Unha nova dirección en Cuba

Luismi Uharte -

O proceso electoral para a renovación dos cargos públicos en Cuba comezou o pasado 26 de novembro, cos comicios para elixir aos delegados ás Asembleas Municipais do Poder Popular e rematará este venres coa elección do xefe de Estado e de Goberno e dos 33 membros que conformarán o novo Consello de Estado.

 Este venres será un día histórico en Cuba, xa que a Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP) comezará as súas sesións e deberá nomear o novo Consello de Estado (33 membros) e o novo xefe de Estado e de Goberno que, por primeira vez logo de catro décadas, non será nin Fidel nin Raúl Castro. Este último, aos seus 86 anos de idade, abandonará os dous cargos tras dez anos ocupándoos. O propio Raúl foi quen propuxo limitar o mandato a dúas lexislaturas no sexto congreso do Partido Comunista en 2011 e agora chega o momento da substitución política na máxima dirección do país.

 Non semella que haxa dúbidas respecto ao nome que sucederá a Raúl: o actual primeiro vicepresidente Miguel Díaz-Canel, en vésperas do seu 58 aniversario. Máis aló das caricaturas que desde a prensa oligárquica internacional se quixeron realizar respecto da figura de Díaz-Canel (apparátchik), o actual vicepresidente posúe diversas calidades e aptitudes. Enxeñeiro de formación e cunha longa experiencia militante e dirixente nas Mocidades Comunistas (UJC) e posteriormente no partido, Díaz-Canel converteuse nun personaxe moi coñecido nos anos 90 sendo primeiro secretario do PCC en Villa Clara, a súa provincia natal. A súa xestión provincial foi moi ben valorada pola poboación en xeral e iso outorgoulle un gran prestixio e proxectouno a nivel nacional. Diferentes analistas, mesmo algúns críticos co proxecto político cubano, recoñecen como soubo conxugar a súa fidelidade á revolución con prácticas rupturistas e emancipadoras en áreas como a diversidade sexual, por exemplo. Na última década, Díaz-Canel desempeñou cargos de alto nivel, como ministro de Educación Superior (2009-2012) e, desde 2013 até a actualidade, como primeiro vicepresidente dos Consellos de Estado e de Ministros.

 A substitución política e xeracional é, xa que logo, obvia, pero hai que matizar que foi e seguirá sendo gradual, xa que Raúl Castro deixa a xefatura do Estado e do Consello de Ministros pero continuará sendo o primeiro secretario do PCC ata o 2021. Ademais, é moi probábel que siga como comandante en xefe das Forzas Armadas «mentres teña vida», segundo sinala o prestixioso intelectual cubano Aurelio Alonso.

 En canto aos outros tres membros destacados da chamada “xeración histórica” -José Ramón Machado, actual segundo secretario do Partido e vicepresidente do Consello de Estado; Ramiro Valdés, vicepresidente do Consello de Estado e membro do Buró Político do PCC, e Guillermo García Frías, membro do Consello de Estado e do Comité Central do PCC-, parece que tamén poderían abandonar o seu posto no Consello de Estado, facendo así máis explícita a substitución xeracional. Aurelio Alonso considera que isto traerá unha maior separación entre a dirección do partido e a do Goberno.

 Paralelamente, segundo persoas expertas, o novo grupo dirixente (xefe de Estado e o Consello) enfrontarase a un reto que a anterior dirección non tivo: o desafío de gobernar baixo outro modelo de lextimidade. Se a “xeración histórica” puido gobernar e construír a súa lexitimidade con base na vitoria revolucionaria e na posterior construción dunha nova orde social, a actual dirección estará obrigada a labrarse un novo tipo de lextimidade en función dunha xestión que sexa eficaz e ilusionante para o novo tempo político. En síntese, que sexan capaces de conducir con suficiente éxito a reforma económica en marcha, que desembocaría no novo modelo bautizado como de “socialismo próspero e sostíbel”. De calquera xeito, a curto prazo hai que ter claro, como varios analistas apuntan, que do novo Goberno non virán solucións máxicas para as dificultades actuais, polo que as expectativas sociais non deberían ser desmesuradas.

Retos políticos. Máis aló da centralidade que seguirá tendo a xestión do ámbito económico, a “xeración de substitución” ten ante si unha serie de retos de corte máis estritamente político, que deberá afrontar no próximo quinquenio. O antes citado novo modelo de lextimidade que Díaz-Canel e a súa contorna deben edificar terá como un dos seus alicerces fundamentais un meirande nivel de democratización; é dicir, unha redefinición dos mecanismos de participación política existentes e a xeración de novos repertorios que amplíen e profunden a participación popular. Para iso, a reforma da Lei Electoral e da Constitución parece que serán parte relevante da axenda da próxima lexislatura.

Reforma electoral. Aínda é unha incógnita por onde transitará a reforma electoral, mais un dos debates que está sobre a mesa é o método de elección das persoas candidatas. Actualmente as candidaturas para cargos municipais proponas directamente o pobo, pero para representantes provinciais e nacionais decídenas as comisións de selección conformadas por asembleístas municipais. Fronte ao poder que posúen as devanditas comisións, comézanse a escoitar propostas que falan da posibilidade de permitir que a cidadanía, de xeito directo, poida propoñer as candidaturas para as APPP e a ANPP.

 A prometida reforma da Constitución continúa sen data de inicio do proceso e en gran medida é un paso inevitábel para despois poder cambiar a lei electoral. Diversas propostas están circulando de xeito informal por diferentes espazos (rúa, medios de comunicación e centros de decisión), algunhas con máis forza que outras. Sen dúbida, unha de gran relevancia é a posibilidade de instaurar a elección directa do presidente. Actualmente, en Cuba, ao igual por certo que noutros réximes políticos de carácter parlamentario, a Asemblea Nacional é quen elixe o xefe de Goberno. O debate en torno á lextimidade do novo liderado levou a realizar esta proposta de elección directa, xa que, unha vez pasada a época da “xeración histórica” que levou a bo porto a xesta revolucionaria de 1959, o actual momento político esixiría unha lexitimación cidadá máis explícita, a través do voto directo.

 Isto poñería sobre a mesa outro debate inevitábel: a posibilidade de separar as funcións e, xa que logo, as figuras de xefe de Estado e de xefe do Consello de Ministros. Podería levar a reflexionar en torno ao modelo de elección dun e outro: Directo para o primeiro e indirecto (vía Parlamento) para o segundo?

 Outra proposta que goza dunha simpatía crecente sería a implantación da incompatibilidade entre ser un cargo da administración e poder optar a un cargo de elección política. Detrás disto hai unha demanda popular para que se poida instaurar un mecanismo eficaz de rendición de contas, que debería dar de xeito periódico quen desempeña unha responsabilidade administrativa ante os diferentes poderes lexislativos (locais, provinciais e nacionais). Esta proposta da petición de responsabilidades tamén se estendería aos poderes executivos, xa que, en realidade, parece que non é unha práctica habitual.

Eleccións múltiplas. Coa elección do xefe de Estado e de Goberno e dos 33 membros que conformarán o novo Consello de Estado, culminará un proceso que deu os seus primeiros pasos en setembro de 2017, coa nomeamento de máis de 27.000 candidatos e candidatas que aspiraban a formar parte das Asembleas Lexislativas dos seus concellos. Entre a primeira e a segunda volta electoral foron elixidas máis de 12.500 persoas como novos membros do Poder Popular local, para integrar as 168 Asembleas municipais existentes no país.

 O pasado 11 de marzo máis de 8.900.000 persoas foron chamadas ás urnas para elixir os e as 1.265 delegadas ás Asembleas Provinciais (16 en total) e aos 605 deputados da ANPP. Participaron 7.400.000 persoas, o 83% do censo. Do total de votos depositados un 94,5% foron válidos, fronte a un 5,5% de nulos e en branco. Dos válidos, un 80% votou (ratificou) as candidaturas propostas. É importante explicar o sistema de votación para as Asembleas Provinciais (APPP) e para a ANPP, para así poder entender o concepto de “ratificación”. En Cuba, os delegados das Asembleas Municipais propoñen as candidaturas ás Asembleas Provinciais e da ANPP. De feito, propoñen un número equivalente ás que compoñerán definitivamente as APPP e a ANPP. Xa que logo, na elección provincial e nacional o electorado ratifica ou non as candidaturas propostas. Nestas eleccións, como sinalamos anteriormente, 4/5 do electorado ratificou todas as candidaturas propostas e o resto votou de xeito selectiva, só por algunhas delas.

Menor participación electoral. En primeiro lugar, resulta conveniente avaliar os datos de participación en relación a outras eleccións nacionais. Cinco anos atrás, en 2013, a participación foi do 91%, é dicir, un 8% superior, mentres que no 2008 foi do 97% e en 2003, do 97,5%. Estes dous últimos datos mostran que nunha década a asistencia ás urnas baixou un 14%. É obvio que a porcentaxe de participación segue sendo notabelmente alta se a comparamos cos países da contorna e con niveis internacionais, e mesmo en relación a outros países onde o voto é obrigatorio (lembremos que en Cuba non o é).

 Porén, esta caída nos últimos anos interpela a dirección política cubana e esixe unha reflexión respecto das posíbeis causas desta maior desafección electoral. Descoñécense datos desagregados de participación por idade, pero probabelmente o menor grao e interese se sitúa entre as xeracións máis novas, como se evidencia nos estudos sobre cuestións políticas que se fan regularmente no país.

 Onde non se observa variación histórica recente é na porcentaxe de votos válidos, xa que nas tres eleccións nacionais anteriores se situaron nun abano do 94% (2013) ao 96% (2003). Tampouco non se percibe diferenza na porcentaxe de ratificación das candidaturas propostas: en 2013 foi do 81%.

 É pertinente, asemade, analizar o perfil dos candidatos en función de distintas variábeis como xénero, etnia, idade ou estratificación social. Por unha banda, máis da metade dos novos deputados da ANPP (un 56%) foron elixidos por primeira vez, o cal desmonta a falsa imaxe difundida no exterior dunha estrutura política que non se anova. Doutra banda, o 53% das novas deputadas serán mulleres (322 dun total 605 asembleístas), 8 puntos por riba da anterior lexislatura (45%) e unha porcentaxe moi superior á media europea, que se sitúa no 37%. En canto á composición étnica, case un 60% serán brancos fronte ao 40% de poboación negra e mulata, porcentaxes moi similares á realidade sociolóxica do país. É de salientar que, respecto da anterior ANPP, a presenza destes dous últimos medrou 5 puntos.

 En canto ao suposto carácter xerontocrático do sistema político cubano, evidénciase unha renovación xeracional na ANPP, xa que máis da metade dos parlamentarios (53%) teñen de 50 anos para abaixo, datos moi similares por exemplo, ao Parlamento español, onde esta franxa de idade comprende o 55% do total dos seus membros. Outro dato interesante é que o 47,5% dos membros da nova ANPP son tamén delegados e delegadas das asembleas municipais (a lei permite que ata o 50% sexan delegados de base). Isto supón unha forte presenza na Asemblea Nacional de referentes locais e de barrio.

 No relativo ao nivel de estudos, unha porcentaxe moi maioritaria, o 86%, ten estudos superiores. De aquí se deriva o debate que nalgúns sectores da esquerda cubana se está a dar en torno á orixe “de clase” dos deputados, ou quizais sería máis correcto dicir ás diferenzas “intraclase” que se poden observar hoxe en día. Algúns analistas, como o sociólogo Ariel Dacal, sinalan que na composición da nova ANPP haberá unha sobrerrepresentación de dirixentes políticos (altos cargos de partido) e de directores de empresas estatais fronte a unha presenza moi escasa de «traballadores directos da produción e de servizos».

 En síntese, Cuba entra nunha nova etapa política con infinidade de retos por diante e cunha nova dirección máis nova que terá que xestionar con moita habelencia un control popular moito máis intenso que o que tiveron que afrontar os líderes da “xeración histórica”. Unha xeración “absolta pola historia”, e un proxecto de país que continúa o seu rumbo soberano, ás portas do sesenta aniversario da vitoria revolucionaria.

 

[Artigo tirado do sitio vasco Naiz, do 15 de abril de 2018]

Volver