Unhas 100.000 persoas mobilízanse coa CIG na xornada de folga xeral para exixir unha vida digna

Paulo Carril: “A Folga Xeral é a resposta obrigada á carestía da vida, para forzar os gobernos a adoptar medidas e reclamar poder ir á compra e mercar alimentos básicos, ter unha casa onde vivir e poder pagar a luz e os combustíbeis”
Nacional - 11 Nov 2026

Unhas 100.000 persoas mobilizáronse esta mañá nas 17 multitudinarias manifestacións convocadas pola CIG, en cidades e vilas de toda Galiza, nesta xornada de folga xeral para reclamar respostas á grave carestía da vida e ao aumento da pobreza laboral que está esganando o conxunto do pobo galego. Unha folga que “é a suma de todas as loitas que levamos meses facendo, convenio a convenio, contra unha patronal que ten bloqueadas e secuestradas as negociacións para aumentar os seus beneficios a conta de empeorar as nosas vidas”.

Así o expresaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao remate da manifestación de Vigo. Unha mobilización na que denunciou a pouca disposición dos gobernos do PP na Xunta e do PSOE en Madrid “a rachar co neoliberalismo e tomaren medidas contra o capital e as grandes empresas” que controlan os prezos mediante manobras especulativas.

Ademais, en referencia aos abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza e a actuación policial, Carril denunciou que “por moito que pretendan vulnerar o dereito fundamental á folga e por moito que, como sempre, a policía actúe de exército da patronal, reprimíndonos e aplicando a Lei Mordaza, a folga e as mobilizacións están sendo un éxito”.

O secretario xeral da CIG clamou contra o medre imparábel dos prezos, que está levando á ruína a clase traballadora galega. Á suba da electricidade, dos combustíbeis e dos produtos básicos engadiu o deterioro dos servizos públicos e o retroceso das políticas sociais. Sobre a vivenda, denunciou que “a especulación converteuna nun luxo inaccesíbel para a maioría social”.

Responsabilizou desta situación as guerras imperialistas e a ofensiva belicista dos Estados Unidos, co “entreguismo da Unión Europea e do Estado español”, e advertiu da deriva militarista e do “criminal papel da OTAN”. Tamén denunciou que a última reforma laboral, que non derrogou a do PP de 2012, mantén os contratos a tempo parcial e fixos descontinuos e fomenta as ETT, facendo case imposíbel ter un salario estábel e un traballo digno.

Nese sentido, salientou que os beneficios empresariais medraron un 61% desde 2017, mentres Galiza rexistra a maior suba da pobreza no Estado español, acadando os 3,3 puntos no último ano.

Un Plan de Choque para garantir unha vida digna

O secretario xeral da CIG reclamou, por iso, aos gobernos galego e español un Plan de Choque que garanta a negociación colectiva, o poder adquisitivo dos salarios, a revisión conforme ao IPC real e a prevalencia dos convenios galegos. Exixiu tamén que o SMI cumpra a Carta Social Europea, porque, afirmou, “os 1.281 euros propostos para 2027 seguen por baixo do 60% do salario medio.

Entre outras medidas exixiu a paralización do aumento do gasto militar e que se destinen eses recursos á protección social; intervir nos sectores estratéxicos; fixar prezos populares para os alimentos e prezos xustos para quen os produce; prohibir os desafiuzamentos e conxelar alugueiros e hipotecas. Tamén propuxo mobilizar as vivendas da SAREB, crear un Banco Público Galego de Vivenda para alugueiro social e unha Empresa Pública Galega de Electricidade cunha Tarifa Eléctrica Galega, así como fixar un prezo máximo dos carburantes tomando como referencia o 24 de febreiro de 2022.

Con todo, Carril advertiu de que “esta folga non ten data de caducidade, non remata hoxe” e chamou as organizacións convocantes a continuar as mobilizacións. A CCOO e UGT pediulles coherencia, lembrando que “non se pode facer a un tempo o mesmo e o contrario”. Isto é, defender o diálogo social e renunciar á loita obreira e á acción sindical de clase e combativa.

Xunto a isto, alertou do avance dun capitalismo “cada vez máis reaccionario no social, no económico e no político”, que alenta a ultradereita e o fascismo,” para reforzar a explotación e a represión, negando a realidade plurinacional e agravando as condicións de vida da clase traballadora”. Carril alerta do avance dun capitalismo cada vez máis reaccionario, no que o gran capital alenta a ultradereita e o fascismo para reforzar a explotación e a represión, negando a realidade plurinacional e agravando as condicións de vida da clase traballadora.

Fronte a esta ofensiva, chamou a fortalecer a unidade das forzas sindicais, sociais e políticas soberanistas para frear o PP e Vox, reivindicando a capacidade da loita social e das maiorías electorais para condicionar as decisións políticas e frear as derivas reaccionarias e españolistas.

Chamamento a continuar coa mobilización social

Ademais, fixo un chamamento a todas as organizacións que hoxe convocaron esta folga a continuar con novas mobilizacións, nomeadamente a CCOO e UGT “para ter esta coherencia no seu día a día ante a patronal e os Gobernos”, ás que advertiu de que “non se pode facer a un tempo o mesmo e o contrario, non se pode defender o diálogo social ao mesmo tempo que renunciar á loita obreira e a unha acción sindical de clase e combativa”.

De cara ás eleccións xerais, chamou a fortalecer as forzas soberanistas e a apostar por organizacións políticas propias, “autenticamente galegas, nacionalistas e de esquerdas”, que defendan a clase traballadora e o pobo galego.

O secretario xeral da CIG concluíu afirmando que a mobilización, a solidariedade e a unidade de clase son o camiño para conquistar un futuro digno.