Unísono négase a devolver os salarios detraídos ao persoal que secundou a paralización de actividade polo risco grave de contaxio

O comité denuncia a actuación miserenta da empresa durante a pandemia e o total abandono das autoridades competentes
Vigo - 29 Xul 2020

O comité de Unísono compareceu en rolda de prensa hoxe para denunciar a ruín actuación da empresa que non só non garantiu a seguridade do seu persoal durante os primeiros momentos da emerxencia sanitaria, senón que agora pretende tirar proveito do risco ao que se viron sometidas as traballadoras e os traballadores ao negarse a devolverlle as cantidades que lles descontou nas nóminas de abril por non acudir ao seu posto ao existir un serio perigo de contaxio.

O 18 de marzo vímonos na obriga de aplicar por risco grave e inminente de contaxio da Covid19 unha paralización da actividade en Unísono Vigo"

Luísa Mª Baños (CIG), Remedios Pérez (CGT) e Antón Otero (UGT) lembraron que o pasado 18 de marzo o comité de Unísono "veuse na obriga de aplicar por risco grave e inminente de contaxio da Covid19 unha paralización da actividade nas plataformas de Vigo",  ante a falta de medidas de seguridade e a comunicación o día anterior dun caso positivo. Esta paralización da actividade, apuntan, está avalada polo artigo 21 da Lei de Prevención de Riscos.

"Nese momento estabamos en activo nos tres centros de traballo arredor de 900 persoas, non cumprindo a distancia requirida polo Ministerio de Sanidade, xa que traballabamos a unha distancia de entre 40 e 80 cm unhas persoas das outras, en postos compartidos e sen que se realizara a desinfección destes por parte de Unísono entre quenda e quenda", aseveraron. De feito, era o propio persoal quen tiña que desinfectar os postos.

Nin distancias de seguridade nin desinfección

Nese contexto, a empresa comunica a todo o persoal un caso positivo na tarde do 17 de marzo mais sen ordenar o desaloxo do centro de traballo, nin mandar a corentena preventiva as persoas con contacto estreito. A actuación da empresa "limitouse a unha simple desinfección no centro afectado ás 11 da noite, e ás 8 da mañá o persoal seguiu traballando como se nada pasara, e sen nin sequera manter unha distancia de seguridade".

Despois de pedir en varias ocasións a Unísono que tomara as medidas de seguridade que se indicaban nese momento e despois de varias denuncias en Inspección de Traballo, e vendo que a empresa non facía nada ao respecto, o comité de empresa viuse na obriga de tomar a determinación, de forma unánime, de paralizar a actividade, tras comunicalo tanto a Unísono como a todas as autoridades pertinentes para garantir a saúde de todas/os traballadores.

Abandono total das autoridades laborais

Traballabamos a unha distancia de entre 40 e 80 cm unhas persoas das outras, en postos compartidos e sen desinfectar"

Esta paralización debía ser revisada no prazo de 24 horas pola autoridade laboral correspondente, neste caso a Consellería de Sanidade por estar en estado de alarma.

"Entendemos que foi unha situación que superou a todas as institucións, pero a pesar da presión do comité para que resolvese esta situación e despois de comunicar, en varios días,  que acudirían aos centros de traballo, a visita nunca se produciu, polo que a representación social quedou sen ningún tipo de resposta por parte das Autoridades pertinentes e os traballadores e traballadoras nunha situación de abandono e total indefensión", denunciaron na rolda de prensa.

Descontos de até 300€ en salarios que non superan os 800€

O 25 de marzo, o comité decidiu suspender o proceso, ao comprobar que a empresa comeza a implantar algunhas medidas de seguridade, como o teletraballo, a distancia entre os postos e unha maior limpeza dos centros.

A sorpresa chega no mes de maio, cando a unha parte do persoal que secundou a paralización da actividade se lle descontan os días que se acolleu á mesma, dándose descontos en nóminas de entre 200 e 300€ nuns salarios que andan nos 700 e 800 euros. Iso si, matizaron, "os descontos non foron para todo o persoal que secundou os paros, senón que afectaron algunhas persoas traballadoras, sen que se saiba se isto responde a unha estratexia".

A pesar de que o comité intentou por todos os medios que a empresa non descontase eses salarios, xa que a propia Lei de Prevención de Riscos Laborais di que non pode haber prexuízo ningún en aplicar esta medida, e das reclamacións do persoal afectado aludindo á resolución de Inspección de Traballo que di que non pode haber descontos en nómina por esta causa, o pasado 15 de xullo  pediuse unha mediación no AGA.

"Nesta mediación, Unísono négase a abonar os salarios descontados. A única resposta de Unísono é que decidirá un xulgado. Con esta decisión, a empresa evidencia que a súa única preocupación durante a emerxencia sanitaria foi gañar cartos a conta da saúde do seu persoal", criticaron. "Como ben puxeron no twitter corporativo de Unísono, “o importante non é o coronavirus, é o cliente" e quedou claro que tampouco era importante a saúde do seu persoal".

Accións legais e mobilizacións

Os sindicatos con representación no comité de empresa, CIG, CGT e UGT están estudando coas súas asesorías xurídicas as posíbeis accións legais contra Unísono, ademais da planificación de mobilizacións ante o que consideran un claro caso de represión sindical.