Vacina urxente contra a Unión Europea

Gonzalo Fernández Ortiz de Zárate - 27 Abr 2020

O paquetazo económico europeo é insuficiente, insensíbel á crise social, afogará en débeda aínda máis os Estados máis castigados, e só beneficia a banca e as grandes empresas. Espidas, por enésima vez, as miserias dun proxecto europeo fracasado, insolidario, fundamentalista neoliberal e, xa que logo, tremendamente perigoso para os pobos e para a clase traballadora do continente

 Tras máis de 870.000 casos, 71.000 persoas mortas, unha fonda recesión e unha gravísima crise de reprodución social, a UE tivo a ben o pasado 9 de abril consensuar a fin un plan económico fronte á covid-19. Entre vítores e aplausos que trataban de contrarrestar a fenomenal disputa previa, as institucións comunitarias bombardeáronnos co relato de estar impulsando unha «tripla rede de salvamento para empresas, Estados e traballadoras.

 Este plan sintetízase en 3 grandes medidas. A primeira consiste na suspensión temporal do Pacto de Crecemento e Estabilidade, permitindo que os estados que o necesiten incorran en déficit máis aló do 3%. Faise, xa que logo, da necesidade virtude, nun contexto no que se disparan os gastos e se reducen os ingresos. A segunda supón unha inxección de liquidez por parte do BCE a bancos e transnacionais por valor de preto de 1 millón de euros, a través da compra a estes de bonos soberanos e débeda corporativa durante 2020. A terceira, aprobada in extremis, contempla a achega de 540.000 millóns adicionais, estruturados na tripla lóxica da rede de salvamento: 240.000 millóns en empréstitos sen condicións tipo troika para os estados que o soliciten a través do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), pero exclusivamente para financiar políticas de sanidade cun tope máximo do 2% do PIB por país, e sempre que a crise sanitaria persista; 200.000 millóns en avais a empresas mediante un fondo dotado con 25.000 millóns no Banco Europeo de Investimentos (BEI); e 100.000 millóns en apoio a ERTEs ou similares, a través do programa SURE da Comisión Europea.

 Estas grandes medidas complemétanse con outras dúas tamén significativas. Por unha banda, posibilítase o investimento público en empresas estratéxicas, sempre de xeito conxuntural e coa garantía de regreso á plena propiedade privada (o que de toda a vida se entende como «socializar perdas, privatizar ganancias»). Pola outra, limítase o investimento estranxeiro directo en empresas europeas, nun contexto no que a centralización do capital vía OPA e absorcións é máis que factíbel, e onde enormes fondos de investimento estadounidenses e de Oriente Medio, así como empresas chinesas xogan a obter ganancias en río revolto.

 Como broche final, anúnciase o debate sobre un plan integral de reconstrución -o aprobado até o momento serían máis ben inxeccións de liquidez até finais de ano-, cuxa negociación comeza mañá 23 de abril no Consello Europeo, e no que se aparcaron as cuestións máis estruturais e estratéxicas como os eurobonos, os bonos de reconstrución ou o financiamento directo do BCE aos Estados, entre outras cuestións.

 Facendo un balance deste acordo, e tras escarvar entre a arañeira de cifras e siglas, podemos afirmar sen dúbida que este paquetazo se sitúa nos antípodas do relato oficial. Aínda que traten de vestir a mona de seda, mona queda.

 Así, en primeiro lugar, os recursos destinados son notoriamente insuficientes para enfrontar unha pandemia destas dimensións, tanto en termos xerais como desde a perspectiva dos países máis castigados. Lonxe quedan os cantos de serea dun plan Marshall europeo, cando en comparación Estados Unidos destinou 2,3 billóns de dólares, o Banco de Inglaterra prometeu financiar o déficit público atéonde sexa necesario, ou países como Dinamarca orzamentan estratexias por riba do 13% do seu PIB. Á súa vez, o plan non significa senón migallas para países como Italia ou o Estado español. Tomando este último como exemplo, se solicitase o máximo posíbel en cada liña de axudas que contempla o plan, apenas cubriría o 15-20% dos 200.000 millóns xa comprometidos no seu propio plan de choque. O volume de fondos, xa que logo, non está á altura do momento.

 En segundo termo, a tripla rede de salvamento é mentira. Os únicos obxectivos son os de acougar os mercados para evitar un incremento da prima de risco da débeda soberana, por unha banda, así como manter con vida a banca e aás grandes empresas, rescatándoas dos seus graves problemas de débeda. Deste xeito, banca e transnacionais xestionarían directamente máis do 60% do total de axudas (decidindo en consecuencia o seu destino final, que nun contexto de recesión dificilmente repercutirá nas pemes), sendo á súa vez as principais beneficiarias, directas ou indirectas, do 80% destas. Os Estados, pola súa banda, recibirían unha cantidade moi menor (créditos MEDE), tendo en todo caso que devolver até o último céntimo dos empréstitos e garantías solicitadas. Finalmente, a crise social que atravesa a clase traballadora óbviase practicamente por completo, destinándose menos do 7% do total ao apoio a ERTEs (sen entrar no debate sobre quen é beneficiario real destes, cando empresas con beneficios poden acceder a estes). O obxectivo real é, non nos enganemos, que a roda capitalista non pare.

 Terceiro, o plan agravará o problema de débeda, ao sosterse exclusivamente en créditos e avais. Se a débeda pública e corporativa é unha das principais derivadas da crise sistémica actual, estas medidas só acentuarán o contexto de vulnerabilidade financeira, aumentando ademais o risco de futuros rebentos como o de 2008 (agora sen o paraugas público que puido haber daquela). Neste sentido, medidas como a emisión de diñeiro ou o financiamento directo e sen xuros do BCE aos estados nin sequera foron tidas en conta. Máis madeira, deste xeito, para que a burbulla especulativa siga aumentando.

 Cuarto, o acordo é profundamente insolidario, incapaz de asumir ningunha proposta mutualizada ou compartida. Trasládase a responsabilidade a cada Estado de xeito individual, e conforme aos mecanismos ordinarios da UE. A non imposición temporal de condicións austeritarias nos créditos MEDE só é a excepción que confirma a regra. Deste xeito, non se puxeron en marcha en absoluto nin eurobonos nin ningún outro instrumento colectivo e innovador para un contexto extraordinario. Ao contrario, máis do mesmo con base no credo neoliberal e no imaxinario colonial de desconfianza respecto ao Sur. Que a realidade, en definitiva, non perturbe os dogmas.

 En resumo, o paquetazo económico europeo é insuficiente, insensíbel á crise social, afogará en débeda aínda máis os Estados máis castigados, e só beneficia a banca e as grandes empresas. Espidas, por enésima vez, as miserias dun proxecto europeo fracasado, insolidario, fundamentalista neoliberal e, xa que logo, tremendamente perigoso para os pobos e para a clase traballadora do continente.

 Un proxecto atado e ben atado, blindado na súa identidade mediante tratados que practicamente é imposíbel modificar. Neste sentido, o problema non é Holanda ou Alemaña. Nin o norte, o sur ou o leste. O problema é a mesma UE. A vacina fronte a este xa se está elaborando en laboratorios da extrema dereita desde parámetros reaccionarios. Non sei que máis debe pasar para que as esquerdas presenten unha vacina urxente para desmantelar este virus.

 

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 22 de abril de 2020]