Unha nova idade xeopolítica

Ignacio Ramonet - 04 Mar 2022

A posición de Washington resulta tanto máis sorprendente canto que o seu gran rival estratéxico, neste século XXI, non é Rusia, senón China. Por iso este conflito está envolto nun resaibo da Guerra Fría (1948-1989). Quizais un dos obxectivos de Washington sexa afastar Rusia de China implicando a Moscova nun conflito en Europa, coa intención de que China non se poida apoiar en Rusia mentres Estados Unidos e os seus aliados aproveitan para acosar a Pequín no mar de China Meridional

 O 24 de febreiro de 2022, data do inicio da guerra en Ucraína, marca a entrada do mundo nunha nova idade xeopolítica. Estamos ante unha situación totalmente nova en Europa desde o final da Segunda Guerra Mundial. Aínda que houbo neste continente, desde 1945, moitos acontecementos importantes, como a caída do muro de Berlín, a implosión da Unión Soviética e as guerras na antiga Iugoslavia, nunca asistiramos a un evento histórico de tamaña envergadura, que muda a realidade planetaria e a orde mundial.

 A situación era evitábel. O presidente ruso Vladimir Putin levaba varias semanas, senón meses, instando a unha negociación coas potencias occidentais. A crise víñase intensificando nos últimos meses. Houbo intervencións públicas frecuentes do líder ruso en conferencias de prensa, encontros con mandatarios estranxeiros e discursos televisados, reiterando as demandas de Rusia, que en realidade eran moi sinxelas. A seguridade dun Estado só segarante se a seguridade doutros Estados, en particular aqueles que están situados nas súas fronteiras, está igualmente respectada. Por iso Putin reclamou con insistencia, a Washington, Londres, Bruxelas e París, que se lle garantise a Moscova que Ucraína non se integraría na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). A demanda non era unha excentricidade: a petición consistía en que Kiev tivese un status non diferente ao que teñen outros países europeos, tales como Irlanda, Suecia, Finlandia, Suíza, Austria, Bosnia e Serbia, que non forman parte da OTAN. Non se trataba polo tanto de evitar a “occidentalización” de Ucraína senón de previr a súa incorporación a unha alianza militar formada, como se sabe, en 1949, co obxectivo de enfrontar a antiga Unión Soviética e, desde 1991, a propia Rusia.

 Isto implicaba que os Estados Unidos e os seus aliados militares europeos non instalasen no territorio de Ucraína, país lindeiro con Rusia, armas nucleares, mísiles ou outro tipo de armamento agresivo que puidese poñer en perigo a seguridade de Moscova. A OTAN -unha alianza militar cuxa existencia non se xustifica desde a desaparición, en 1989, do Pacto de Varsovia- argumentaba que isto era necesario para garantir a seguridade dalgúns dos seus Estados membros, como Estonia, Letonia, Lituania ou Polonia. Pero iso, obviamente, ameazaba a seguridade de Rusia. Lémbrese que Washington, en outubro de 1962, amagou con desencadear unha guerra nuclear se os soviéticos non retiraban de Cuba os seus mísiles -instalados a 100 millas das costas de Estados Unidos-, que tiñan como única función, en principio, a de garantir a defensa e seguridade da illa. E Moscova finalmente tivo que se inclinar e retirar os seus mísiles. Con estes mesmos argumentos, Putin reclamou aos xefes de Estado e primeiros ministros europeos unha mesa de diálogo que contemplase as súas reivindicacións. Simplemente se trataba de asinar un documento no que a OTAN se comprometese a non estenderse a Ucraína e, repito, a non instalar en territorio ucraíno sistemas de armas que puidesen ameazar a seguridade de Rusia.

 A outra demanda rusa, tamén moi atendíbel, era que, como quedou establecido en 2014 e 2015 nos acordos de Minsk, as poboacións rusofalantes das dúas “repúblicas populares” da rexión ucraína do Donbás, Donetsk e Lugansk, recibisen protección e non quedasen á mercé de constantes ataques de odio como desde había case oito anos. Esta demanda tampouco foi escoitada. Nos acordos de Minsk, asinados por Rusia e Ucraína con participación de dous países europeos, Alemaña e Francia, e que agora varios analistas da prensa occidental reprochan a Putin ter dinamitado, estaba estipulado que, no marco dunha nova Constitución de Ucraína, se lles concederíase unha ampla autonomía ás dúas repúblicas autoproclamadas que recentemente foron recoñecidas por Moscova como “Estados soberanos”. Esta autonomía nunca lles foi concedida, e as poboacións rusofalantes destas rexións seguiron soportando o acoso dos militares ucraínos e dos grupos paramilitares extremistas, que causaron uns catorce mil mortos...

 Por todas estas razóns, existía un ánimo de xustificada exasperación no seo das autoridades rusas, que os líderes da OTAN non lograron ou non quixeron entender. Por que a OTAN non tivo en conta estas repetidas demandas? Misterio... Moitos observadores consideraban que a negociación era unha opción viábel: escoitar os argumentos de Moscova, sentar en torno a unha mesa, responder ás inquedanzas rusas e asinar un protocolo de acordo. Mesmo se falou, nas 24 horas que precederon os primeiros bombardeos rusos do 24 de febreiro, dun posíbel encontro de última hora entre Vladimir Putin e o presidente de Estados Unidos, Joseph Biden. Mais as cousas precipitáronse e ingresamos neste detestábel escenario de guerra e de perigosas tensións internacionais.

 Desde o punto de vista da armazón legal, o discurso de Putin na madrugada do día en que as Forzas Armadas rusas iniciaron a guerra en Ucraína tentou apoiarse no dereito internacional para xustificar a súa “operación militar especial”. Cando anunciou a intervención sostivo que, “baseándo[se] na Carta de Nacións Unidas” e tendo en conta a demanda de axuda que lle formularon os “gobernos” das “repúblicas de Donetsk e Lugansk” e o “genocidio” que se estaba producindo contra a poboación rusofalante destes territorios, ordenara a operación... Pero iso é apenas unha roupaxe xurídica, un andamiaxe legal para desculpar o ataque a Ucraína. Por suposto, trátase claramente dunha intervención militar de grande envergadura, con columnas acoirazadas que entraron en Ucraína por polo menos tres puntos: o norte, preto de Kiev; o leste, polo Donbás; e o sur, preto de Crimea. Pódese falar de invasión. Aínda que Putin sostén que non haberá unha ocupación permanente de Ucraína. O máis probábel é que Moscova, se gaña esta guerra, tente instalar en Kiev un goberno que non sexa hostil aos seus intereses e que lle garanta que Ucraína non ingresará na OTAN, ademais de recoñecer a soberanía das “repúblicas” do Donbás na totalidade da súa extensión territorial, porque cando empezou o ataque ruso, Kiev controlaba aínda unha parte importante deses territorios.

 Se non se produce unha escalada internacional, o máis probábel é que o vencedor militar desta guerra sexa Rusia. Por suposto, neste tema hai que ser moi prudente, porque se sabe como empezan as guerras, pero nunca como terminan. A diferenza de poderío militar entre Rusia e Ucraína é tal que o probábel gañador, polo menos nun primeiro tempo, será sen dúbida Moscova. Desde o punto de vista económico, en cambio, o panorama é menos claro. A batería de brutais sancións que Estados Unidos, a Unión Europea e outras potencias lle están impoñendo a Moscova son aniquiladoras, inéditas, e poden dificultar, por decenios, o desenvolvemento económico de Rusia, cuxa situación neste aspecto é xa particularmente delicada. Doutra banda, unha vitoria militar nesta guerra, se é rápida e contundente, poderíalle dar a Rusia, ás súas Forzas Armadas e aos seus armamentos un gran prestixio. Moscova poderíase consolidar, en varios teatros de conflitos mundiais, en particular en Oriente Próximo e no África saheliana, como un aliado indispensábel para algúns gobernos autoritarios locais, como principal provedor de instrutores militares e, sobre todo, como principal vendedor de armas.

 Todo isto fai máis difícil entender por que Estados Unidos non fixo máis para evitar este conflito en Ucraína. Ese é un punto central. Que gaña Washington con este conflito? Para Biden, esta guerra pode ofrecer unha distracción mediática respecto dos seus obxectivos estratéxicos. A súa situación non é doada: leva un ano de goberno mediocre en política interna, non consegue sacar adiante no Congreso os seus proxectos, non logra unha mellora palpábel das condicións de vida logo da terríbel pandemia da covid-19 nin unha corrección das desigualdades... E, en política exterior, segue mantendo algunhas das peores decisións de Donald Trump e deu unha serie de pasos en falso, como a precipitada e calamitosa retirada de Kabul... Poida que isto o levase a buscar non se comprometer cunha estratexia máis decidida para evitar unha guerra en Ucraína que se vía vir... O resultado é que Estados Unidos e as demais potencias da OTAN poderían perder Ucraína, que se afastaría da súa esfera de influencia.

 A posición de Washington resulta tanto máis sorprendente canto que o seu gran rival estratéxico, neste século XXI, non é Rusia, senón China. Por iso este conflito está envolto, en certo xeito, nun aire pasado de moda, un resaibo da Guerra Fría (1948-1989). Quizais un dos obxectivos de Washington sexa afastar Rusia de China implicando a Moscova nun conflito en Europa, coa intención de que China non se poida apoiar en Rusia mentres Estados Unidos e os seus aliados da ASEAN (Asociación de Nacións de Asia Suroriental) e da AUKUS (alianza estratéxica militar entre Australia, Reino Unido e Estados Unidos) aproveitan para acosar a Pequín no mar de China Meridional. Se cadra a iso se debe que, neste conflito de Ucraína, China se mostrase prudente: non recoñeceu nin apoiou a soberanía das dúas “repúblicas populares do Donbás”. Pequín non desexa ofrecer un pretexto a outras potencias para que elas recoñezan, á súa vez, a independencia de Taiwán. Aínda que tamén podería ocorrer que, malia as enormes diferenzas, China se inspirase na decisión rusa de invadir Ucraína para conquistar Taiwán. Ou talvez Estados Unidos aproveite a guerra en Ucraína para argumentar que China se dispón a invadir Taiwán e desencadear un conflito preventivo con China. Son hipóteses, porque o único certo é que a Historia se volveu a poñer en marcha e a dinámica xeopolítica mundial estase movendo.

 A posición da Unión Europea foi débil. Emmanuel Macron, que actualmente é o presidente pro tempore da Unión Europea, non conseguiu nada coas súas xestións de último momento. En vésperas da guerra, a idea sobre a que se mobilizaron tanto os líderes políticos como os medios de comunicación occidentais foi dicirlle a Putin que non fixese nada, que non dese un paso máis, cando o razoábel sería, repito, analizar as súas demandas e sentar a negociar para lle garantir a Rusia, dalgún xeito, que a OTAN non ía situar armas nucleares nas súas fronteiras. Nun primeiro tempo, o goberno europeo que actuou de xeito máis intelixente foi o de Alemaña, co seu novo chanceler, o socialdemócrata Olaf Scholz, á cabeza. Desde o comezo, mostrouse favorábel a que se estudasen as demandas de Putin. Pero, en canto comezou a guerra, a postura de Berlín cambiou radicalmente. A recente decisión de Scholz, adoptada por unanimidade no Bundestag, o Parlamento federal, de rearmar Alemaña mediante a asignación ao orzamento militar dunha partida excepcional de máis de cen mil millóns de euros e, a partir de agora, case o 3% do PIB do país, constitúe unha revolución militar. O rearmamento de Alemaña, primeira potencia económica de Europa, trae pésimas lembranzas históricas. Constitúe unha proba máis, espectacular e aterradora, de que estamos entrando nunha nova idade xeopolítica.

 Para rematar, seguimos preguntándonos por que Estados Unidos e as potencias occidentais non aceptaron dialogar con Putin e responder ás súas demandas, sobre todo sabendo que non poderían intervir en caso de conflito militar. Isto é moi importante. Lémbrese que, na súa mensaxe de anuncio do inicio da guerra, Vladimir Putin enviou unha advertencia clara ás grandes potencias da OTAN, nomeadamente ás tres que contan con armamento nuclear -Estados Unidos, Reino Unido e Francia-, recordándolles que Rusia “ten certas vantaxes na liña das armas de última xeración” e que atacala “tería consecuencias devastadoras para un potencial agresor”.

 De que “vantaxes na liña das armas de última xeración” se trata? Moscova logrou, nos últimos anos, do mesmo xeito que China, unha vantaxe tecnolóxica decisiva sobre Estados Unidos en materia de mísiles hipersónicos. Isto fai que, en caso dun ataque occidental contra Moscova, a resposta rusa puidese ser efectivamente devastadora. Os mísiles hipersónicos van a unha velocidade cinco ou seis veces superior á velocidade do son, ou sexa a Mach 5 ou Mach 6, a diferenza dun mísil convencional, que ten unha velocidade de Mach 1. E poden transportar tanto bombas tradicionais como nucleares... Estados Unidos acumulou un importante atraso neste campo, até o punto de que recentemente Washington obrigou a varias empresas fabricantes de mísiles (Loocked Martin, Raytheon, Northrop Grumman) a traballar de xeito conxunto e destinou un colosal orzamento para recuperar o seu atraso estratéxico con respecto a Rusia, que se calcula de entre dous e tres anos. Mais polo momento non o conseguiu. Os mísiles hipersónicos rusos, calculando a traxectoria, poden interceptar os mísiles convencionais e destruílos antes de que alcancen o seu obxectivo, o que permite a Rusia crear un escudo invulnerábel para se protexer. En cambio, os escudos antimísiles convencionais da OTAN non teñen esta capacidade contra os hipersónicos... Isto explica por que Putin decidiu ordenar a intervención militar sobre Ucraína coa seguridade de que unha escalada por parte da OTAN era moi improbábel.

 

[Artigo tirado da edición española de Le Monde Diplomatique, do 1 de marzo de 2022]