UNITONO presenta un ERE de despedimento colectivo e modificación das condicións de traballo

A medida afectará maioritariamente ao persoal de Ourense

Ourense -

Primeiro, Naturgy espolia os nosos recursos naturais e "a cambio", durante 10 anos, contrata unha empresa, UNITONO, para atender á súa clientela. Despois decide abandonar Galiza, ao tempo que UNITONO crea unha nova plataforma en REUS para facer o traballo que se estaba facendo en Ourense (levando parte del tamén a Colombia), é dicir: atender á clientela de Naturgy, destruír postos de traballo en Galiza e deixar o cadro de persoal de Unitono en Ourense como o máis afectado.

Con data 31 de outubro, UNITONO foi comprada por GSS, do grupo italiano Covisian, grupo empresarial totalmente solvente e cunha carga de traballo que fai que estea ampliando as contratacións (https://www.hoy.es/badajoz/incorporara-empleados-badajoz-20200307003757-ntvo.html), e mantén unha contratación de máis de 1.200 persoas de ETT's.

Ao mesmo tempo, GSS, o 6 de marzo pasado, presenta un expediente de regulación de emprego en UNITONO para a extinción de 72 contratos de traballo, 45 deles no centro de traballo de Ourense, ao tempo que inicia tamén unha modificación das condicións de traballo para outras 61 persoas, das cales 39 son afectadas en Ourense. A modificación presentada consiste nunha redución de xornada a 25 horas semanais, o cal supón para as persoas afectadas vivir cun salario de pouco máis de 650 euros, totalmente insuficiente para subsistir.

A CIG denuncia que, nesta situación, “é moita cara dura dicir que non teñen carga de traballo suficiente para manter os postos de traballo e as condicións laborais do persoal de Unitono Ourense”. Tamén se escusan dicindo que o Grupo GSS non ten nada que ver en este proceso. "Xa que son o Administrador único de Unitono bastaría con redistribuír o traballo do Grupo entre o persoal dos centros de Unitono, dado que precisamente, o traballo que se realiza pode facerse dende calquera sitio (como quedou demostrado cando levaron o traballo de Naturgy a Reus ou a Colombia)".

Xa hai máis dun ano que a CIG leva denunciando a situación de Unitono Ourense; “apelamos en incontables ocasións á Xunta de Galiza, para traballar no mantemento do emprego na nosa terra, pero a súa total inoperancia e incapacidade, xunto coa nefasta xestión de Unitono primeiro, e posteriormente GSS, fai que 125 traballadores e traballadoras en Ourense se vexan abocadas á perda dos seus empregos ou das súas condicións laborais que non lles permitirán sobrevivir dignamente do seu traballo”.

Para a CIG, é hora de esixir responsabilidades. Por iso anuncia que o persoal de Unitono Ourense “volverá loitar, como xa o fixo no seu momento, polos seus postos de traballo. Esixiremos respostas das Administracións, e defenderemos, por todos os medios ao noso alcance, o noso medio de vida”.

Volver