Unha sentenza confirma que as eleccións sindicais celebradas en Coren foron unha fraude

O Xulgado de Ourense desestima a demanda contra o laudo arbitral e anula o proceso

Ourense -

A sentenza do Xulgado do Social número 4 de Ourense que desestima a demanda presentada polo sindicato Grupo de Trabajadores Coren contra o laudo arbitral que anulou a constitución das mesas electorais confirma que o proceso, tal e como sostiña a CIG, foi unha fraude.

A decisión xudicial, contra a que non cabe recurso, deixa sen efecto o resultado das votacións que tiveron lugar onte e ás que unicamente concorreu a candidatura do sindicato da empresa, xa que a CIG optou por non presentarse para non participar “dun proceso fraudulento”.

Ademais, a central reclama a inclusión no censo do traballador despedido por formar parte da súa lista, “xa que o caso está xudicializado e no caso de que o despido sexa declarado nulo as eleccións serían nulas porque non se lle permitiu participar”. Polo tanto, agardan que na constitución da nova mesa electoral que terá lugar este venres o traballador despedido figure no censo. 

A CIG reclama que o traballador despedido por ir na súa lista sexa incluído no censo electoral

Os feitos descritos na sentenza retrotráense ao pasado mes de maio, cando a CIG presenta un preaviso para celebrar eleccións sindicais no centro de procesado avícola (CPA) de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo. En xullo achega, xunto a outras organizacións sindicais, reclamacións pola constitución de tres mesas electorais: técnicos/as e administrativos/as, matadeiro e sala de despece.

A central alega que o preaviso se refire a todo o centro de procesado avícola,  considerando o matadeiro e a sala de despece como unha única unidade electoral con dous colexios: especialistas e técnicos/as e administrativos/as.

Ao non obter resposta por parte das mesas electorais opta por presentar en solitario un escrito de impugnación para promover o correspondente procedemento arbitral, reclamando a nulidade da constitución das mesas e do proceso en si. O laudo dálle a razón e declara nula a constitución das mesas por non respectar o principio de circunscrición electoral única que se deriva do preaviso efectuado pola CIG.

"Despotismo e chulería"

Pero a dirección de Coren, “nun alarde de despotismo e chulería nunca antes visto en eleccións sindicais”, non só non cumpre a resolución senón que segue adiante co proceso electoral e a través do sindicato amarelo recorre a decisión nos tribunais, que non atenden a súa demanda.

“A teima de Coren en dividir o CPA en dous centros de traballo responde á estratexia deseñada pola dirección para intentar xustificar que os falsos/as autónomos/as pouco ou nada teñen que ver coa empresa, sobe todo agora que nos achegamos á data do xuízo, previsto para finais de setembro”, sosteñen dende a FGAMT-CIG de Ourense.

Volver