Unha sentenza obriga a Nueva Pescanova a recoñecer a sección e o delegado sindical da CIG

A central denunciará a empresa por non facilitar datos económicos e a Inspección de Traballo por inacción
Vigo - 19 Abr 2018

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) obriga a Nueva Pescanova a recoñecer tanto a sección sindical como o delegado da CIG e insta a dirección da empresa a cesar o seu “comportamento antisindical”, ao tempo que lle impón o pago dunha indemnización por danos morais. Ademais, a central presentará unha denuncia contra a compañía viguesa por non facilitar datos sobre a masa salarial e a Inspección de Traballo por inacción.

A secretaria nacional e o comarcal de Vigo da FGAMT-CIG, Dores Martínez e Suso García, compareceron hoxe en rolda de prensa xunto aos delegados/as da central nos comités de empresa dos centros de traballo de Pescanova na provincia de Pontevedra para facer pública a sentenza emitida polo TSXG o pasado 28 de abril tras a denuncia presentada pola central contra a empresa por conduta antisindical despois de que a dirección se negase a recoñecer a sección sindical e o delegado a pesar de que tanto a constitución da sección sindical como o nomeamento do delegado están amparados pola Lei Orgánica de Liberdade Sindical e polo Estatuto dos Traballadores/as.

Segundo explicou Martínez, o sindicato decidiu constituír a sección sindical e escoller o delegado o pasado mes de novembro, unha vez que o grupo Pescanova unificou todas as empresas nunha soa compañía, Nueva Pescanova, que conta con máis de 250 traballadores/as, o único requisito que establece a lei para poder facelo.

Pero en decembro, tras comunicarllo á empresa, a dirección de Pescanova responde que non recoñece o delegado nin os seus dereitos. “Entón lembrámoslle que é un dereito recollido na Lei de Liberdade Sindical, pero reiteran a súa negativa a recoñecer o delegado e a sección sindical”. É entón cando deciden presentar a denuncia por vulneración do dereito de liberdade sindical que agora desemboca na sentenza que se vén de coñecer. Á CIG non lle consta que a empresa teña presentado ou anunciado a presentación dun recurso de casación.

Nega datos económicos

Na comparecencia diante dos medios de comunicación os responsábeis da FGAMT-CIG tamén anunciaron que presentarán unha nova demanda contra Pescanova, neste caso por negarse a facilitar datos económicos necesarios para abordar as negociacións coa empresa, como por exemplo a do convenio colectivo. En concreto, Pescanova non lle trasladou á parte social o importe da masa salarial entre 2012 e 2015, unha actitude que dende a central cualifican de “novo exemplo de conduta antisindical” xa que “non existen razóns obxectivas para que nos negue esta información”. 

A central critica que a empresa pretenda reducir sen xustificación a paga pactada no convenio colectivo

A CIG presentará ademais un recurso contencioso administrativo contra a Inspección de Traballo por inacción e deixadez, “xa que en abril de 2017 lle solicitamos que actuase para obrigar a empresa a facer públicos estes datos, obtendo a calada por resposta”. En decembro os servizos xurídicos da central remitíronlle un escrito á autoridade laboral reiterando a súa petición e reclamándolle que nun prazo de tres meses informase sobre as xestións realizadas neste sentido, pero a día de hoxe seguimos igual”.

Finalmente, os responsábeis sindicais tamén criticaron que a dirección de Pescanova pretenda “ratearlle” ao cadro de persoal parte dunha paga variábel pactada nos convenios dos distintos centros de traballo. Durante a negociación acordárase que a suba salarial sería dun 1,25% fixo máis un 0,25% variábel a abonar nunha única paga en función das ganancias da empresa antes de impostos, cantidade que tería que pagar agora. “Pero acaban de mandarlle unha carta aos traballadores/as na que lles din que unicamente lles van abonar un 0,18% xa que supostamente non acadaron o obxectivo de ingresos fixado no plan estratéxico 2016-2020, plan que por outra banda non lle foi entregado á parte social senón que unicamente informan do que lles interesa”.

Máis accións xudiciais

Neste senso, indican que Pescanova sostén que as súas previsións pasaban por ingresar 87,8 millóns de euros en 2017, “dato que contradí o que anunciaron no seu momento”. E é que o plan industrial da empresa de alimentación establecía unha previsión que pasaba de 35 millóns en 2016 a 139 en 2020, “o que supón uns ingresos de 26 millóns de euros ao ano”.

E segundo os datos da propia compañía, as ganancias antes de impostos foron de 8,2 millóns de euros en 2017, “polo que lograron sobradamente os obxectivos que se marcaban no plan industrial, xa que supón un incremento de 45 millons de euros nun ano”. Deste xeito, na CIG entenden que non existe xustificación para rebaixar a contía da paga tal e como pretende Pescanova e non descartan actuar xuridicamente contra esta decisión por incumprir o pactado en convenio colectivo.