Venezuela e a loita xeopolítica

Carlos Fazio -

Baixo a tutela de Washington e nunha acción coordinada cos réximes sipaios de Colombia, Brasil e Arxentina -principais integrantes do Grupo de Lima-, o deputado Juan Guaidó autoproclamouse "presidente encargado", a figura paragobernamental necesaria para seguir a folla de ruta da política de "cambio de réxime" do Comando Sur do Pentágono

 Despois da xuntanza do Consello de Seguridade das Nacións Unidas o sábado pasado en Nova York, o conflito en Venezuela adquiriu dimensións xeopolíticas. E como sempre, o petróleo é o celme de fondo da cuestión.

 Auspiciado pola administración de Donald Trump, o golpe de Estado en curso contra o presidente constitucional e lexítimo, Nicolás Maduro, ten como obxectivo instaurar un goberno paralelo de facto, carente de legalidade e sustento popular co propósito encuberto de xerar caos, anarquía e unha guerra civil entre venezolanos como vía para xustificar unha intervención militar "humanitaria" dalgúns países do área baixo o paraugas do Pentágono.

 Para iso, dous propósitos centrais do plan criminal impulsado polos súper falcóns da Casa Branca, o secretario de Estado Mike Pompeo e o director do Consello de Seguridade Nacional, John Bolton -auxiliados agora por Elliott Abrams, operador das guerras sucias e as actividades clandestinas da Axencia Central de Intelixencia (CIA) en América Latina nos anos 80- é atopar un Pinochet ou un Videla no seo da patriótica Forza Armada Nacional Bolivariana e potenciar unha contra venezolana, como a que desangrou Nicaragua a comezos da revolución sandinista.

 O guión, que pretende reeditar unha dualidade de poder similar á do "caso libio", executouse por medio dunha guerra híbrida sen precedentes, que xunto coas operacións psicolóxicas e outras técnicas clandestinas, inclúe as accións diplomáticas da fedorenta Organización dos Estados Americanos (OEA), vello ministerio de colonias de Washington, do inefábel Grupo de Lima e a Unión Europea; as sancións e o bloqueo económico-financeiro de Estados Unidos e Gran Bretaña para colapsar o día a día da poboación venezolana: sabotaxes contra instalacións estratéxicas do Estado e obxectivos simbólicos en barrios e urbanizacións populares, actividades paramilitares de tipo insurreccional con mercenarios camuflados, guarimberos encarapuchados e malandros a soldo; o terrorismo mediático e nas redes dixitais (desinformación, fake news, uso de contas "influidoras"), o uso de ONG como ferramentas de infiltración na sociedade para xerar desestabilización, fanáticos crimes de odio contra persoas identificadas co chavismo e intentos de balcanización do territorio nas fronteiras con Colombia e Brasil.

 Baixo a tutela de Washington e nunha acción coordinada cos réximes sipaios de Colombia, Brasil e Arxentina -principais integrantes do Grupo de Lima, do que inexplicabelmente México aínda forma parte-, o deputado Juan Guaidó autoproclamouse "presidente encargado", a figura paragobernamental necesaria para seguir a folla de ruta da política de "cambio de réxime" do Comando Sur do Pentágono.

 A creación exprés dunha nova narrativa sobre o mozo "pacifista" Guaidó, que busca afastalo da brutalidade paramilitarizada que a á dura do antichavismo protagonizou en Venezuela os pasados anos, e na que participou como operador do caos e o vandalismo extremista de rúa, só busca encubrir o inicio dun novo ciclo de violencia prolongada como os que fracasaron de 2014 a 2017, dirixido entre outros obxectivos chave a tentar fracturar a cadea de mando cívico-militar da Revolución Bolivariana.

 O multipublicitado relanzamento remasterizado do esquema da loita "pacífica" e "popular" contra a "ditadura" de Nicolás Maduro, baixo o "liderado" do até hai dúas semanas practicamente descoñecido deputado Guaidó -cuxa imaxe e mesmo a súa cor de pel sae un pouco da sempre caucásica fisionomía dos líderes do ultradereitista partido Voluntad Popular-, busca forzar unha transición que estaba paralizada ante a ausencia de dirixentes opositores capaces de erosionar o goberno de Maduro.

 A posta en escena do fantoche Guaidó -o "presidente" que ninguén elixiu-, agora é unha creación da diplomacia secreta de Washington, que tivo como principal responsábel o cubano-estadounidense Mauricio Clavier, integrante do Consello de Seguridade da Casa Branca. O esquema que trata de impoñer o trío Bolton, Pompeo, Abrams, con apoio de lexisladores da mafia cubano-estadounidense de Miami (o senador Marco Rubio e o congresista Mario Díaz-Balart, republicanos), segue o formato libio.

 Washington logrou situar en Europa e América Latina a Asemblea Nacional opositora como única autoridade con lexitimidade de orixe en Venezuela e busca potenciar a un "Consello Nacional de Transición Democrática", símil do Consello Nacional de Transición libio, que foi recoñecido en 2011 pola Liga Árabe, Estados Unidos, países europeos e finalmente a ONU, como goberno lexítimo de Libia, co apoio de milicias de mercenarios provenientes de  Al Qaeda e armados pola OTAN, chamados mediaticamente "rebeldes" (os "loitadores da liberdade" de Ronald Reagan e George Bush pai, creados por Abrams e John Dimitri Negroponte).

 O ocorrido en Libia copiouse despois en Siria. Pero alí o campo de batalla, ademais de Estados Unidos, incluíu a Rusia, tras aprender a experiencia libia. E o Pentágono sufriu unha derrota. O factor xeopolítico reavívase agora en Venezuela, que conta co apoio de Rusia e China, o que podería xerar un incendio na rexión.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 28 de xaneiro de 2019]

Volver