Unhas 200 persoas rexeitan os tratados de libre comercio cunha concentración en Vigo

Nesta ocasión a protesta centrouse no CETA entre a Unión Europea e o Canadá

Vigo -

Arredor de 200 persoas participaron hoxe en Vigo na concentración convocada pola plataforma 'Non ao TTIP Galiza' -que agrupa máis de medio cento de organizacións sindicais, políticas e sociais- para rexeitar os tratados de libre comercio, aínda que nesta ocasión a protesta centrouse no CETA que van aprobar nos vindeiros días a Unión Europea e o Canadá.

A mobilización, na que a CIG participou cunha faixa propia, fai parte do día europeo de accións descentralizadas contra o Tratado Económico e Comercial entre a Unión Europea e Canadá (CETA polas súas siglas en inglés), que se atopa na fase final do seu proceso de ratificación. O vindeiro martes 24 de xaneiro será votado na Comisión de Comercio Internacional (INTA) do Parlamento europeo e en febreiro terá lugar a votación final antes da súa entrada en vigor, polo que con esta campaña preténdese incidir no resultado da consulta.

Dende os colectivos promotores lembran que o CETA foi cuestionado por amplos sectores da sociedade civil, tanto na Unión Europea como en Canadá, por non ofrecer garantías respecto da protección do medio ambiente e dos dereitos fundamentais das persoas. Na Unión Europea, máis de 3,5 millóns de persoas asinaron unha petición en contra do CETA e o seu tratado xemelgo, o TTIP, que negocian os Estados Unidos e a Unión Europea.

>>Máis información

Volver