Urxen a Consellaría de Educación a buscar unha solución para o colexio Sagrado Corazón do Deza

Profesorado, nais e pais e sindicatos desenvolveron hoxe unha concentración en Santiago
Lalín - 22 Xan 2020

Un grupo de profesores/as, nais e pais e delegados/as sindicais da CIG e da UGT mobilizáronse hoxe diante da Consellaría de Educación en Santiago para instar o departamento autonómico a buscar unha solución á crise que atravesa o colexio Sagrado Corazón do Deza de Lalín.

A protesta coincidiu cunha nova xornada de folga no centro, coa que se reclama o pago dos salarios pendentes a parte do persoal, en concreto ao dos servizos non concertados.

Ao remate da concentración fíxose entrega dun escrito na Consellaría solicitando unha entrevista para recibir información de primeira man “sobre o que se ten pensado facer co colexio” e demandando dos responsábeis autonómicos que medien no conflito.

Dende a CIG-Ensino de Pontevedra denuncian que na actualidade descoñecen en que situación se atopan as negociacións para a adquisición do centro educativo por parte dun empresario. “Non temos información oficial, o único que hai son notas de prensa cruzadas, e o certo é que o prazo para presentar o concurso de acredores remata o vindeiro día 26”.