Unidade de acción e mobilización en defensa da continuidade de Alcoa

A CIG reclama a intervención pública da empresa para que as cubas non paren

Nacional -

Máis que nunca resulta imprescindíbel manter a unidade de acción e intensificar as mobilizacións para obrigar os Gobernos español e galego a adoptar as medidas que impidan a Alcoa executar o seu plan de despedimentos e desmantelamento das cubas. Por iso, e á espera de pór en común coas administracións os pasos a dar, unha cousa fica clara: a loita segue viva e hai que dar a batalla pola continuidade industrial e dos empregos na fábrica de San Cibrao.

Aínda que pareza que estamos a expensas do que decida Alcoa, o camiño que temos andado é moito, pondo este conflito no centro da axenda política e conseguindo que o Goberno español e a Xunta asumiran as nosas posturas e a nosa loita; agora tócanos levala até o final”, afirmaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, un día despois de rematar, sen acordo, o período de consultas do ERE. 

Os sectores industriais estratéxicos, como o aluminio, deben xestionarse dende o público

Ante a evidencia de que multinacional non desexa acadar unha solución, a CIG fai un chamado a aumentar as medidas de presión, iniciar as respostas legais que corresponde dende o comité e as centrais sindicais e insistir ante o Executivo español e a Xunta de Galiza para que redobren esforzos e teñan a valentía de tomar as decisións políticas adecuadas.

Non contemplamos outra alternativa que manter a actividade produtiva e que as cubas non paren. Hai dous compradores, un é o grupo británico GFG Alliance, o outro é o Estado, a través da SEPI. Se Alcoa non accede a unha venda, temos que conseguir efectivizar esa intervención pública da fábrica, xa sexa mediante unha adquisición temporal como propuxo o Ministerio de Industria ou mediante unha fórmula de expropiación”, asevera o secretario xeral da CIG.

Reitera que a nacionalización das instalacións é viábel e posíbel, xa que non existe ningún impedimento na lexislación galega, española ou europea que impida esta actuación. Só precisa de vontade política. Esta sería a resposta que leva agardando o conxunto da comarca da Mariña dende que a multinacional norteamericana anunciou a presentación dun ERE para 540 traballadores/as e que afectaría a outros tantos traballadores/as das auxiliares.

A participación masiva nas manifestacións e accións reivindicativas dan boa conta da contundente resposta da sociedade mariñá na defensa da súa industria e do dereito a ter un futuro digno na nosa terra fronte ao terrorismo patronal que representa Alcoa.

Mudar as políticas públicas

Porque este conflito pon en evidencia a necesidade urxente de mudar as políticas públicas, a comezar pola derrogación da reforma laboral “para que as empresas non teñan en exclusiva a decisión sobre os despedimentos e para recuperar a autorización administrativa previa dos ERE e dos ERTE”.

Mais tamén advirte da necesidade de adoptar políticas para que sectores industriais estratéxicos sexan xestionados dende o sector público e deste xeito “non estean sometidos á extorsión de empresas multinacionais como Alcoa que, ante unha decisión unilateral de peche tomada en Pittsburgh, provoca a destrución de miles de empregos e a desaparición dun sector estratéxico para a Mariña e para toda Galiza como é a produción de aluminio”.

Volver