A dirección de Unitono nega a deslocalización pero rexeita garantir os postos de traballo en Ourense

O comité da compañía do sector dos centros de chamadas continúa coas mobilizacións este mércores
Ourense - 09 Abr 2019

A dirección de Unitono negou hoxe na xuntanza mantida co comité de empresa que a súa intención sexa deslocalizar ou pechar o centro de Ourense para que a atención ao cliente de Naturgy se faga dende a plataforma que vén de abrir en Reus. Porén, a compañía do sector dos centros de chamadas non se compromete a garantir nin o aumento da carga de traballo nin os empregos, polo que dende a representación anuncian que manterán as mobilizacións previstas para este mércores.

Diante disto, dende a representación sindical critican que a empresa diga que aposta polo centro ourensán “porque cremos que as palabras teñen que vir acompañadas con feitos” e convidan a dirección de Unitono á reunión que manterán coa secretaria xeral de Emprego da Xunta, “mais declinaron a oferta”. Tamén solicitaron a convocatoria dunha mesa de negociación entre a empresa, o comité e Naturgy, “pero non tivemos resposta”.

Ao mesmo tempo, propuxéronlle que se sente a negociar co cliente para que se reparta o traballo entre as dúas plataformas, pero deixando a maior carga de traballo en Galiza. “A empresa négase pois din que o contrato está pechado, polo que entendemos que non houbo unha vontade real de negociar”.

Data de caducidade

O único ao que se comprometeu Unitono tras catro horas de reunión foi a garantir por escrito que durante dous meses non van adoptar medidas de recortes contra as traballadoras/es. “Isto non é garantía de emprego senón de precariedade, pois en ningún momento garanten a estabilidade nin a continuidade dos postos de traballo, polo que o único que temos é data de caducidade”.

Deste xeito, o cadro de persoal continuará este mércores coas mobilizacións previstas, que consisten nun paro dunha hora por quenda e en concentracións ás portas da empresa. O xoves e o venres convocarán asembleas para informar as traballadoras/es.