Unha reforma laboral histórica ou unha mentira obscena?

Suso Seixo - 14 Xan 2022

A reforma laboral do goberno Unidas Podemos-PSOE mantén todos os aspectos chave no que ten que ver coa flexibilización, desregulación e precarización do mercado laboral, é dicir, cumpre fielmente coas esixencias da patronal para unha mellor defensa dos seus intereses de clase

 Unha reforma laboral histórica foi o cualificativo que a sra. Ministra de Traballo e o seu partido, Unidas Podemos, tiveron a ousadía de dar á nova reforma laboral asinada polo Goberno español, CCOO, UGT, CEOE e CEPYME, o pasado 23 de decembro, e aprobada en Consello de Ministros o 28.12.21, mediante a forma legal de R.D.L. 32/2021. Unha vez máis, canta mentira, canto marketing e canta manipulación mediática; lévano no ADN.

 Nada de novidoso ten esta reforma que mereza o tal cualificativo de histórica. Estamos de novo diante da posta en práctica da política de Pacto Social, que tan nefastas consecuencias tivo e ten para a clase traballadora, desde que se empezou a practicar cos Pactos da Moncloa de 1977, nos que xa daquela participaron tamén os autores desta reforma, incluído por certo o PCE, do que é militante a Ministra de Traballo actual, a sra. Iolanda Díaz. Había moitos anos que este partido político non tiña protagonismo na política española e, unha vez máis, teno para mostrar o seu convencido españolismo, reforzando o carácter centralista do marco español de relacións laborais, e para favorecer os intereses da burguesía española.

 Nin no contido, nin nas formas, nin nos protagonistas, nin na clase social que sae beneficiada, nin na manipulación informativa sobre os contidos e os obxectivos desta, nos pode levar a dicir que estamos diante dunha reforma laboral histórica nin novidosa.

 Esta reforma non modifica no fundamental a reforma laboral do PP, do 2012, así recoñecido por dirixentes do PP tan destacados como o seu presidente Pablo Casado (“aínda que mantén o 90% da nosa reforma non é motivo suficiente para darlle o noso apoio”) ou o sr. Aznar que pide directamente o apoio do PP a esta reforma, e mesmo tamén por algúns dos propios asinantes do Pacto, como é o caso do presidente da CEOE, Antonio Garamendi que di que ”esta reforma mantén a esencia da reforma laboral do 2012 e que garante a liberdade de empresa, a seguridade xurídica e a paz social”, ou o que é máis significativo, polo propio secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, quen en declaracións ao Faro de Vigo, do 1/1/22, di expresamente: ”a reforma non está pechada; as negociacións quedaron a medio camiño; quedou por negociar a parte máis importante como todo o relacionado coas causas e o custo dos despedimentos, o procedemento para os ERE e a negociación colectiva; limitámonos a negociar as cuestións que o Goberno español se comprometeu coa Unión Europea”. Máis claro, auga.

 Efectivamente, na reforma fanse algunhas modificacións nas modalidades de contratación de carácter temporal como son os contratos por obra ou servizos, circunstancias da produción, interinidade, formación e prácticas ou na modalidade de fixos descontinuos (falsos indefinidos na grande maioría dos casos). Búscase, por parte do Goberno español, incrementar esta última modalidade de contratación, a de fixo descontinuo, a custa da redución dos contratos por obra e servizo, para modificar, artificialmente, as estatísticas de temporalidade e poder así, formalmente, cumprir cunha das esixencias da Unión Europea para ter acceso aos fondos Next Generation.  

 Pero hai aspectos da nova normativa en materia de contratación que indican que a redución da temporalidade e precariedade non vai ser moi exitosa, por exemplo: mantense unha modalidade de contratación temporal non ligada a circunstancias imprevisíbeis ou non estruturais; o límite da duración dos contratos temporais fíxase no tempo pero non nas causas nin no número de persoas afectadas; nos teóricos contratos de fixos por obra no sector da construción, facilítase o despedimento vía indemnización do 7%; téndese a esvaer a distinción clásica entre traballo temporal e traballo fixo; non se contempla a esixencia lóxica de que os traballadores e traballadoras das empresas de contratas e subcontratas teñan as mesmas retribucións que a empresa principal.

 Pola contra, esta reforma laboral, ao abeiro do mantra do “diálogo social”, utilizado mesmo como vía de chantaxe os grupos políticos con representación no Parlamento español, consolida os aspectos máis lesivos da reforma laboral do PP do ano 2012, como é o caso de: as reducións nas indemnizacións por despedimento; a eliminación dos salarios de tramitación; a non esixencia de autorización administrativa nos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE e ERTE); as facilidades á patronal para os despedimentos colectivos ou por causas obxectivas; a prevalencia dos convenios estatais sobre os convenios provinciais ou autonómicos; a prevalencia do convenio de empresa sobre o convenio sectorial, excepto en materia salarial; as facilidades á patronal para descolgarse do cumprimento dos convenios colectivos asinados; a distribución irregular da xornada laboral e, como novidoso, contempla a creación do chamado Mecanismo en REDE que vai posibilitar ás empresas suspender os contratos ou reducir a xornada dos seus traballadores e traballadoras, é dicir, unha modalidade de ERTE multiempresa, con cargo a fondos públicos e co control deste mecanismo por parte da administración, os sindicatos e a patronal estatais.

 Estamos a falar, pois, dunha reforma laboral que mantén todos os aspectos chave no que ten que ver coa flexibilización, desregulación e precarización do mercado laboral, é dicir, cumpre fielmente coas esixencias da patronal para unha mellor defensa dos seus intereses de clase; reforza o marco estatal de negociación e polo tanto o poder e o control sobre este das centrais sindicais españolas, especialmente das asinantes da reforma (é parte do pagamento pola súa entrega ao poder establecido), debilita en consecuencia a clase traballadora en xeral e busca debilitar as centrais sindicais soberanistas, maioritarias en Galiza e Euscadi, e nun importante proceso de medre en Catalunya. En definitiva, consolidación dun modelo de relacións laborais que cumpre coas directrices que ao respecto ten o capital para o mercado laboral a nivel mundial.

 Estamos ante máis do mesmo que as reformas laborais anteriores. E todo isto se fai coa complicidade e apoio de dúas centrais sindicais supostamente de clase, CCOO e UGT (as dúas vinculadas ideoloxicamente coas forzas políticas gobernantes), e da man dun goberno “progresista” e dunha ministra “comunista”. Mellor escenario para o capital imposíbel. Impón a súa política laboral de recortes e precariedade co respaldo político e social da suposta esquerda española. Non é de estrañar pois que os medios de comunicación do sistema dediquen tanto espazo e tempo a enxalzar a imaxe, a estética burguesa e o “bo facer” da señora Ministra de Traballo. O capital nunca regala nada; o que dá sempre é a cambio de preservar o seu poder e os seus intereses de clase. E, neste caso, atopou en Iolanda Díaz unha merla branca, que ademais gusta de selo, e vaina aproveitar durante todo o tempo que poida e lle sexa funcional.

 Cómpre manter pois diante desta farsa a mobilización permanente, local e xeral, esixíndolle ao Goberno español o prometido e incumprido de derrogación da reforma laboral do PP, así como tamén do seu complemento, a Lei mordaza.

 Non teño a menor dúbida de que o sindicalismo nacionalista galego, perfectamente clarificado, como sempre e desde o primeiro momento, respecto do significado negativo desta reforma laboral, dará a resposta acaída a esta mentira, engano e manipulación, desenvolvendo un importante labor de clarificación nas empresas e de mobilización da clase traballadora galega.

 O importante é ter claro o camiño a seguir e vontade de recorrelo. O como, o momento e o tempo que se tarde en facelo, vai depender das circunstancias e da correlación de forzas en cada momento. A CIG, exemplo claro de vangarda sindical no Estado español, reiteradamente demostrado, non teño a menor dúbida de que ten claro o camiño e a firme determinación de andalo.

 

[Teo, 13 de xaneiro de 2022]

_____________________________________________________________________________

 

Suso Seixo é o presidente do Padroado da Fundación Moncho Reboiras