Venezuela baixo asedio: a CIA en Caracas
Unha vez pasados os bombardeos, Venezuela entrou nunha fase de "guerra cognitiva", planificada desde Estados Unidos cuxos canóns están aliñados apuntando á deslexitimación moral de todo o alto goberno chavista venezolano, coa cal se busca fracturar a unión e cohesión das forzas chavistas
Segundo información publicada nalgúns xornais estadounidenses, John Ratcliffe, o director da Axencia Central de Intelixencia norteamericana (CIA), mantivo unha reunión coa presidenta en funcións de Venezuela, Delcy Rodríguez, o día 15 de xaneiro de 2026 na cidade de Caracas. A partir do devandito encontro a prensa internacional, con énfase nos medios de comunicación de esquerda, titulou con grandilocuencia: “De inimigos a aliados, Rodríguez recibe o director da CIA”; “Intelixencia, petróleo e loita contra o narcotráfico: aperto de mans entre a CIA e Rodríguez”; “O xiro de Caracas: a reunión secreta entre o xefe da CIA e Delcy Rodríguez que redefine a submisión a Washington”, etc.
Por suposto aos medios informativos sumáronse os leóns do teclado que non tiveron miramentos en cualificar a presidenta en funcións constitucionalmente de “traidora”, “entreguista”, “colaboracionista”, e toda clase de epítetos non repetíbeis neste espazo. Non poden faltar as análises dos politólogos, especulando, propoñendo escenarios, asegurando feitos dos que ninguén ten constancia, fonte fiábel ou testemuña presencial.
Dende a Axencia de intelixencia norteamericana fan referencia de maneira xeral á devandita reunión, a cal foi sumamente curta, cunha duración de dúas horas e na cal, segundo os estadounidenses, se trataron principalmente temas económicos e de seguridade. Non houbo honras nin condecoracións, non se realizaron conferencias de prensa nin declaracións por ningunha das dúas partes.
Pero evidentemente, dada o ronsel de inxerencias, golpes de estado, desestabilización, asasinatos e torturas que deixou a CIA en Latinoamérica, é xusto que dentro do sentir da militancia e o activismo de esquerda haxa un malestar moi forte, con sentimentos encontrados. Con todo, quen temos a responsabilidade de analizar e informar, debemos tentar reflexionar obxectivamente sobre esta difícil conxuntura que está vivindo o proceso revolucionario bolivariano e o pobo venezolano.
Feitos concretos: operacións no Caribe e en Venezuela
Os feitos concretos e coñecidos a nivel mundial sinalan que o 3 de xaneiro houbo un bombardeo por parte dos Estados Unidos, sen declaración de guerra, en diferentes puntos de Caracas, o Estado Miranda e o Estado La Guaira de Venezuela. Washington levou a cabo a operación Resolución Absoluta, secuestrando o presidente en exercicio, Nicolás Maduro Moros, e a súa muller, a Deputada da Asemblea Nacional Cilia Flores, asasinando preto de 100 persoas, incluíndo 32 militares cubanos membros da garda de seguridade do mandatario.
Estes son sucesos fidedignos, que forman parte dunha escalada que iniciou en xullo 2025 co bloqueo naval e aéreo por parte dos Estados Unidos, e o asasinato de aproximadamente 100 pescadores en augas internacionais mediante o afundimento das súas embarcacións con mísiles polo presunto delito de tráfico de drogas sen que existan probas de que transportaban substancias ilícitas.
Así mesmo, é amplamente coñecido que unha cuarta parte do poderío militar norteamericano continúa despregado no Mar Caribe, e aínda que secuestraron a parella presidencial venezolana, non se retiraron das augas próximas ás costas venezolanas. O continxente está composto por: nove barcos, os destrutores de mísiles guiados USS Gravely (DDG-107), USS Jason Dunham (DDG-109) e USS Sampson (DDG-102 6); o buque de asalto anfibio USS Iwo Jima e os peiraos de transporte anfibio USS San Antonio (LPD-17) e USS Fort Lauderdale (LPD-28); o cruceiro de mísiles guiados USS Lake Erie CG-70 6; o buque de combate litoral USS Minneapolis, o submarino nuclear de ataque rápido USS Newport News, e o destructor de mísiles USS Stockdale (DDG-106).
Aproximadamente son máis de 1200 mísiles que poderían ser utilizados contra Venezuela, incluíndo os temidos Tomahawk, que poden alcanzar obxectivos terrestres, bombas teledirixidas que xa foron usadas no secuestro do presidente Maduro; é dicir, unha potencia militar-nuclear contra un país cun modesto equipamento militar. Un arsenal que segundo cálculos modestos podería devastar e reducir a Venezuela a unha Faixa de Gaza en menos dun mes, asasinando a máis de 2 millóns de persoas sen sequera entrar vía terrestre.
Ademais, Donald Trump e o Pentágono deixaron claro que poden utilizar en calquera momento novamente contra Venezuela todo este poderío militar que teñen no Caribe. De feito, o Mando Sur anunciou este 18 de xaneiro que continuarán coa operación Lanza do Sur, incluíndo accións militares no portaavións USS Gerald R. Ford.
É de ter en conta que á administración Trump non lle interesa nin respecta o dereito internacional e as agresións a outros países son vistas como un acto de dominio dun país forte contra outro máis feble, describindo explicitamente o ataque do 3 de xaneiro de 2026 como unha forma de controlar Venezuela e apoderarse das súas reservas petrolíferas.
Guerra cognitiva na súa máxima expresión
Unha vez pasados os bombardeos, Venezuela entrou nunha fase de "guerra cognitiva", planificada desde Estados Unidos cuxos canóns están aliñados apuntando á deslexitimación moral de todo o alto goberno chavista venezolano, coa cal se busca fracturar a unión e cohesión das forzas chavistas, desmoralizar e confundir as bases para procurar unha situación de caos, que precipite nunha guerra civil e a ingobernabilidade que abra as portas a unha intervención militar estadounidense total e estabeleza desta maneira verdadeiramente un goberno monicreque de Washington.
A reunión co Director da CIA é parte dunha estratexia ben pensada, que busca xerar odio na figura da presidenta en funcións Delcy Rodríguez, un sentimento que doadamente se pode facer viral nos sectores de esquerda porque é inmediato, impulsivo, doado de compartir e ancorado nun só razoamento ou poucos argumentos.
As redes sociais e os medios de comunicación son os ases na manga para alimentar este tipo de linchamento dixital, para a deslexitimación de Delcy Rodríguez, como líder e símbolo de continuidade do proceso venezolano. Do mesmo xeito é o primeiro intento, xa fracasado, de desmobilizar as contundentes manifestacións de apoio a nivel mundial ao goberno venezolano, contra os bombardeos e o secuestro do presidente Maduro e a súa muller, a Deputada Cilia Flores.
Por outra banda, desde os laboratorios norteamericanos dos thinks tanks (tanques de pensamento) tratan de fracturar o apoio popular interno, a tranquilidade que reina en Venezuela, malia os dramáticos acontecementos que se viviron nos últimos meses. E sendo este tipo de tácticas unha arma poderosa para reverter as opinións e comportamentos, non estamos exentos de que desde os Estados Unidos non cesen e continúen lanzando este tipo de ataques; pero coñecendo os mecanismos que os sustentan, podemos aprender a defendernos e a non deixarnos levar polo impulso, o reflexo automático de quen deixou de pensar.
Continuidade do proceso revolucionario, protección do pobo
Nesta conxuntura dunha Venezuela ameazada, a presidenta en funcións, Delcy Rodríguez, sinalou cales son as prioridades do goberno venezolano: 1. O rescate do presidente lexítimo, Nicolás Maduro, e a primeira dama, Cilia Flores; 2. A protección do pobo venezolano, manter a paz e a estabilidade en cada recuncho do país; e 3. Garantir a gobernabilidade política fronte ás agresións e desafíos actuais. A función política da mandataria en funcións é asegurar a continuidade do proceso revolucionario, mantendo cohesionados a todos os actores políticos, o que a Venezuela Bolivariana denominou a "Unión popular-militar-policial".
En todo caso, Delcy Rodríguez non é unha figura política, que xurda dos barrios, da base popular; aínda que non ten o carisma dos dirixentes populares, posúe toda a bagaxe que nestes momentos precisa o chavismo para a súa continuidade. Ela representa o que chaman en Europa, un "Goberno técnico transitorio", non no sentido de cambio pero si de espera do retorno do líder popular principal ou dunha figura con maior calado nas bases. Así e todo, a presidenta, alén do seu coñecemento dos aparellos e institucións estatais, tamén é capaz de desenvolver un discurso que manteña as masas unidas, tendo en conta que o seu punto de forza non é o carisma ou a empatía, senón a capacidade de manter a resistencia.
Neste senso, a mandataria é consciente que está ao mando, se cadra temporalmente, non para abrir unha nova etapa, senón para impedir que se abra unha diferente. Á vez que a súa tarefa é fortalecer o camiño para que dado o momento dunhas novas eleccións, a vitoria da revolución sexa irreversíbel.
Non hai dúbida de que é un momento de moita dificultade, pero até o de agora, a presidenta Rodríguez non realizou ningún tipo de movementos ou cambios que sinalen a ruptura co proceso chavista. As presións pola venda do petróleo aos Estados Unidos están seguindo un curso totalmente transparente, con cambios na Lei de Hidrocarburos e a creación de dous Fondos para o investimento do diñeiro obtido das vendas de hidrocarburos en melloras en calidade de vida do pobo venezolano.
A narrativa trumpiana insiste en dicir que se apoderarán do petróleo venezolano; porén, na práctica isto é imposíbel por varias razóns, unha delas porque o territorio pódese volver "terra de ninguén" ou algo peor "terra queimada". En todo caso as tentativas seguen realizándose, e é importante que se vaia ao diálogo e que non se recorra á forza militar.
Finalmente da reunión co director da CIA, o que se coñece é que, nunha duración tan curta, probabelmente trataron cousas puntuais para negociar, dialogar, como foron as restantes misións de Ratcliffe a nivel internacional, onde cumpriu maiormente un papel de Chanceler, Xefe de Departamento de Estado, as cales non son as funcións do cargo que ostenta de director da sanguinaria e inxerencista CIA. Polo de agora, paga a pena esperar e darlle un voto de confianza á presidenta en funcións Delcy Rodríguez, quen, a pesar de todo, significa a continuidade do proceso revolucionario.
_____________________________________________________________________________
Yoselina Guevara López é comunicadora social venezolana, analista política, articulista en diferentes medios internacionales, cuyo trabajo ha sido traducido al inglés, gallego, italiano, griego y sueco. Ganadora del Premio Nacional de Periodismo Simón Bolívar 2022 (Venezuela), mención especial Opinión; Premio Nacional de Periodismo Aníbal Nazoa 2021 (Venezuela); I Concurso Memoria Histórica Comandante Feliciano 2022 (El Salvador) Tercer lugar. Autora do libro Fascismo y nazismo. Evolución de la violencia hasta nuestros días.
_____________________________________________________________________________
[Venezuela, 22 de xaneiro de 2026]