Varios centos de delegados/as da CIG na automoción claman por unha alternativa aos ERTE indiscriminados no sector
Varios centos de delegados/as sindicais da CIG na automoción percorreron hoxe as rúas de Pontevedra en manifestación para reclamar medidas alternativas aos ERTE que se están a aplicar de xeito indiscriminado no sector. Previamente, a federación de Industria analizou en asemblea as principais problemáticas e retos de futuro que enfronta a industria galega do automóbil e repasou as propostas elaboradas pola central sindical para garantir o mantemento do emprego e unhas condicións laborais dignas.
No encontro nacional de representantes sindicais, que se celebrou no salón de actos do local sindical a partir das 10:00 horas, participaron o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, a responsábel da automoción da CIG-Industria, María Xosé García, e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
García foi a encargada de presentar o acto e de realizar unha pequena introdución, mentres que Bouzas debullou as principais problemáticas do sector e as propostas da central sindical para enfrontar os retos de futuro. Pola súa banda, carril centrouse no contido da recente reforma laboral e na estratexia da CIG para facerlle fronte á proliferación de ERTE na industria galega do automóbil.
Os responsábeis sindicais incidiron na necesidade de repensar a estratexia da CIG para combater a proliferación de ERTE “porque non podemos permitir” que, tal e como asegura a ministra de Traballo, “viñesen para quedar” e demandaron a adopción de medidas alternativas que eviten a consolidación duns ERTE “que non son a solución” e que están a servir “para precarizar aínda máis as condicións laborais do sector”.
Algunhas das medidas alternativas orientadas a que non sexan os cadros de persoal os que paguen unha vez máis a crise do sector pasarían, por exemplo, pola redución da xornada anual, por utilizar os períodos de baixada da produción para formar o persoal de cara ás novas necesidades da automoción, polo aumento das xornadas a tempo completo co fin de reducir a parcialidade ou porque os ritmos de produción se adapten ás cargas de traballo, “para non facer todo de golpe e logo ter que parar”.
Ao mesmo tempo, fixeron fincapé en que parte dos fondos europeos que van recibir as compañías da automoción teñen que destinarse a manter as condicións laborais dos traballadores/as “e non só a transformar o sector e a modernizar as empresas”.
Principais propostas da CIG
Tamén consideraron necesario apostar polos coches híbridos, hibrido a gas e eléctricos, o coche autónomo, a planta de baterías e a fabricación dos novos compoñentes para coches eléctricos preto da planta principal. E demandaron unha política enerxética de país para o sector da automoción, a creación dunha tarifa industrial e un convenio de enerxía sectorial ou por polígonos vinculado á mellora das instalacións cunha repercusión directa, “porque precisamos o impulso das tecnoloxías de almacenamento de enerxía”.
Así mesmo, entenden que é necesario definir solo industrial para futuras instalacións ante os novos coches eléctricos, regularizar as actividades das empresas auxiliares para adaptalas aos novos modelos e entre elas para evitar competencias desleais e priorizar a creación de patentes e revisar as actuais.
Outra das propostas da CIG que se abordaron na asemblea foi a vixilancia e o control de todos os proxectos relacionados co sector e a avaliación dos resultados e onde se desenvolven a posteriori e fiscalizar todas as axudas e subvencións. Así como a formación cara ao novo sistema de fabricación, actualización de profesións e novas titulacións profesionais.
Finalmente, tratouse a necesidade de fomentar a contratación indefinida e a tempo completo e dun plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal, así como a implantación de coeficientes redutores para o sector, plan de enfermidades profesionais, plan de ergonomía nos traballos repetitivos, ritmos de traballo e plan de riscos psicosociais. “Todo isto a tratar nunha Mesa Galega da Automoción (MGA) integrada polo cluster empresarial CEAGA, as tres universidades galegas e as centrais sindicais”.
Ao remate da asemblea, por volta das 11:30 horas, os participantes saíron en manifestación dende a praza da Ferrería até a Subdelegación do Goberno español para reclamar medidas en defensa do sector -en especial para evitar a proliferación de ERTE- e das condicións laborais dos traballadores/as.