxime vai suceder as "democracias". A hexemonía asiática en construción mostra, como sinala o analista brasileiro José Luís Fiori, que para representar os intereses dos pobos non é imprescindíbel que exista un sistema electoral de competencia de partidos. A lexitimidade dos gobernantes pode conseguirse doutros modos, en tanto os sistemas electorais se converteron no dominio dunha oligarquía de ricos e poderosos.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 27 de xuño de 2019]