Unha sentenza recoñece a legalidade de limitar a contratación por ETT nos convenios colectivos

O TSXG xa lle dera a razón á CIG no sector do metal da provincia de Pontevedra
Nacional - 10 Xan 2020

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) desestimou este xoves día 9 a demanda presentada por Asempleo, a patronal do sector de Empresas de Traballo Temporal, contra o convenio de Limpeza de Edificios e Locais da provincia da Coruña por incluír cláusulas que limitaban a contratación mediante ETT. O TSXG xa fallara a favor da CIG ao validar a limitación da contratación mediante este tipo de empresas no sector do metal da provincia de Pontevedra.

Asempleo reclamaba a impugnación do convenio coruñés ao incluír no seu artigo 35 a limitación de realizar de contratos por circunstancias do mercado botando man de ETT. Pero a sentenza recoñece a falta de lexitimación das ETT para demandar por ilegalidade os convenios que inclúan este tipo de cláusulas, ademais de non acreditar lesividade a dita patronal. “Con esta decisión xudicial quedan limitada as posibilidades de impugnación dos nosos convenios por parte destas asociacións”, explica o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Paco Sío.  

Esta decisión xudicial limita as posibilidades de impugnación dos nosos convenios por parte destas asociacións

Considera especialmente relevante que a sentenza recolla a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (tras a denuncia de Shell Aviation), que libra aos tribunais de ter que decidir a respecto da legalidade ou non das cláusulas limitativas das ETT, función que queda en mans das administracións.

O propio TSXG xa lle dera tamén a razón á CIG na sentenza do 11/12/2014 e validara a limitación da contratación por ETT no sector do Metal da provincia de Pontevedra, agás nos supostos de substitución por IT, vacacións ou licenzas.

“A propia directiva europea 2008/104/CE admite restricións e excepcións ás ETT por motivos lexítimos, como son a protección das persoas traballadoras en materia laboral ou por saúde; non hai que esquecer que o preocupante aumento nos accidentes laborais e a alta mortalidade ten que ver co precario mercado laboral español, onde as ETT teñen especial incidencia”.

Por iso salienta que a sentenza crea un precedente importante ao desmontar a estratexia da propia patronal Asempleo de atacar todos os convenios ao longo do Estado español que inclúan limitacións as ETT. “Esta estratexia fixo efecto en diferentes convenios fóra de Galiza, xa que os sindicatos españois decidiron retirar estas cláusulas dos seus convenios, aceptando os argumentos de Asempleo sen necesidade de sentenza”.

Novas formas de explotación

O máximo responsábel de negociación colectiva da CIG lembra que a central leva iniciou unha campaña en 2017 de loita contra as novas formas de explotación laboral e a precariedade, “das que as ETT forman parte activa deses mecanismos de empobrecemento da clase traballadora; unha das medidas adoptadas pola CIG foi introducir nas plataformas dos seus convenios a prohibición desta forma de explotación laboral.

Por último, Sío denuncia que a Xunta está a participar activamente na campaña de Asempleo para desregular o uso de ETT “xa que ten paralizados sen rexistrar convenios galegos por incluír este tipo de cláusulas”. Neste senso, o responsábel sindical critica que o Goberno galego se exceda no seu deber de control da legalidade no rexistro dos convenios, “sendo parte a favor da patronal das ETT e indo en contra do que acordan a patronal galega e os traballadores/as galegos/as nos seus convenios”.