Unha transición enerxética xusta debe formular alternativas industriais e de emprego

Galiza ten que estar incluída no Plan de Acción Urxente

Nacional -

Galiza remataba decembro con 594 persoas desempregadas máis no sector industrial. Tamén coa solicitude formal de peche da central térmica das Pontes que se suma ao peche das instalacións de Meirama, acelerando así o desmantelamento do noso tecido produtivo e afondando na grave crise industrial que padece o noso país.

Endesa, propietaria da central das Pontes, adoptaba esta medida sen comunicación previa á representación social, sen agardar os resultados das novas probas con combustíbeis alternativos ao carbón, sen achegar proxectos que substitúan a actividade da térmica e sen cumprir as garantías de emprego, cando xa se están a producir despedimentos nas auxiliares. En resposta, as organizacións sindicais convocaron unha xornada de folga o martes 14 de xaneiro, tanto na principal como nas contratas.

Tampouco Naturgy, un ano despois de anunciar a clausura de Meirama, presentou compromisos concretos co emprego e coa reindustrialización da comarca, negándose incluso a manter reunións coa representación do persoal. Para esixir unha transición xusta e ordenada que favoreza a creación de emprego e a industrialización, a CIG convocou unha protesta o venres 17 de xaneiro, ás 14:30h na entrada da central térmica.

Estas decisións empresariais execútanse sen as Administracións esixirlles responsabilidades ás eléctricas, malia que durante décadas obtiveron millonarios beneficios á conta de espoliar os nosos recursos. “Para que sexa xusta, a transición enerxética ten que pasar por propor proxectos de futuro que minimicen o impacto sociolaboral que o peche das centrais ten nestas comarcas e que Galiza estea incluída nos plans e axudas que se poidan destinar, tanto a nivel europeo como estatal e galego, aos territorios afectados polos procesos de descarbonización”, advirte o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Porén, Galiza está excluída dos plans estratéxicos e non hai ningún proxecto industrial viábel enriba da mesa que permita suplir unha actividade que constitúe un dos motores económicos destas bisbarras (só en termos de emprego, a central de Meirama xera uns 200 postos e a das Pontes uns 750).

Galiza, excluída das axudas

Carril alerta de que para Galiza non existe un convenio similar aos pactados para Aragón, Asturias ou Castela e León, nin tampouco se nos aplica ningunha das medidas recollidas no plan de acción urxente 2019-2023. Lembra, ademais, que o cesamento das térmicas ten impacto directo nos tráficos dos portos da Coruña e de Ferrol e sobre ducias de auxiliares relacionadas con esta actividade.

Esta discriminación foi trasladada pola CIG á Dirección Xeral do Cambio Climático da UE nun encontro celebrado o pasado mes para coñecer o contido e alcance do “Novo e Xusto Acordo Verde” e reclamar o dereito de Galiza a estar incluída nas liñas de axudas e fondos que se destinen ao proceso de descarbonización, atendendo ao maior impacto que suporá para o noso país e ás negativas consecuencias sociais, económicas e laborais que vai ter.

Tarifa Eléctrica Galega

“Non podemos, unha vez máis, ser os únicos e as únicas en asumir os custos desta reconversión mentres a nosa capacidade de produción de enerxía segue posta ao servizo dos intereses das grandes eléctricas e do desenvolvemento doutros territorios”, subliña Carril. Engade que a verdadeira transición ecolóxica, “para que sexa tal e sexa xusta, ten que pasar porque se nos recoñeza o dereito e a capacidade de decidir sobre os nosos recursos e sobre o noso desenvolvemento económico e social. E iso implica termos unha Tarifa Eléctrica Galega que cree emprego e industria”.

Volver