Persoal da central das Pontes concéntrase na Xunta para esixir unha transición xusta e garantías de emprego

Urxen a convocatoria das mesas de traballo ante o anuncio de peche definitivo feito por Endesa

As Pontes -

Unha representación do persoal de Endesa e das industrias auxiliares realizou unha concentración este mércores diante do complexo administrativo de San Caetano para esixir unha transición xusta, garantías de emprego e alternativas industriais para a comarca. A protesta coincidiu coa reunión que a parte social mantivo coa directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, para coñecer a postura da Xunta ante o anuncio de peche definitivo feito por Endesa e esixirlle ao Goberno galego que actúe para dar solucións de continuidade aos postos de traballo.

No encontro, a representación sindical incidiu na necesidade de dar garantía de emprego ao persoal das auxiliares, pois a pesar de que a Xunta se puxo en contacto coa eléctrica (tras da reunión do 28 de decembro) para que non se tomaran medidas laborais até coñecer o resultado das probas, "esta mediación non foi efectiva e xa houbo desprazamentos de traballadores/as das contratas para garantirlles o posto a curto prazo". Ademais, a empresa está recolocando ao seu persoal propio a centos de quilómetros, "o que tampouco é xusto nin para os traballadores/as que se teñen trasladar nin para o territorio, pois supón destruír empregos".

Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, sinala que aínda que a reunión xa estaba prevista con anterioridade, o anuncio do peche definitivo da central das Pontes feito onte por Endesa, centrou boa parte da xuntanza. Neste senso, criticou a falta de iniciativa do Goberno español e da Xunta ten en conta que en todo este proceso de transición "é a empresa quen toma decisións e marca os tempos cando lle interesa e as informacións de relevancia nunca veñen pola canle normal".

De feito, a propia directora xeral manifestou a sorpresa por este anuncio, asegurando que a Xunta descoñecía o informe sobre o resultado das probas e que Endesa llo notificou ao mesmo tempo que o facía público; así como que o comité técnico está valorándoo para facer a súa análise. Alberte Amado subliña que este anuncio "é clarificador do nulo interese da empresa neste proxecto, o que pode acelerar os despedimentos na industria auxiliar".

Reasignación da capacidade de evacuación se non hai garantías

Diante disto, a representación do persoal urxiu a convocatoria inmediata das mesas de traballo para abordar esta situación, falar da continuidade dos postos de traballo, das posibilidades de producir con biocombustíbeis e definir, dunha vez, o resto de proxectos. "Tamén lle trasladamos a Xunta que non imos aceptar que Endesa peche este proceso de transición das Pontes sen acordo coa parte social e coas administracións", engadiu Amado.

A este respecto, lembra que a CIG presentou achegas á nova regulación para a concesión dos nós de transición xusta, para que eléctricas que, como Endesa, pechan térmicas sen ofrecer garantías de continuidade dos postos de traballo (tanto da principal como das industrias auxiliares) non poidan manter a capacidade de evacuación á rede que actualmente teñen asignada pola actividade das térmicas, nin tampouco poidan acudir ás poxas de enerxía renovábel, mentres non resolvan coa representación dos traballadores/as (da principal e das contratas) unha solución laboral e industrial que manteña os postos de traballo nos concellos onde están instaladas as centrais.

Concentración este venres na Delegación

No calendario de accións acordada, este venres 22 de xaneiro, está convocada concentración ás 11:00 horas diante da Delegación do Goberno na Coruña, xa que as centrais sindicais teñen convocada unha xuntanza co delegado "que aínda non nos contestou".

Volver