Unha orde mundial atinxida pola crise da covid-19

Rosa María Rodrigo Calvo -

O mundo que xurdirá da crise posibelmente será aínda recoñecíbel. Unha diminución do liderado estadounidense, a potenciación do liderado chinés, unha cooperación mundial vacilante e discordia entre as grandes potencias...

 Tras varios meses desde o inicio da pandemia polo virus SARS-CoV-2, aínda hoxe existen moitas dúbidas sobre o seu comportamento, a súa persistencia no ambiente ou se será ou non estacional.

 Outra pregunta é se se darán vagas sucesivas de surtos epidemiolóxicos nos próximos meses, como se están vendo aparecer en varios países como Singapur, Corea do Sur, Nova Zelandia, Alemaña ou en China, especificamente na capital Beijing, que xa ordenou estritas medidas de contención para evitar a súa propagación, despois de que a vida volvese practicamente á normalidade desde había varias semanas. Tampouco non se coñecen as secuelas a longo prazo que pode deixar no organismo das persoas infectadas e se a inmunidade adquirida a través do contaxio permanecerá no tempo. É tamén unha incógnita saber cando aparecerá no mercado unha vacina o suficientemente eficaz e de prezo accesíbel que se poida fabricar masivamente para inmunizar á poboación de maneira que desapareza o medo a novos rebrotes epidémicos. O que si queda claro é que a pandemia da COVID-19, a enfermidade causada polo novo coronavirus, se estendeu polo mundo enteiro e está xerando non só unha crise sanitaria de grande envergadura, senón tamén unha crise económica sen precedentes e outra de tipo xeopolítico de consecuencias xeoestratégicas.

 A caótica resposta global á pandemia de coronavirus e a vacilación da cooperación mundial puxeron a proba a orde internacional. A maioría das nacións repregáronse sobre si mesmas, fallaron na colaboración con outros países e marxinaron a Organización Mundial da Saúde (OMS) e outras institucións multilaterais. A existencia destes organismos non impediu que a maioría dos estados adopten un enfoque unilateral, optando por posturas nacionalistas e populistas que debilitaron o apoio público ao internacionalismo liberal. O resultado foi unha falta case total de coherencia política global. Nun sistema internacional baseado en normas, as institucións multilaterais son fundamentais para o seu funcionamento, aínda que, neste caso, semellan fracasar. Así e todo, as institucións internacionais non actúan de xeito autónomo, senón que deben ser articuladas e impulsadas polos seus estados membros, que seguen sendo os que verdadeiramente as gobernan. A débil cooperación internacional é unha elección, non unha inevitabilidade xa que as institucións multilaterais son o que os estados e os seus líderes fan delas.

 Unha orde mundial estábel é algo excepcional. Como indica Richard Haass, cando unha xorde tende a aparecer despois dunha gran convulsión que crea tanto as condicións como o desexo de algo novo. Require dunha distribución estable do poder e dunha ampla aceptación das normas que rexen as relacións internacionais. Tamén necesita dunha política hábil, xa que unha orde non nace, faise. Non importa canto de maduras sexan as condicións de partida ou forte o desexo inicial, mantelo esixe dunha diplomacia creativa, institucións que funcionen e accións efectivas para axustalo cando as circunstancias cambian e reforzalo cando xorden desafíos. E todos teñen as súas fases de crecemento, cume, devalar e ruptura final. O que está desaparecendo en realidade non é unha orde internacional en singular, senón dous sistemas que coexistiron durante a meirande parte da Guerra Fría: o construído ao redor da bipolaridade EUA-URSS, baseado nun equilibrio militar e na disuasión nuclear e outro, denominado liberal, controlado polas principais democracias occidentais e que se fortaleceu durante o momento unipolar da hexemonía estadounidense. Hoxe ambos os sistemas están a desmontarse e neste proceso inflúen tanto o rexurdimento de China como o ascenso dalgunhas potencias medias e de actores non estatais, o incremento de gobernos e movementos iliberais que ven a orde liberal como unha ameaza á súa autonomía e supervivencia, o cambio do contexto político e tecnolóxico, a falta de liderado ou o fracaso das institucións e o intervencionismo errado.

 Nos meses transcorridos desde a aparición da COVID-19, os analistas diferiron verbo do tipo de mundo que a pandemia deixará ao seu paso. Moitos argumentan que o mundo no que estamos entrando será diferente do que existía antes; outros predín que a pandemia provocará unha nova orde mundial liderada por China; outros, pola contra, pensan que provocará a desaparición do liderado do devandito país. Algúns din que terminará coa globalización; outros esperan que marque o comezo dunha nova era de cooperación global. Outros consideran que, malia os mellores esforzos de Beijing e Washington, o máis probábel é que China e EUA saian desta crise significativamente diminuídos e non xurdirá unha nova Pax Sinica nin unha anovada Pax Americana, senón que ambos os poderes se debilitarán, nunha deriva lenta pero constante cara á anarquía internacional. Pensan que, sen un liderado mundial claro, en lugar da orde e a cooperación está tomando forma un nacionalismo desenfreado que socavará o libre comercio e que conducirá a un cambio de réxime en diversos países. Tamén están os que pensan que o mundo tras a pandemia non será tan distinto ao que tiñamos, non modificará a dirección pola que camiñaba a historia mundial, senón que, máis ben, a acelerará. Outros, nunha visión realista das relacións internacionais, consideran que están a moverse cara á seguinte era global, a da competencia e enfrontamento entre as grandes potencias. Washington estaríase preparando para unha loita prolongada polo dominio de China, Rusia e outras potencias rivais. Este mundo fracturado ofrecerá pouco espazo para o multilateralismo e a cooperación e xurdirán os problemas da anarquía: loitas hexemónicas, transicións de poder, competencia pola seguridade, esferas de influencia e nacionalismo reaccionario. Pero este futuro non é inevitábel, e certamente non é desexábel xa que, segundo G. John Ikenberry, destruiría o que queda das institucións globais nas que os gobernos confían para abordar problemas comúns. As democracias liberais descenderían aínda máis á desunión e, polo tanto, perderían a súa capacidade de dar forma ás regras e normas globais e o mundo que xurdiría do outro lado sería menos amigábel cos valores occidentais como a apertura, o estado de dereito, os dereitos humanos e a democracia liberal.

 O poder económico e militar de China creceu nas últimas dúas décadas xunto a un desexo incrementado de influír fóra das súas fronteiras de acordo co seu ascenso como potencia global. Nunha dinámica de poder de transición clásica, China busca un papel máis importante no mundo, mentres que Estados Unidos o abandona voluntaria ou involuntariamente. O poder militar e económico de EUA, punto de apoio xeopolítico sobre o que descansaba a orde internacional liberal, estaba xa sendo desafiado por China antes da pandemia, tanto a nivel rexional como global. Pero tamén pola propia administración Trump que, segundo o manifesto asinado por un amplo grupo de expertos en relacións internacionais estadounidenses, afirman estar alarmados por eses ataques do presidente ás institucións internacionais e consideran que o sistema debería reformarse, pero non destruírse. Pensan que a orde global certamente necesita grandes cambios pero que as institucións son moito máis difíciles de construír que de destruír e case ninguén se beneficiaría dun descenso ao caos dun mundo sen institucións efectivas que fomenten e organicen a cooperación. Os EUA foron incapaces de asentar a súa lexitimidade e credibilidade ética, os seus adversarios de onte volveron a ser os seus adversarios hoxe, e os seus aliados de onte están desconcertados e non se senten xa realmente aliados seus. O goberno de Trump sumouse aos problemas da orde ao debilitar a estrutura dos seus aliados e deslexitimar sistematicamente as institucións multilaterais, un fracaso patente que non parece doado de remediar, creando un baleiro político e diplomático que China pode encher. Certamente, o resultado foi un mundo cada vez máis disfuncional e caótico. É probábel que a crise actual reforce tales tendencias. A rivalidade estratéxica agora definirá todo o espectro da relación entre Estados Unidos e China, tanto a nivel militar, como económico, financeiro, tecnolóxico e ideolóxico e configurará cada vez máis as relacións de Beijing e Washington con terceiros países.

 A saúde pública mundial, illada durante moito tempo da rivalidade xeopolítica e a demagoxia nacionalista, converteuse de súpeto nun terreo de combate político, paralizando a resposta do mundo á pandemia. Estase criticando con severidade a China pola súa tardía resposta á hora de avisar ao resto do mundo da existencia do novo coronavirus e, tamén, por falsear os datos de contaxio e falecementos. Sen pretender engadir ou quitar responsabilidades, que hai que dirimir, é necesario analizar tamén cantos outros países, e en contra da evidencia científica, minusvaloraron a capacidade de contaxio do virus cando xa existían probas máis que suficientes da súa elevada taxa de transmisión e letalidade; cantos gobernos non tomaron as medidas pertinentes no momento adecuado e declararon nos medios de comunicación que non ía ter eses efectos tan perniciosos nos seus respectivos países, coma se existisen barreiras á expansión dun virus. Non son todos os que non actuaron con responsabilidade e eficacia, pero sen ser demasiado exhaustivos repasando un caso tras outro, abonda con observar o noso propio país que, mediante grandes doses de desinformación cando xa habían casos de contaxio, permitiu eventos sociais de diferente tipo que implicaban a acumulación de xente nun momento no que o virus xa se estendeu a outros países como Corea do Sur, Singapur ou ben Italia, país veciño, onde estaba causando estragos e se coñecían os datos alarmantes. China tivo que se enfrontar á aparición dun virus descoñecido e establecer as pautas de contención e tratamento; outros países, porén, xa tiveron a información por adiantado, pero non actuaron correctamente. Con 60 decesos por cada 100.000 habitantes, o Estado español está no terceiro posto dos países con máis mortos por coronavirus por número de habitantes e só despois de que o Ministerio de Sanidade revisase a serie histórica e rebaixase o número de falecidos. Son só os contabilizados oficialmente, pero outras análises, como as realizadas polo Sistema de Monitorización da Mortalidad (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III, chegan á conclusión de que existe un 42% máis que non aparecen nas estatísticas. É difícil elevar unha crítica a outros países con estes elementos sobre a mesa sen entoar o mea culpa.

 A incompetencia da resposta ante a pandemia dada por EUA, país co número de contaxios e falecidos máis elevado do mundo hoxe, danou a súa reputación, o seu poder brando. China, doutra banda, brindou axuda, e iniciou unha vigorosa propaganda, a “diplomacia de máscara”, nun intento de converter a narrativa dos seus erros iniciais nunha resposta positiva á pandemia. Así e todo, gran parte do esforzo de Beijing para restaurar o seu soft-power foi tratado con escepticismo en Europa e noutros lugares. En palabras de Joseph S. Nye, isto débese a que “o poder brando baséase na atracción”e “a mellor propaganda non é propaganda”. A narrativa imperante baséase nas reticencias que causa o ascenso de China e a posibilidade de que poida inclinar o equilibrio de poder mundial ao seu favor e a desconfianza que xera o seu sistema político e a súa asertividade.

 A pandemia e a resposta a esta semellan estar revelando e reforzando as características fundamentais da xeopolítica actual e mostrando as súas vulnerabilidades. Os efectos da pandemia empezaron a facer máis visíbel certos axentes de cambio a nivel xeopolítico, fundamentais e interconectados, que xa estaban presentes antes da pandemia como a rexionalización e relocalización, producindo o regreso de empresas e medios de produción aos países de orixe desde China e outros países asiáticos para asegurar a proximidade e acceso dos bens considerados estratéxicos, evitando unha dependencia crítica doutros estados. Tamén se está favorecendo o desacoplamento, co fin de separar a China do acceso á tecnoloxía occidental e cambiar ao seu favor o fluxo global de mercancías e financiamento. Pero estes comportamentos están creando unha fractura interna no bloque occidental, debido a que non todos os países están de acordo en conceder a exclusiva a Washington xa que, por mor do seu actual comportamento illacionista e impredicíbel, non aseguraría o seu compromiso de protección e, con todo, proporcionaríalle unha ferramenta máis de presión e control sobre os seus aliados e socios. Até certo punto, isto é o resultado do que Fareed Zakaria describiu como “o ascenso do resto”, como consecuencia dunha diminución na vantaxe relativa dos Estados Unidos malia que a súa forza económica e militar absoluta continuase crecendo. Pero é tamén algo máis, xa que é o resultado da vacilación da vontade estadounidense na estratexia de cooperación con outros países, e non unha diminución da súa verdadeira capacidade.

 A crise parece destruír gran parte do que quedaba da relación entre EUA e China. En Washington, calquera retorno a un mundo de “compromiso estratéxico” anterior a 2017 con Beijing xa non é politicamente sostíbel. Un segundo mandato de Trump significará un maior desacoplamento e posibelmente un intento de contención e, se gañase as eleccións o candidato demócrata Joe Biden, tampouco parece que existirán grandes modificacións na situación xa que os sentimentos anti-China están enraizados xa en ambos os partidos. Estados Unidos parece xurdir deste período como unha organización política máis dividida en lugar dunha máis unida, como normalmente sería o caso despois dunha crise nacional desta magnitude. Como indica o politólogo estadounidense Graham Allison, a maior ameaza para a posición de Estados Unidos no mundo atópase nos fracasos do propio sistema político estadounidense. “O desafío decisivo para os estadounidenses de hoxe é nada menos que reconstruír unha democracia que funcione dentro das súas fronteiras”. Esta fractura continua do establecemento político estadounidense engade unha restrición adicional ao liderado global dos EUA que facilitaría o ascenso á posición de liderado de China, podéndose entrar na trampa de Tucídides que provocaría que a relación entrambos os países se volvese aínda máis conflitiva.

 Do mesmo xeito que con outros puntos de inflexión históricos, tres factores darán forma ao futuro da orde global: cambios na forza militar e económica relativa das grandes potencias, como se percibirán eses cambios en todo o mundo e que estratexias despregarán as grandes potencias. Conforme aos tres factores, China e Estados Unidos teñen motivos para se preocuparen pola súa influencia global no mundo post-pandemia. A caída en picado dos índices económicos mundiais durante o confinamento convenceu a Estados e organizacións internacionais de que a crise económica será difícil e posibelmente duradeira. Estase recuperando a figura do Estado como actor económico mesmo nos países máis liberais que están intervindo con importantes plans económicos imprescindíbeis para proporcionar o impulso inicial que permita reactivar as economías nacionais. A pandemia tamén fixo máis visíbel o ascenso tecnolóxico de China, e tanto o seu soft-power como a xeopolítica da tecnoloxía poderían reforzar a imaxe internacional de China, e mesmo impulsar o cambio na estrutura de poder global imperante.

 É demasiado cedo para predicir cando e como terminará a crise, xa que dependerá do grao en que as persoas sigan as pautas de distanciamento social e a hixiene recomendada, a frecuencia e intensidade dos novos surtos epidémicos, a dispoñibilidade de probas rápidas, precisas e accesíbeis, medicamentos antivirais e unha vacina eficaz e doada de obter, así como do alcance do alivio económico proporcionado a individuos e empresas. Mais outros factores tamén intervirán, engadindo complexidade á análise. A recuperación económica xogará un importante papel no reposicionamento de cada unha das grandes potencias e no desprazamento dos equilibrios de poder xeopolíticos. Aquelas potencias que saian da pandemia con graves problemas económicos verán reducidas de xeito drástico as súas opcións estratéxicas. Así, China estaría, en principio, mellor situada que EUA, xa que saíu da pandemia con antelación e relativamente intacta, pero a intensificación da rexionalización e a desvinculación dos mercados máis importantes do mundo, Europa e EEUU, afectaranlle negativamente. A Estados Unidos, pola súa banda, fáltalle o desexo e segue insistindo na súa política de “América primeiro”, un trumpismo que se entende mellor como un movemento en contra da orde establecida de alcance transnacional.

 A orde mundial foi atinxida nos seus alicerces e, se a crise actual fai que se chegue á conclusión de que o multilateralismo está condenado e os políticos se convencen da necesidade de provocar a súa desaparición, estarase preparando á humanidade para calamidades aínda máis custosas. Se a crise, en troca, serve como chamada de atención, como estímulo para facer reformas e investir nun sistema multilateral máis efectivo, o mundo estará moito mellor preparado cando chegue a próxima crise mundial.

 O mundo que xurdirá da crise posibelmente será aínda recoñecíbel. Unha diminución do liderado estadounidense, a potenciación do liderado chinés, unha cooperación mundial vacilante e discordia entre as grandes potencias, o desacoplamento estratéxico, o nacionalismo, a fragmentación e o colapso da orde global. Todo isto caracterizaba xa o marco internacional antes da aparición da COVID-19, pero a pandemia exarcebounos e converteranse en características aínda máis destacadas do mundo que está por vir. Pero achegando unha miga de optimismo, a pandemia tamén ofrece a oportunidade de reverter este curso e optar por un camiño diferente: un esforzo de última oportunidade de axuste e reforma para reclamar un proxecto que reconstrúa unha orde aberta, inclusiva e multilateral.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 23 de xuño de 2020]

Volver