Urxencia sanitaria, triaxe social e crimes de estado

Tamara San Miguel e Eduardo J. Almeida - 01 Set 2020

A crise sanitaria e humana que estamos a vivir no mundo está sendo aproveitada sen dúbida para controlar a poboación, aumentar a polarización en cada país e a nivel global, pasar leis que noutros momentos provocarían maiores reaccións sociais, militarizar a vida social e a seguridade pública, vender, especular e continuar coa mesma lóxica que nos deixou onde estamos a nivel social, político, económico e ambiental

Desde que chegou o Covid-19 certamente nada é igual que antes, a crúa realidade que se viña creando día a día provocada polo capitalismo desenfreado que vivimos en case todo o mundo levounos a ter as cifras de terror que temos agora. Hoxe en día practicamente todos os seres humanos do planeta estamos sendo afectados pola incerteza que provoca a pandemia do coronavirus. Esa incerteza estanos facendo lembrar as crises globais que tiñamos antes de estar nesta crise, pois como ben din moitos analistas, o mundo xa estaba en crise antes desta crise, estaba en chamas, nunha deterioración ambiental catastrófica, con millóns de persoas sen posibilidades de sobrevivir e o resto apenas sobrevivindo, cun 1% de excepción.

A crise dun mundo en crise

 Máis aló das teorías de conspiración sobre a orixe do virus (desde os guisos de morcego até a guerra biolóxica), a realidade é que ninguén estaba preparado. Practicamente todos os países do mundo tiveron que tomar medidas para enfrontar a chegada do virus ou para tentar atrasala ou aplanar a xa paradigmática curva de contaxios. Algúns países tiveron reaccións máis áxiles e efectivas que outros, pero a realidade é que ningún país semella salvarse.

 A crise sanitaria e humana que estamos vivindo no mundo está sendo aproveitada sen dúbida para controlar a poboación, aumentar a polarización en cada país e a nivel global, pasar leis que noutros momentos provocarían maiores reaccións sociais, militarizar a vida social e a seguridade pública, vender, especular e continuar coa mesma lóxica que nos deixou onde estamos a nivel social, político, económico e ambiental.

 As respostas de cada país, de cada persoa, foron diversas e mesmo paradoxais, toda crise grave saca o peor e o mellor da humanidade, como sinalaba nunha palestra Rodríguez Lascano: “cada un comeza a elaborar os seus criterios de supervivencia, uns queren garantir papel hixiénico, pero outros cuestiónanse unha vella forma de relación social e ensinan unha solidariedade horizontal”.

 En moitos aspectos, a pandemia, como apunta Zibechi (2020), acelera tendencias preexistentes que van desde a interrupción da integración económica e o debilitamento político do sistema até profundas transformacións psicolóxicas e culturais.

 Algo que é importante apuntar é que esta pandemia se puido ter prevido, non a aparición do virus, os contaxios iniciais, se cadra nin sequera a súa expansión por algúns países, mais si a súa dimensión global e a súa letalidade. Como sinalou Ramonet (2020) Vietnam é un exemplo interesante pois cuns cantos contaxios estableceu estritas medidas de distancia e logrou controlar o surto en cuestión de semanas e sen un gran número decesos. Outros casos interesantes de reacción temperá son Nova Zelandia e Cuba. Había a experiencia, a información e as advertencias necesarias para que o mundo, e sobre todo a economía capitalista, aceptase con humildade unha pausa no seu avance devastador e evitase o número de mortes que se está rexistrando. Pero o que se fixo fíxose tarde e coa escusa da sorpresa e isto tivo efectos graves.

 Ao longo da pandemia escoitamos reiteradamente a contraposición entre medidas sanitarias orientadas a evitar contaxios, en particular as medidas de distancia social, e a economía global que aparentemente require volver ás actividades habituais e á interacción directa entre persoas, o que suscitou un aparente dilema entre saúde e economía. O argumento das medidas médicas e sanitarias para salvar vidas é directo, a distancia evita contaxios, evitar contaxios salva vidas. O argumento en favor da reactivación das actividades económicas é completamente indirecto, é dicir, que se basea na idea de que a reactivación económica, a produción e o consumo, implica evitar o crecemento do desemprego, da pobreza e que iso resulta en mellores condicións de supervivencia para todos. Suscita a idea de que a economía global salva vidas, tantas ou máis que o evitar contaxios. Coma se o sistema económico predominante antes da pandemia beneficiase a todos.

 A lóxica neoliberal ten un forte compoñente de sacrificio de poboacións que dentro do cálculo de custo-beneficio para a economía considera menos valiosas e polo tanto descartábeis, como o sinala puntualmente nunha entrevista Mbembe (Bercito, 2020). Meses despois do inicio desta crise podemos ver como en moitos países os gobernos están privilexiando a economía por riba da saúde, desde os rostros máis grotescos, como o de Trump e Bolsonaro, até os chamados gobernos progresistas. A maioría optaron por salvar a economía, por presionar para a reapertura da produción, por invitar a consumir, e por facelo con medidas sanitarias de protección individual (máscaras, lentes, luvas, etc.), por comezar a afacernos ao que chaman unha “nova normalidade”.

 As medidas sanitarias de distancia implican unha protección colectiva onde, como di Marcos Roitman, o non saír non só implica coidarme eu de non contaxiarme, senón tamén o coidar que eu non contaxie a outros, a distancia é unha medida de protección colectiva, sobre todo nos numerosos casos asintomáticos que parecen ser característicos deste coronavirus. Estas medidas implican que o Estado ten que asumir a responsabilidade de que todos teñan as mellores condicións posíbeis de supervivencia dentro da lóxica do distanciamento e que os propietarios ou socios das empresas privadas asuman custos por se manter inactivos durante un tempo. Existe tamén a posibilidade de establecer medidas extremas de distancia sen prever as condicións de supervivencia da poboación máis vulnerábel, sobre todo aquela que vive día a día da economía informal.

 A reactivación das actividades económicas presenciais implica un aumento na interacción directa entre persoas e polo tanto unha maior exposición da poboación ao contaxio do virus, polo tanto require unha énfase na protección individual. Isto exime as empresas privadas de teren que asumir custos polas medidas de protección e fai dispensábel a necesidade de que os empregadores asuman medidas de protección da saúde dos empregados. Así mesmo, o Estado pódese desentender da necesidade de asumir a responsabilidade directa de que todos teñan os medios indispensábeis de supervivencia.

 A pregunta aquí é cantos Estados teñen aínda as condicións institucionais para asumiren medidas de protección colectiva ante a pandemia, e cantos están dispostos a asumir os custos políticos e económicos. O que xa se percibe como unha realidade en construción é un novo ciclo de operación dos dous binomios no proceso do capitalismo neoliberal que identificaba o Subcomandante Marcos hai máis de vinte anos: destrución-despoboamento e reconstrución-reordenamento.

O Estado de Malestar na Cuarta Guerra Mundial

 Desde hai décadas foise instalando o que Rodríguez Azueta (2019) chamou o Estado de Malestar despois de que se foi desmantelando o seu oposto, o Estado de Benestar, así que xa tiñamos normalizada a anormalidade que implicou que o Estado non xestionase a vida senón a morte. Isto é o que os zapatistas en 1997 chamaron a Cuarta Guerra Mundial, considerando que a Guerra Fría foi a terceira. Para eles esta Cuarta Guerra é a peor e a máis cruel, unha que o neoliberalismo libra contra a humanidade. Nesa guerra a política converteuse en organizador económico, xa non en organizadora do Estado nacional. O crime organizado foi entrando nos sistemas políticos e económicos dos Estados nacionais, as medidas económicas do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional impostas despois da crise da débeda mundial dos oitenta agudizaron as crises dos negocios legais, a crise da débeda mundial provocou que os países “subdesenvolvidos” presentasen unha redución nos seus ingresos dando pé á orixe dunha economía ilegal para encher o baleiro deixado pola caída dos mercados nacionais.

 Antes da chegada do SARS-CoV-2 xa presenciaramos rescates económicos e bancarios a custa da xente. A economía que se instalou entón estivo baseada e sostida na desigualdade. A lóxica brutal da etapa neoliberal do capitalismo trouxo consigo unha crecente xestión burocrática da barbarie que se sintetiza no que Rodríguez Lascano (2017) define como a nova ideoloxía do dominio: a guerra humanitaria.

 O ano 2001 marcou o auxe dos estados de excepción permanentes e da seguridade como dereito supremo a reclamar, ademais de como fonte primaria de lexitimidade. Aos poucos esta lóxica matizouse entre escándalos por crimes de guerra (recoñecidos e non) e pola crise de 2008 que puxo en evidencia a fraxilidade do sistema financeiro global e a voracidade das corporacións transnacionais. Pero esas conxunturas que evidenciaron a brutalidade e a debilidade dos Estados enfrontáronse coa agudización das condicións que as provocaron. No caso da seguridade co inicio dunha guerra interminábel no medio Oriente e coa criminalización de quen denuncia os actos atroces nesas guerras, como ocorre co caso de Julian Assange. No tema financeiro a resposta foron custosos rescates que levaron diñeiro público a petos privados. Tanto a experiencia de 2001 no campo da seguridade como a de 2008 no financeiro ensínanos que unha palabra que parece xerar unha aceptación case máxica das solucións máis aberrantes é “urxencia”.

 Rajagopal (2007) sinala que os estados de urxencia foron un mecanismo para deslexitimar os movementos de liberación nas colonias europeas e negarlles a eses conflitos o estatus de guerra ou de desafío ao Estado, reducíaos a situacións que requirían o restablecemento da orde. Por outra banda, o estado de urxencia permitiu eliminar a aplicabilidade de normas xurídicas internacionais que poderían ter efectos nunha situación normal de desorde interna.

 Existen algunhas normas internacionais como os Principios de Siracusa adoptados pola ONU en 1984 que establecen algunhas disposicións que deben aplicarse cando por unha declaración de urxencia un Estado pretenda limitar ou derrogar o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. Entre outras cousas establece garantías que non poden ser suspendidas como o dereito á vida, a non ser torturado, á liberdade de pensamento, entre outras, e establece criterios de necesidade, legalidade, racionalidade, proporcionalidade e temporalidade para as declaratorias de urxencia. Con todo, así como establece proteccións a certos dereitos non suspendíbeis, tamén establece criterios para que os Estados poidan suspender outros dereitos en situacións que consideren de urxencia, aludindo ao mesmo tempo á responsabilidade dos Estados en canto ao “estritamente necesario”.

 Estas normas teñen unha redacción xeral e están sometidas aos criterios xeopolíticos que determinan a súa aplicabilidade como ocorre recorrentemente no dereito internacional. A isto hai que engadir unha catástrofe da que deriva unha urxencia xera un estado de conmoción na poboación que a inmobiliza polo menos temporalmente e que a fai susceptíbel a aceptar as accións que determinen quen aparenta ter o control (Klein, 2007). O estado de conmoción que produce a catástrofe, neste caso a pandemia, aumentado pola acción do Estado deriva nun comportamento de socialconformismo (Roitman, 2020) que inhibe a conciencia e paraliza a posíbel acción colectiva nun estupor que se presenta como responsábel. Todo isto permite que durante unha catástrofe se dea o ambiente para que a xestión da vida e a morte quede en mans de quen detén o poder do Estado ou están en condicións de manipulalo.

 A xustificación da violencia en nome do desenvolvemento resulta nunha argumentación capaz de socavar calquera intento por freala desde o discurso dos dereitos humanos, porque aínda que é posíbel condenar a quen comete abusos puntuais, a causa estrutural deses abusos, os proxectos de desenvolvemento, adoitan seguir o seu curso.

 Unha noción que resulta moi útil para se referir á relación entre comercio e violencia na economía política contemporánea é a de Necrocapitalismo (Banerjee, 2008), que establece que as formas contemporáneas de acumulación organizacional implican desposesión e sometemento da vida ao poder da morte. No necrocapitalismo a violencia, o espolio e a morte, son resultado do proceso de acumulación, aí xéranse espazos que parecen inmunes á intervención legal, xurídica e política, provocando a suspensión da soberanía. As corporacións aproveitan calquera situación para implantar estados de excepción e beneficiarse economicamente deles. Aquí entran os desastres, as guerras que achandan o camiño para a posterior reconstrución que implica o endebedamento dos países e a execución de programas de axuste.

A Triaxe Social: Salvar que vidas para que economía?

 A pandemia da Covid-19 fixo explícito o control poboacional a través da xestión de recursos de supervivencia limitados, desenvolvéronse algoritmos éticos para ter a capacidade de decidir quen debe sobrevivir e quen non a partir de imaxinarios sobre o ben común ou ideoloxías que resolven o dilema ético de quen os merece e quen non.

 O fluxo de información a nivel global levou a requirir e depender de algoritmos capaces de procesar grandes cantidades en pouco tempo que permiten a quen deseña e controla eses algoritmos tomar decisións. Neste sentido, como dixo unha vez Rodríguez Lascano, os algoritmos convertéronse nunha nova ideoloxía científica para enfrontar a incerteza nun mundo global e á vez reforzar as relacións de dominación. Os algoritmos estanse utilizando para enfrontar problemas sociais e éticos, para tomar decisións a partir dunha lóxica que implica ordenar, clasificar e en última instancia discriminar o que serve do que non serve e a partir diso decidir como actuar. A aplicación de algoritmos para problemas éticos e sociais implica aplicar rutas mecanizadas de decisión para tomar decisións que afectan a vida en todos os seus aspectos. Isto á súa vez implica analizar a base sobre a cal se constrúe esa ruta mecanizada, é dicir, o seu propósito e a súa orixe contextual e ideolóxica.

 Un dos algoritmos ético-sociais máis coñecidos actualmente é a triaxe médico, que vén da palabra francesa trier (escoller, seleccionar, clasificar e separar o útil do desbotábel) utilizada na actividade agrícola, cuxa orixe se atribúe ao Baron Dominique-Jean Larrey, xefe da Garda Imperial de Napoleón, que desenvolveu un sistema para avaliar e clasificar a atención aos soldados feridos en batalla. A idea xeral é que nun escenario de múltiples vítimas provocado por un evento catastrófico a crise, en termos médicos, ten un protocolo claro de triaxe, de clasificación en grupos: os de doada recuperación sen intervención, os críticos sen posibilidade de recuperación aínda cunha intervención e os graves con posibilidade de recuperación cunha intervención.

 Este é un proceso que se pode realizar en varios momentos que van desde o lugar no que ocorreu o evento catastrófico até a atención hospitalaria. O criterio é simple e existen varias versións e adaptacións do algoritmo de triaxe para tomar estas decisións, mais no terreo a clasificación depende dos coñecementos científicos, capacidades técnicas e valoración ética de quen decide, e quen decide normalmente será médico ou paramédico porque habitualmente son os que están socialmente (moral e legalmente) lexitimados para tomar esa decisión.

 Sjoberg Vaughan e Williams (1984) definiron o concepto de triaxe social como o mecanismo mediante o cal as burocracias xestionan os sectores máis desfavorecidos da poboación. Mentres que na triaxe médica, herdado das guerras napoleónicas, os descartados por ser irrecuperábeis morren, na triaxe social, aos descartados, as burocracias sacrifícanlles as posibilidades de acceder a recursos, se continúan vivindo ou morren resulta irrelevante e vólvese invisíbel para o ben maior.

 No caso da actual pandemia a triaxe ocorre en ambos os sentidos, no médico e no social. Cada Estado definiu criterios para adxudicar os recursos sanitarios limitados á poboación afectada polo SARS-CoV-2. A partir de criterios de bioética definen algoritmos para outorgar ou negar atención médica directa, hospitalización ou respiradores artificiais. Por outra banda toman decisións sobre as actividades económicas, e sobre cales se consideran esenciais, sobre a que sectores favorecer con programas públicos, é dicir, sobre que partes da poboación aproveitarán mellor os recursos do Estado para favorecer os propósitos do Estado, algo moi similar á situación pre-pandemia.

 Nun estado de urxencia faise explícito a triaxe como forma de poder e todo o que está formalmente baixo o dominio do Estado se converte nun espazo de excepción. Aí e entón, o que pode determinar a excepción e definir os criterios da triaxe, asume o control para decidir sobre os humanos como seres biolóxicos e de aí determinar quen ten a calidade de cidadán acredor de dereitos, que se converte en refuxiado (máis aló da documentación que teña ou non) merecedor de axuda humanitaria ou persecución policíaca, e quen queda como zombi, mortos vivente.

 Na urxencia específica da pandemia, un criterio de triaxe é favorecer a protección do maior número de persoas de posibles contaxios e evitando así que a demanda de servizos e recursos médicos supere os recursos existentes. Isto implica optar por ocupar maiores recursos públicos para asegurar a supervivencia daqueles que dependen da actividade produtiva normal e presencial para sobrevivir. Ademais significa a redución de certas formas de produción e consumo o que implica unha maior presión sobre as empresas privadas en termos económicos e laborais, e á súa vez unha maior presión política sobre os Estados.

 Outra posibilidade é favorecer a produción e o consumo e asumir o risco de maiores contaxios e a sobresaturación dos servizos de saúde que inevitabelmente deriva en máis mortes. A decisión de priorizar a actividade económica sobre a protección da saúde implica considerar esenciais os actores con maior poder de xeración de riqueza e considerar irrecuperábeis ou descartábeis a amplos sectores da poboación con menor relevancia económica.

 A triaxe social presenta un algoritmo que permite aos Estados xustificaren moral e tecnicamente as consecuencias de decisións éticas complexas no que teñen que ver a xestión da supervivencia e a discriminación das poboacións que rexen, igual que o médico ou primeiro nun escenario de múltiples vítimas onde as súas decisións de triaxe médica lle permiten xustificar a morte daqueles que determina irrecuperábeis. Neste punto é importante preguntarnos se esas decisións, baixo a xustificación da triaxe ou non, no contexto do necrocapitalismo, implican violacións de dereitos humanos e si estas implican crimes de Estado.

A pandemia e os dereitos humanos en crise

 As declaracións de urxencia sanitaria están substituíndo os dereitos humanos como discurso de lexitimación cun de xustificación sobre os seus actos, o da triaxe social. A lóxica da triaxe social funciona na situación de urxencia como xustificación ética de actos inhumanos e despraza como discurso lexitimador os dereitos humanos. Suscita unha nova narrativa hipócrita, que o cometer actos inhumanos nunha situación como a desta pandemia é xusto e en defensa da dignidade común.

 Neste punto resulta importante desenmascarar ese novo discurso hipócrita, o que require demostrar que a lóxica da triaxe social non é unha xestión de recursos limitados en beneficio das maiorías senón un mecanismo de eliminación ou sacrificio de poboación desbotábel en beneficio das minorías máis poderosas e sinalar a responsabilidade estrutural dos Estados ao levar a cabo ou favorecer actos inhumanos.

 Na actual pandemia en múltiples casos non se respectou o dereito á saúde pública (a máxima saúde posíbel para o máximo número de persoas), pois desde antes da pandemia as condicións de acceso á auga potábel, ao saneamento básico e aos servizos de saúde eran de seu precarias en moitas partes do mundo. Agora coa crise sanitaria morreu xente por non ter acceso a un sistema básico de protección da saúde.

 Isto suscítanos moitas interrogantes falando de dereitos humanos, Poderiamos estar ante crimes de lesa humanidade? Se se retoma o que din os estatutos da Corte Penal Internacional estariamos ante os que entran no inciso k) “Outros actos inhumanos de carácter similar que causen intencionalmente grandes sufrimentos ou atenten gravemente contra a integridade física ou a saúde mental ou física.”.

 É importante sinalar que ademais das cuestións de saúde e saúde pública violatorias de dereitos humanos hai un complexo contexto de conflitos bélicos ou potencialmente bélicos previos ao Covid-19 que entrelazan a xeopolítica da guerra e a economía coa da saúde pública. O bombardeo de Israel en contra do territorio palestino de Gaza en plena pandemia pasou practicamente desapercibido, igual ocorreu cos ataques de Turquía ás subministracións de auga do Kurdistán, e en xeral a guerra que se desenvolve na rexión. Están tamén os sinais dunha intervención armada que a administración Trump ameazou (e ameaza) con lanzar sobre Venezuela, isto malia os contaxios entre persoal naval dos portaavións e destrutores estadounidenses.

 Noutro eido, está o continuo bloqueo promovido por Estados Unidos, aínda para asistencia humanitaria, en contra de Cuba e Irán, e os mini bloqueos que impuxo a Alemaña e Canadá, polo menos no que respecta ao abastecemento de máscaras N95. Habería que engadir tamén as medidas que derivaron no reforzamento de modos de control social, como ocorreu coa lei de seguridade chinesa e as súas implicacións en Hong Kong.

 No eido do traballo, algo que estamos a ver é que como resultado da deslocalización do capital, a reprodución da man de obra en funcións non é indispensábel, existe un exército de reserva global que no contexto da pandemia permite substituír os contaxiados ou mortos, como se viu en Brasil, A India, Sudáfrica, México e mesmo en Estados Unidos.

 Ademais das respostas, oportunismos e problemas particulares entre os Estados e dos Estados fronte ás poboacións baixo o seu dominio ou influencia, hai situacións nas que os actos inhumanos foron un patrón case global. As condicións nas que está o persoal sanitario son preocupantes a nivel mundial. Até este momento morreron polo menos 3.000 profesionais da saúde, segundo un informe de Amnistía Internacional.

 Outra situación que se está vivindo tamén a escala global é a que padecen os presos ante a pandemia. Se de seu a situación de amoreamento que se vive nos cárceres na maior parte do planeta é moi forte, agora coa pandemia o risco de contaxio e de morte é aínda máis alto. Desde casos nos que permiten isto por razóns políticas como o de Julian Assange, até os das persoas presas por delitos comúns, a constante é que os seres humanos que viven nos cárceres parecen considerarse poboación desbotábel.

 Os centros de detención de migrantes presentan as mesmas condicións que moitas dos cárceres no mundo e polo tanto os mesmos riscos de contaxio. Esta poboación crecente no mundo parece ser tamén parte da inhumana lista dos desbotábeis por partida dobre, tanto polas condicións que os expulsan do seu país de orixe, como polas condicións coas que se atopan nos países de destino. A Covid-19 está dando a pauta, a escusa perfecta para que se levanten muros como o que Trump pretende terminar entre América Latina e Estados Unidos, ou como a fortaleza que se pretendeu construír ao redor de Europa para separalos das súas antigas colonias en África e Asia.

 Os pobos orixinarios (como os de Latinoamérica, de Angloamérica e doutras partes do mundo) ou as nacións non estatais ou non recoñecidas formalmente (como o Kurdistán ou Palestina) para sobrevivir vense agora forzadas a enfrontar non só as ameazas que representan os Estados e os mercados senón tamén a tratar de conter os contaxios e evitar máis mortes.

Crimes de Estado na pandemia?

 Adóitase ter a idea de que un crime de Estado se comete só baixo réximes explicitamente autoritarios ou en situacións de guerra, pero non. Xeralmente implican actos que pola súa natureza se agochan porque quen os cometeu ten ao seu mando o aparello punitivo, a impartición de xustiza e o uso do monopolio da forza, é dicir, que os que os cometen teñen como garantía a impunidade.

 Actualmente case calquera persoa en calquera parte do mundo recoñece que os Estados cometen violacións de dereitos humanos. Existe toda unha aceptación respecto da existencia desa realidade. Pero se se pregunta se o Estado cometeu un crime entón pode haber dúbida, rexeitamento ou desconcerto.

 Os crimes de Estado son prácticas desviadas estatalmente organizadas (Green e Ward, 2004) que incorren na violación dos dereitos humanos. O termo desviación é o comportamento que infrinxe unha regra, neste caso unha regra estatal. Dáse unha práctica desviada cando existe certa aceptación desa regra, cando se interpreta ese acto como unha violación da regra e hai disposición de aplicar sancións importantes ou significativas contra o acto que violou a regra.

 Na crise do Covid-19 esa desviación é programada porque responde a unha lóxica de triaxe social. A desviación programada sumada á morte como esencia do necrocapitalismo produce a gradualidade da morte social. As redes de poder que se alimentan do sistema capitalista-colonial-patriarcal necesitan do control da vida e da organización e programación da morte para se soster, necesitan establecer as condicións de excepción para que os Estados cometan crimes.

 Bailone (2017) identifica estes como crimes de poder, e distíngueos dos crimes dos poderosos como aqueles que cometeu un individuo que é parte da estrutura estatal. Referíndonos aos crimes executados desde a estrutura de poder estatal existe un debate en torno ao castigo que hai a respecto destes. Xúlganse no individual, cando se deberían xulgar no individual e estrutural porque xeralmente hai unha relación entre os actos criminais e a cadea de mando. Até o de agora non se poden xulgar entes abstractos, aínda que deberían de comezar a sentarse modos para que eses actos sexan xulgados doutro xeito. Para Atiles-Osoria (2016) cando estes crimes son investigados e condenados enfatízase nos individuos que cometeron a acción, non se condena o sistema nin as estruturas gobernamentais que xeraron esas accións e así despolitízase a criminalidade estatal. Desde esa perspectiva politizala sería darlle sentido a que os actos son estruturais e posibilitáronse non só polo Estado, senón como estamos vendo a nivel global pola implantación dun sistema que está implicando morte e que está baseándose en desbotar xente.

 Os crimes de Estado cométense baixo o peso dun discurso xustificante (Zaffaroni, 2017), moitas veces en nome dun ben xeral. Eses actos levan por diante a negación de quen os executou (neutralización), que se manifesta desde a negación literal: non pasou nada, a negación interpretativa: o que ocorreu é realmente outra cousa, até a negación implicatoria: o que sucedeu é xustificado.

 A combinación entre as declaracións de urxencia e a lóxica da triaxe social parecería dar a pauta perfecta para que a execución de actos atroces teña unha xustificación tal que as decisións inhumanas se expliquen con certa normalidade e xerando aceptación. Dentro desta dinámica é necesario deternos para preguntarnos se os actos cometidos nesa dinámica poden estar configurando crimes de Estado.

 Nuns casos enfrontouse priorizando a economía e defínese como desbotábel a poboación que os Estados consideran que obstaculiza obxectivos económicos ou que é substituíbel dentro da actividade económica. Noutros priorízase o control da mobilidade e calquera que desafíe ou non se someta ao ese control é desbotábel, sobre todo se é parte de poboacións previamente definidas como desbotábeis, é dicir, os de abaixo. En ambos casos o elemento de control poboacional acentúase coa urxencia para conter ou eliminar a poboacións que non responden, resisten ou se rebelan aos propósitos de quen posúe o poder do Estado e de quen utiliza indirectamente o poder do Estado.

 As expectativas de que os gobernos xurdidos de procesos de esquerda, os chamados gobernos progresistas funcionasen radicalmente distinto a aqueles provenientes das dereitas ou os múltiples e ambiguos centros resultaron en grandes decepcións. Aínda que as persoas e grupos que chegan a converterse en goberno poden modificar lixeiramente as traxectorias dos Estados e da dinámica social, están suxeitos ao mesmo sistema, vólvense parte dese sistema, para chegar ao poder e sosterse pactan, acordan, responden á mesma dinámica. Algo que mostrou a pandemia é que os procesos que levan a lóxicas de triaxe social e a crimes de estado non dependen da ideoloxía duns cantos funcionarios públicos, son un problema estrutural, é un sistema que se alimenta do control e a xestión da vida e a morte.

 Se consideramos que a pandemia está demostrando unha situación ambiental que podería repetirse debemos de actuar na lóxica de sentar precedentes, non legais senón sociais, sentar actos de condena colectivos que pechen a porta a que cada vez sexa peor. A tendencia que agora vemos de normalizar o atroz debe ser detida. Bolsonaro e Piñera xa están establecendo leis que impiden que os seus actos durante a pandemia sexan xulgados. Entón, as pezas están postas. Decidir que se pode aceptar como normal e que non é algo vital e básico para enfrontar a crise humana que atravesa o planeta.

 No continente americano fíxose evidente a incapacidade estatal para enfrontar as consecuencias sociais da pandemia, tendendo cara a formas autoritarias e arbitrarias de toma de decisións, máis aló das cuestións especificamente sanitarias e xustificadas mediante discursos de triaxe social. Por outra banda hai unha tendencia a aproveitar as condicións de vulnerabilidade social da crise sanitaria para avanzar axendas que afectan a comunidades e sectores da poboación que no fondo consideran desbotábeis, para salvagardar o sistema económico capitalista ou en favor intereses de minorías poderosas.

 En casos como o de Estados Unidos e outros que están en procesos electorais mostrouse que os intereses electorais e o abuso de poder provocan a minimización da pandemia porque non os axuda a continuar coas súas campañas provocando que o xeito de responder á crise sexa basicamente sacrificando a poboación. Hai os casos nos que a pandemia deu a pauta perfecta, a escusa para que o xenocidio se disfrace e a causa da morte sexa atribuída a feitos naturais, como parecen indicar con maior clareza os casos de Brasil e Colombia. Para isto, os Estados cometen actos inxustos e en moitos casos inhumanos, que ademais constitúen violacións de dereitos humanos e potencialmente crimes de Estado, que nun ambiente de excepción como o que presenta unha urxencia sanitaria destas dimensións permite atopar xustificacións para actos que noutro momento se considerarían atroces.

 A condena social a estes actos manifestouse de distintos modos, desde as protestas masivas en Estados Unidos, Bolivia e Chile, até a resposta de desconfianza explícita de comunidades de se protexeren soas pola historia de abusos na súa contra por parte de policías e militares. Outra fonte de protesta moi relevante xurdiu dos médicos e do persoal sanitario en case todo o mundo, reclamando non só condicións laborais e de seguridade minimamente dignas para poderen cumprir co seu traballo na primeira liña, senón tamén cuestionando as decisións de quen goberna.

 Pero as preguntas e puntos expostos anteriormente en torno aos crimes de Estado son preguntas abertas para ir trazando unha ruta de resposta, para que desde diversas xeografías poidamos caracterizar, identificar e sinalar eses crimes de Estado e que nos enlacemos para compartir e, sobre todo, actuar.

Que segue?

 Cando vemos as respostas estatais, a crise do sistema, coa serie de atrocidades que repasamos, máis unha longa lista que non cabe nestas liñas, xorde unha imaxe: A dunha humanidade que viaxa toda nun gran barco, o temón manéxano uns irresponsábeis, exasperados, bébedos de poder e ambición que nos levan directo a unha colisión catastrófica. As preguntas e o desconcerto abundan: Que facemos? Saltamos? Pelexamos polo temón? Pechamos os ollos? Esperamos un milagre? Buscamos saír de aí para irmos a outra embarcación? Improvisamos un bote salvavidas? Lanzámonos a nadar sós? A única resposta que temos até  o de agora é que sabemos que xa non podemos seguir por aí, ou é traxicamente claro o que vai pasar. Seguimos navegando a toda velocidade cara á catástrofe e esgotamos todo aquilo que parecía funcionar e que por máis que intentamos remendalo, reacomodalo, segue sendo igual que o que nos conduciu a este punto.

 Como dixo algunha vez o Subcomandante Marcos: “Se cadra a pregunta ‘Cal é a velocidade do soño?’ debería ser acompañada da pregunta ‘Cal é a velocidade do pesadelo’”.

 _______________________________________________________________________________________

Referencias:

Atiles-Osoria, J. M. (2016). “Crímenes de Estado Colonial: Apuntes para el Desarrollo de un Concepto Socio-Jurídico”. Sortuz Oñati Journal of Emergent Socio-legal Studies Volume 8, Issue 2, 1-19.

Bailone, M (2017, novembro). “Los fundamentos de la pena en los “Crímenes de Estado”: el poder (auto) punitivo legitimado por la criminología crítica”, Revista General de Derecho Penal, Nº. 28, 1-20

Benach, J. (2013) “La salud de todos y sus causas. La salud pública, la equidad y sus causas: ¿de qué depende nuestra salud?”. En Cruz Roja (2013) Comprendiendo el derecho humano a la salud: la importancia de los determinantes sociales de la salud, Madrid: Prosalus e Cruz Roja Española, 19 – 30.

Bercito, D. (2020) Pandemia democratizou poder de matar, diz autor da teoria da ‘necropolítica’, Gauchazh. 31 de marzo.

Green, P., y Ward, T. (2004). State Crime: Governments, Violence and Corruption. Londres: Pluto Press.

Klein, N. (2007) The shock doctrine, Toronto: Random House

Ramonet, I. (2020) “La pandemia y el sistema-mundo”, Le Monde Diplomatique en español, 25 de abril, en: https://mondiplo.com/la-pandemia-y-el-sistema-mundo (Revisado el 29 de abril de 2020)

Rajagopal, B. (2007) El derecho internacional desde abajo, Bogotá: Instituto Latinoamericano de Servicios Legales Alternativos.

 Rodríguez Azueta, E. (2019) “Seguranzas: La productividad política de los enemigos y el gobierno del miedo en el estado neoliberal”. En Seoane, J. e Roca Pamich, B. (comps.) Salir del neoliberalismo, Bos Aires: Batalla de Ideas.

Rodríguez Lascano, S. (comp.) (2017) Escritos sobre la guerra y la economía política, Ciudad de México: Pensamiento Crítico Ediciones.

Roitman, M (2020) “Coronavirus, una pandemia muy oportuna”, La Jornada, 15 de marzo.

Subcomandante Insurgente Marcos (2004, setembro) “La velocidad del sueño. Primera parte: Botas.” [Comunicado], en: http://enlacezapatista.ezln.org.mx/2004/10/01/la-velocidad-del-sueno-primera-parte-botas/ (Revisado o 9 de agosto 2020).

Sjoberg, G., Vaughan, T. R., & Williams, N. (1984). Bureaucracy as a moral issue. Journal of Applied Behavioral Science, 20, 441-453.

Zaffaroni, R. (2017). “El crimen de estado como objeto de la criminología”. Criminología y Sociedad, Nº. 2 e 3.

Zibechi, R. (2020) Tiempos de colapso: los pueblos en movimiento, Bogotá: Ediciones Desde Abajo.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 30 de agosto de 2020]