Varias empresas de ambulancias da provincia de Lugo aínda non pagaron a extra de verán ao seu persoal

A FGAMT-CIG xa trasladou este incumprimento do convenio á Fundación 061

Lugo -

As empresas Ambulancias Carballosa SL, Ambulancias Rubiero-Xirón SL e Servicios Sanitarios de Monforte SL, (que realizan o servizo do transporte sanitario urxente para o 061) e a empresa Sanitaria Lucense de Transportes SL (que fai transporte sanitario programado), continúan sen abonar ao seu persoal a paga extraordinaria de verán, incumprindo así o establecido no convenio colectivo, de recente asinamento e en vigor, que regula que esta paga debe ser ingresada antes do 20 de xullo.

O impagamento, explica Christian López, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, afecta ás bases do servizo de transporte urxente de Meira, Pontenova, Fonsagrada, O Corgo, Vilalba, Lugo (2 ambulancias e a medicalizada), Quiroga, Monforte e Chantada e ao servizo de transporte programado da área de Lugo e de Monforte. "Máis de un cento de traballadores/as do sector na provincia de Lugo están sen cobrar a paga extra sen que as as empresas teñan trasladado ningunha xustificación", denuncia.

Algunhas das empresas acaban de resultar adxudicatarias dos novos contratos

A comezo de mes a CIG trasladaba a preocupación polo atraso no pagamento do salario de xuño nalgunhas destas empresas. Subliña López que os atrasos no abono das nóminas son reiterados, pero nesta ocasión "resulta inadmisíbel, tendo en conta ademais que o pasado 23 de xullo, na sede da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, se producía a aprobación das ofertas para a adxudicación dos lotes do transporte urxente".

Deste xeito, o lote 7 da área de Lugo resultou adxudicado, entre outras, á empresa Servicios Sanitarios de Monforte SL e Sanitaria Lucense de Transportes SL; o  lote 8 da Mariña, a Sanitaria Lucense de Transportes, entre outras; e no lote 13 da área de Valdeorras/Verín/Lemos, tamén a Sanitaria Lucense de Transportes SL e Servicios Sanitarios de Monforte SL, "todas elas empresas que veñen de non cumprir o relativo á data de pagamento  e ao impago da paga extra de verán á data presente".

A CIG, alén das actuacións que procedan diante da autoridade laboral, vén de trasladarlle esta cuestión á Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galiza-061 "posto que non é de recibo que as empresas que pretenden asumir os lotes do transporte sanitario urxente na nosa provincia nos vindeiros anos e acceder os cartos públicos deste servizo da Xunta, estean a reproducir de xeito continuado incumprimentos de convenio e de pagamento de salarios".

Volver