URBASER non respecta o convenio colectivo ao persoal contratado para o servizo de SERLUSA
O comité de URBASER vén de denunciar, unha vez máis, os incumprimentos do convenio da contrata da recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Santiago de Compostela, nomeadamente o incumprimento das condicións laborais do novo persoal contratado para o servizo de SERLUSA.
O presidente do comité, Ricardo Méndez explica que URBASER está aplicando condicións laborais diferentes ao persoal contratado para o servizo de SERLUSA. “Non se lle está a respectar o convenio colectivo e fan xornadas de 56 horas semanais. Non lles paga os servizos de domingos e festivos e obrígaos a traballar as noites do 24 e 31 de decembro cando o convenio di claramente que esas noites non se traballan”.
Para abordar estes incumprimentos o comité xa se reuniu coa concelleira responsable do servizo, Milagros Castro, e máis cos grupos da oposición, para denunciar esta situación e adianta que non descarta iniciar mobilizacións nas vindeiras datas se a empresa non muda a súa actitude e corrixe inmediatamente as irregularidades detectadas.
Méndez denuncia ademais os incumprimentos de URBASER en materia de conciliación da vida laboral e familiar, por lle negar a unha traballadora a concreción horaria o que “prexudica gravemente o seu dereito legalmente recoñecido a poder conciliar coa súa familia”.
Canda isto o comité denuncia que os vestiarios do persoal non cumpren a normativa laboral. Neste sentido salienta que non se garante a separación de vestiarios por razón de sexo así como a acumulación de material de traballo no vestiario de mulleres como se dun almacén se tratara.