Unha sentenza declara nulo o despido represivo dunha delegada da CIG na residencia de maiores Bardella da Guarda

A resolución do Xulgado do Social número 3 de Vigo obriga á súa readmisión e fixa unha indemnización de 7500 euros por danos morais
A Guarda - 25 Xun 2026

O Xulgado do Social número 3 de Vigo vén de declarar nulo o despedimento dunha traballadora e delegada sindical da CIG no centro residencial de persoas maiores Bardella da Guarda, que a central sindical considera un novo caso de represión sindical por parte da empresa. A resolución xudicial, contra a que cabe recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), obriga á readmisión da afectada e fixa unha indemnización de 7500 euros por danos morais.

Segundo explican dende a CIG-Servizos de Vigo, a traballadora foi despedida en decembro do ano pasado, apenas tres meses despois de terse reincorporado ao seu posto tras unha longa baixa por incapacidade temporal. A decisión da empresa produciuse unha vez que a traballadora solicitou unha valoración e posterior adaptación do posto de traballo, que tanto a propia residencia como a compañía externa do servizo de prevención demoraron en realizar. 

Esta sentenza demoledora é un xerro de auga fría para a empresa, que terá que readmitila, como é a vontade da afectada, que non está disposta a ceder ante as presións e as ameazas da dirección

Unha vez feita a valoración, no que a empresa externa decláraa apta con limitacións, a dirección do centro executou un despido obxectivo a pesar de que a traballadora, que ten categoría de xerocultora, pode levar a cabo a maior parte das funcións que recolle o convenio colectivo de residencias privadas de Galiza. “Mais a directora da residencia negouse a facerlle a adaptación de posto polo mero feito de ser unha delegada sindical da CIG”, denuncian.

Agora a sentenza declara nulo o despido e establece que a empresa ten que facerse cargo dos salarios de tramitación dende o momento da baixa até a súa incorporación, ademais de fixar unha indemnización de 7500 euros por danos morais.

A CIG considera que se trata dun novo caso de persecución e represión sindical por parte da residencia Bardella, aínda que a sentenza recoñece que non se puido constatar. “Pero si considera oportuno a indemnización por danos morais, tendo en conta ademais que a compañeira ten recoñecida unha discapacidade e que existe mala fe por parte da empresa á hora de non adaptarlle o posto de traballo; cando na resolución xudicial queda claro que é posíbel porque hai un número moi importante de funcións que a traballadora pode realizar”.

Neste senso, lembran que dende as eleccións sindicais que tiveron lugar en 2024 a dirección puxo en marcha unha campaña de acosa ás delegadas da CIG, primeiro co despido da traballadora que encabezaba a candidatura da CIG e posteriormente con persecución, chantaxe e ameazas a unha delegada. “Agora pretendían quitarse do medio a outra representante sindical, polo que esta sentenza demoledora é un xerro de auga fría para a empresa, que terá que readmitila, como é a vontade da afectada, que non está disposta a ceder ante as presións e as ameazas da dirección”.