Venezuela: Guerra económica ou erros do Goberno?

Marta Harnecker -

Hoxe que Venezuela está a sufrir os embates da crise mundial do capitalismo e da guerra económica despregada contra ela, concentrando as maiores agresións das forzas reaccionarias do mundo, merece toda a nosa solidariedade

Lembrando o contexto en que nace

1. Cando Chávez triúnfa nas eleccións presidenciais de 1998 xa o modelo capitalista neoliberal estaba facendo augas por todas as partes. O dilema non era outro que refundar o modelo capitalista neoliberal, evidentemente con cambios, entre eles unha maior preocupación polo social, pero movido pola mesma lóxica da procura do lucro; ou avanzar na construción doutro modelo[i].

2. Chávez optou por esta última alternativa. Para denominala decidiu rescatar a palabra socialismo malia a carga negativa da que fora historicamente cargada, pero especificando que se trataba do socialismo do século XXI para diferencialo do socialismo soviético desenvolvido durante o século XX, advertindo que non se debía “caer nos erros do pasado”, na “desviación estalinista” que burocratizou o partido e terminou por eliminar o protagonismo popular; no capitalismo de Estado que puxo o acento na propiedade estatal e non na participación dos traballadores na condución das empresas.

3. Chávez concibía o socialismo como un sistema económico centrado no ser humano e non na ganancia, cunha cultura pluralista e anticonsumista en que o ser tivese primacía sobre o ter. Un socialismo provisto dunha democracia verdadeira e profunda onde o pobo asumise o rol protagónico. Este é un elemento que o distancia doutras propostas de socialismo democrático. Para el, a participación da xente en todos os espazos era o que podía permitir que as persoas gañasen confianza en si mesmas e se desenvolvesen humanamente.

4. Mais isto fica en simples palabras se el non promovese a creación de espazos axeitados para que os procesos participativos puidesen darse plenamente. Por iso foi tan importante a súa iniciativa de crear os consellos comunais (pequenos territorios autoxestionados), os consellos de traballadores, os consellos estudantís, os consellos campesiños. Do que se trataba era de ir conformando unha xenuína construción colectiva que debía plasmarse nunha nova forma de Estado descentralizado cuxas células fundamentais deberían ser as comunas.

5. Construír coa xente significaba para el conquistar a súa mente e o seu corazón para o novo proxecto de sociedade. Tiña claro que esta meta non se alcanzaría mediante de prédicas senón a través da práctica: creando oportunidades para que a xente fose entendendo o proxecto na medida en que ía participando na súa construción. Por iso advertía: “coidado co sectarismo, se hai xente [...] que non participa en política, que non pertence a partido ningún, ben, non importa, benvidos. Digo máis, se vive por aí alguén da oposición, chámeno. Que veña a traballar e a ser útil. A patria é de todos, hai que abrirlles espazos e vostedes verán que coa praxe moita xente se vai transformando...”[ii].

6. Un dos logros históricos do proceso revolucionario bolivariano foi poder convocar unha Asemblea Constituínte e aprobar daquela unha nova Constitución que cambiaba as regras do xogo político e poñía atrancos ao neoliberalismo, enfrontando o latifundio e a privatización da empresa venezolana do petróleo; a favor dos pequenos mariñeiros en menoscabo das empresas transnacionais da pesca; polo espallamento das empresas cooperativas e do microcrédito; contra a privatización da educación e a favor dun ensino gratuíto; contra a privatización da seguridade social. Esta Constitución avoga tamén polos dereitos dos pobos indíxenas, dos nenos e nenas, polo dereito á libre información e reivindica un modelo participativo, no que os cidadáns xoguen un papel protagónico.

 Mais todas estas formulacións ficarían como letra morta se o goberno non ditase as leis que permitirían poñer en práctica os principios constitucionais. Foi entón cando a oligarquía venezolana comezou a sentirse ameazada nos seus intereses económicos e a súa resposta non se deixou esperar. Golpe militar, sabotaxe petroleiro, referendo revogatorio. Aínda que un tras outro os intentos de poñer fin ao proceso liderado por Chávez foron derrotados, el non era un iluso como algúns poderían pensar. Sabía que as forzas que se opoñían á materialización deste proxecto eran enormemente poderosas.

7. Pero ser realista non significa caer na visión conservadora da política concibida como a arte do posíbel. Para Chávez a arte da política era facer posíbel o imposíbel, non por simple voluntarismo senón porque, partindo da realidade existente, buscaba crear as condicións concretas para que esta cambiase mediante a construción dunha correlación de forzas favorábel aos cambios. El entendía que para facer posíbel no futuro o que nese momento parecía imposíbel era necesario alterar a correlación de forzas tanto no plano interno como internacional e durante todos os anos do seu goberno traballou de forma maxistral para logralo, entendendo que para construír forza política non abondada cos acordos de cúpula senón que o principal era construír forza social.

Os seus esforzos por crear unha nova correlación de forzas internacional

8. Non se pode entender o proceso venezolano sen sopesar o contexto mundial no que este tivo que se inserir. Existía unha correlación mundial de forzas moi negativa para as forzas progresistas: tras a derrota do socialismo nos países do Leste e, especialmente na URSS, desaparecera o campo socialista con todo o seu peso simbólico e práctico, e Estados Unidos transformouse na primeira potencia militar mundial sen contrapeso ningún. A situación era moi diferente cando triunfou a revolución cubana ou durante o goberno da Unidade Popular en Chile.

9. Consciente Chávez de que con esa correlación mundial de forzas non podía levar adiante unha revolución social en forma illada, dedicouse a construír unha forza internacional de apoio ao proceso bolivariano. Impulsou procesos de integración sudamericanos e caribeños orientados baixo o signo da solidariedade. Privilexiou a relación coa Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) e achegouse a outros polos de poder mundial como India, Rusia e China, estreitando, ao mesmo tempo, os vínculos cos foros de nacións emerxentes, como o Grupo dos 15 de cooperación Sur-Sur e o Grupo dos 77 e o Movemento de Países Non Aliñados. No Cono Sur, Chávez buscou unha alianza con Brasil para se opoñer ao ALCA e ingresar como membro pleno no Mercosur.

10. Xunto a outros presidentes latinoamericanos logrou derrotar o proxecto estadounidense do ALCA, levantando unha proposta de integración alternativa: o ALBA [Alianza Bolivariana para as Américas que hoxe se denomina: Alianza Bolivariana para os Pobos da nosa América]. Estreitou as súas relacións con Cuba, fornecendo á illa mesmo petróleo en condicións especiais de pagamento, a cambio dos seus servizos: médicos, venda de medicamentos xenéricos e asistencia técnica nos sectores agrícola, turístico e deportes. Financiou a “Misión milagre” que devolveu a vista a milleiros de persoas de baixos recursos en América Latina. Estableceu tamén un compromiso de fornecer a 11 países centroamericanos e caribeños un trato preferencial na venda de petróleo, como un xesto de cooperación.

11. Chávez tamén entendeu que a política debía ir antes que a economía e por iso xogou un papel fundamental na creación de espazos de encontro dos presidentes da rexión aínda que estes tivesen diferentes enfoques económicos como a Unión de Nacións Sudamericanas [Unasur] e a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños [Celac]. O importante era lograr reunirse sen a presenza dos Estados Unidos. Neste mesmo sentido oriéntanse a creación do Banco do Sur e do Banco do Alba.

12. E como entendía ben que non se podía construír forza política sen construír forza social, xunto a estas iniciativas de encontro de gobernantes, apoiou iniciativas de encontro dos movementos sociais da rexión.

13. Baixo a súa inspiración foi tamén creada Telesur, unha iniciativa fundamental para facer fronte á guerra mediática que necesariamente terían que enfrontar os gobernos progresistas de América Latina. Chávez adoitaba repetir unha sentenza de Simón Bolívar: “Domínannos menos pola forza que pola ignorancia e a superstición”. Grazas a este sinal de televisión estamos correctamente informados do que realmente ocorre na rexión.

14. Coincido con Atilio Borón [iii] en que TeleSUR é perigosa porque mostra a verdade do que ocorre non só nesta parte do mundo senón en todo o planeta e, ao mostrar os estragos que perpetra o imperialismo, esperta os pobos e alenta a súa rebeldía en contra dunha orde imperial que a diario acaba coa vida de ducias de miles de persoas en todo o mundo. Por iso volveuse unha grave ameaza e as forzas políticas máis retrógradas farán todo por silenciala.

15. E aínda que hoxe haxa algúns retrocesos na rexión, ninguén pode dubidar que existe un abismo entre a América Latina que Hugo Chávez recibiu e a América Latina que nos deixou.

Guerra económica que repite estratexia seguida en Chile

16. Aproveitándose do gran baleiro de liderado que deixa a súa desaparición física, recruaron os ataques contra o proceso revolucionario bolivariano, tanto desde dentro como desde fóra do país. E como resulta moi difícil intentar outro golpe de estado contra o presidente Nicolás Maduro -quen tratou de ser consecuente co legado de Chávez- agudizouse a “guerra económica” iniciada xa durante o período anterior: o gobernante venezolano recibiu -en pouco máis de tres anos o equivalente dos ataques que recibiu Chávez en catorce anos- e un dos seus obxectivos foi afectar o sistema de acceso a alimentos básicos a prezos subsidiados que se impulsa desde 2003 a través da Misión Mercal, con resultados substantivos na garantía do dereito á alimentación.

17. O tema da guerra económica foi abordado recentemente polo destacado intelectual venezolano e ex ministro do goberno de Maduro, Reinaldo Iturriza [iv] , de quen tomei moitas das ideas que expoñerei a continuación ao referirme a esta estratexia da dereita venezolana. Mais quero empezar por dicir que algo moi similar ocorreu en Chile para desestabilizar o goberno de Salvador Allende[v].

18. Lembremos que neste país as medidas empezan a ser aplicadas inmediatamente despois do triunfo electoral: retiradas bancarias, contrabando de dólares, paralización dalgunhas industrias, cesamento de importación de materias primas e repostos necesarios para o funcionamento das industrias, etcétera. Bloqueo dos intentos do goberno por modificar a inxusta estrutura tributaria usando para iso a súa maioría parlamentaria, negativa a aprobar recursos orzamentarios para levar adiante os seus plans de carácter social, instigación planificada para crear temor nos investidores estranxeiros e empresarios locais, provocando a medio prazo un estancamento produtivo.

19. O devandito plan foi plenamente compartido polo goberno de Nixon e os consorcios multinacionais, que consumaron unha operación de cerco económico que se traduciu en: redución de créditos, obstaculización da renegociación da débeda externa, embargo de bens por parte das compañías expropiadas, divulgación internacional da imaxe dun país en bancarrota para cercalo máis desde o punto de vista financeiro. O goberno de Allende, que non quería afectar a capacidade de negociación dos traballadores, non tivo outra alternativa que ampliar a cantidade de diñeiro circulante, sabendo que isto xeraría fortes presións inflacionarias. Ao mesmo tempo, a ofensiva do goberno norteamericano impediulle manter un volume de importacións alimenticias acorde coa maior capacidade adquisitiva alcanzada polos sectores populares. Os problemas de abastecemento agudizáronse día tras día. Sobre esta base obxectiva, os esforzos da reacción encamiñáronse a agravar a situación económica mediante a especulación, o acaparamento e o fomento do mercado negro; mentres a prensa por ela controlada desataba unha campaña sistemática destinada a magnificar o desabastecemento e a constituílo no centro dos seus ataques. A este macabro plan sumaron: cazoladas, manifestacións na rúa, paros de transportistas, folgas no cobre, manifestacións contra os militares que apoiaban ao réxime.

20. En Venezuela aplicáronse principalmente dúas estratexias para afectar o desenvolvemento económico e crear, con iso, descontento na poboación: a inflación inducida e o desabastecemento programado [vi]. Segundo a economista venezolana, Pasqualina Curcio, isto lógrase, por unha banda, mediante a manipulación do tipo de cambio no mercado paralelo e ilegal, que sintomaticamente se incrementa exponencialmente durante nos meses previos aos procesos electorais[vii] , e, por outra, a través da manipulación dos mecanismos de distribución de bens esenciais para a vida para crear artificialmente desabastecemento.

Inflación inducida

21. Segundo Curcio estas estratexias son viábeis en razón de características e determinacións históricas da economía venezolana. Pois, de feito, existe unha “concentración da produción, das importacións e da distribución dos bens e servizos en poucas mans”: 3% das unidades económicas rexistradas no país controla as divisas para importacións, e, por outra, existe unha “alta dependencia das importacións”.

22. Estes monopolios importadores e banqueiros, que non producen bens senón que obteñen ganancias extraordinarias da diferenza de prezos entre o que compran fóra e o que venden dentro do país, fixan oligopolicamente os prezos dos bens que importan (bens de primeira necesidade, entre eles os alimentos, e os requiridos para a produción e o transporte) asumindo o tipo de cambio paralelo que é moito maior (14,5 veces) ao valor real dos produtos estimado en moeda nacional. Con iso acumularon un gran poder económico que se traduce en influencia política e se reflicte no plano institucional.

23. Non só se prexudica o pobo venezolano ao elevar os prezos dos produtos de primeira necesidade, senón que tamén desfavorece os sectores burgueses produtores dos restantes bens de uso na vida cotiá (agricultores capitalistas e industriais manufactureiros). Como estes vense obrigados a comprar as materias primas e outros bens que se incorporan ao proceso de produción aos prezos fixados por eses monopolios importadores, para que as súas empresas sexan rendíbeis deben vender os seus produtos a cada vez máis altos prezos. E como o poder adquisitivo da poboación se viu severamente minguado pola alta taxa de inflación existente, a xente viuse obrigada a priorizar a compra dos artigos de primeira necesidade (alimentos, medicamentos, transporte), restrinxindo a compra de artigos de consumo menos vitais. E isto só favoreceu o gran capital importador, reducindo as vendas das empresas que producen eses bens afectando con iso a súa rendibilidade.

Desabastecemento programado

24. E en canto ao desabastecemento programado, Curcio precisa que esta práctica -que é iniciada no 2003, afectando a uns contados produtos- se xeneraliza en 2013. Fálase de desabastecemento programado, xa que a ausencia de determinados produtos no mercado nacional non garda relación cos niveis de produción ou de importación dos devanditos sectores. Os inimigos do proceso crean un desabastecemento artificial non colocando de xeito regular, oportuna e en cantidades suficientes eses produtos nos andeis dos establecementos comerciais.

25. Como non denominar guerra económica a estas estratexias da dereita para producir en Venezuela un caos económico que conduza a un desprestixio do goberno e sente as bases para o seu derrocamento pola vía electoral?

26. Por desgraza, o goberno venezolano non logrou facer fronte á nefasta campaña mediática nacional e internacional con argumentos contundentes. Tal circunstancia xerou que importantes sectores da poboación venezolana e unha inmensa maioría de quen segue o proceso bolivariano desde o exterior a través das canles mediáticas, tendan a atribuír ao goberno e non aos verdadeiros actores a responsabilidade do desabastecemento e a inflación.

27. Por suposto que estes ataques se producen sobre un terreo fértil produto das debilidades da política económica levada adiante polo goberno que foi incapaz de previr a baixa do prezo do petróleo. A iso sumouse unha política de control de cambio e unha política masiva de importacións que desestimulou a produción nacional colocando o país nunha situación de crecente dependencia das importacións. Pero ninguén pode negar que un sector da burguesía venezolana e da burocracia estatal corrupta están aproveitándose desta situación obxectiva para afondar a crise e sepultar o proxecto emancipador bolivariano, tratando de restaurar a Cuarta República, paraíso duns poucos e sufrimento e marxinación da maioría do pobo.

28. Concordo plenamente con Reinaldo Iturriza en que a burguesía ve o chavismo como algo “maldito”, “non tanto pola súa capacidade para aglutinar o descontento, senón pola súa decidida actuación contra o statu quo” e o feito de que impoña límites aos poderes económicos.

29. Segundo o investigador venezolano, ese chavismo está vivo pero “está ausente de moitas das análises que se fan sobre Venezuela. Omisión que obedece, con frecuencia, á intención deliberada de continuar ignorando os invisíbeis históricos, hoxe suxeitos políticos dun proceso de cambios revolucionarios, e outras veces á cegueira de certa esquerda que, impedida de ver realizada a revolución que sempre soñou, despacha como pesadelo a revolución que fan os homes e mulleres de carne e óso."

Os desafíos que hoxe debe enfrontar o proceso revolucionario bolivariano

30. Coincido con Pasqualina Curcio en que un dos primeiros desafíos que ten por diante o goberno venezolano é lograr unha eficiente intervención do Estado na regulación dos monopolios. É difícil entender -como di Reinaldo Iturriza- que unha parte da burocracia siga favorecendo os monopolios ou oligopolios importadores, ou aos intereses da banca.

31. Por outra banda, do exposto anteriormente queda claro que obxectivamente existen intereses contrapostos entre os diferentes sectores da burguesía venezolana e que isto se reflicte no escenario político. A oposición non é unha unidade homoxénea. Hai contradicións enormes no seu seo. Hai un sector da oposición que en lugar de preocuparse de resolver os problemas do país, xoga a derrocar o goberno usando todos os medios ao seu alcance, especialmente o esganamento económico. E a iso contribúen os sectores corruptos da burocracia estatal importadora. Con ese sector é imposíbel chegar a acordos. Pero hai outros sectores cos que se podería chegar a acordos de se seguir unha táctica correcta, aqueles que están dispostos a poñer por riba os intereses do país.

Abandonar ataques verbais e manter un diálogo construtivo

32. Deberiamos ser suficientemente hábiles como para explotar estas contradicións e levar adiante un proceso de diálogo coherente chamando á oposición a buscar solucións para o país e evitando de lado e lado os ataques verbais que impiden crear un ambiente de mínima confianza, que é unha das condicións fundamentais para poder manter un dialogo construtivo. Recentemente anunciouse que houbo un acordo entre o goberno venezolano e a oposición para invitar o Sumo Pontífice a ser un dos mediadores nese diálogo. Iso abre un horizonte de esperanza.

33. E en relación con este tema non podo deixar de citar extensamente o Papa Francisco. Vexamos algunhas das cousas que dixo na súa visita a Paraguai: [O diálogo non pode ser un] diálogo-teatro no que xoguemos ao diálogo [e só nos escoitemos entre nós]. [...] o diálogo presupón e esíxenos buscar unha cultura do encontro [ ...] que sabe recoñecer que a diversidade non só é boa, é necesaria. [...] Polo que o punto de partida non pode ser: Vou dialogar pero aquel está equivocado. Non, non, non podemos presumir que o outro estea equivocado. Eu vou co meu e vou escoitar que di o outro, en que me enriquece o outro, en que o outro me fai caer na conta que eu estou equivocado, e en que cousas podolle eu dar eu ao outro. É unha ida e volta, ida e volta pero co corazón aberto. Con presuncións de que o outro está equivocado, mellor irse á casa e non intentar un diálogo [...] [...]. Dialogar non é negociar. Negociar é procurar sacar a propia tallada. [...] Se vas con esa intención non perdas tempo. É buscar o ben común para todos. Discutir xuntos, pensar unha mellor solución para todos. [...] Ao tratar de entender as razóns do outro, ao tratar de escoitar a súa experiencia, os seus anhelos, podemos ver que en gran parte son aspiracións comúns[viii].

Elaboración dunha ampla plataforma de loita para enfrontar a crise

34. Outro dos desafíos que debemos enfrontar é a elaboración dunha ampla plataforma de loita para enfrontar a crise que se está vivindo. Consideramos que esta non pode ser moi radical, porque o proceso bolivariano hoxe non é o suficientemente forte como para propoñer cambios radicais. A correlación de forzas despois das eleccións deu un sinal, perdeuse unha batalla, había que recompoñer as forzas para se preparar para futuras batallas consolidando posicións. Non se pode pretender lanzar unha ofensiva exitosa que reverta a situación nesas condicións.

Explicar ao pobo as dificultades

35. Outro dos desafíos que temos é o de ser capaces de explicar ao pobo as dificultades que o país está enfrontando: “Hai quen pensan que non hai que dicirlle ao pobo os problemas porque se pode deprimir. Eu creo todo o contrario, os nosos pobos son o suficientemente intelixentes como para entender e apertar o cinto cando é necesario facelo se somos capaces de explicarlle con toda clareza a orixe da situación de crise que existe, recoñecendo con honestidade que a dereita estase aproveitando das debilidades e erros que se cometeron. Claro que iso debe ir acompañado co exemplo da alta dirección do goberno e do partido: se se pide austeridade ao pobo hai que partir co exemplo dos seus líderes.

Que non fixemos ben e que fomos aprendendo no camiño

36. Para rematar, así como ninguén lle botaría a culpa á receita de cociña polo flan que se queimou ao poñer moi forte o forno, do mesmo xeito, as dificultades actuais polas que atravesa Venezuela non poden servir de argumento para soster que a historia demostrou que o proxecto de socialismo do século XXI proposto por Hugo Chávez é inviábel. O que temos que analizar seriamente é que non fixemos ben e que fomos aprendendo no camiño que non debemos repetir. Moitos deses erros son comprensíbeis dado que non existían modelos pre-feitos que indicasen o camiño a seguir e facíase necesario “inventar para non errar”, como dicía Simón Rodríguez, titor de Simón Bolívar. Poderiamos falar de que foron erros necesarios.

Formemos un cordón de defensa do proceso revolucionario bolivariano.

37. Venezuela foi o inicio dun ciclo de cambios en América Latina. Foi o rexurdimento da esperanza, foi gobernar para resolver os problemas dos máis desfavorecidos, entendendo que non se podía resolver o problema da pobreza se non se daba poder aos pobres. Foi a encarnación da solidariedade cos pobos irmáns da rexión que estaban en dificultades económicas. Hoxe, que esta nación está sufrindo máis que outros países, os embates da crise mundial do capitalismo e da guerra económica despregada contra ela, concentrando as maiores agresións das forzas reaccionarias do mundo, merece toda a nosa solidariedade. Saibamos corresponder a súa nobre e incribelmente estendida xenerosidade coas nacións e pobos máis pobres da rexión e do mundo formando un cordón de defensa do proceso revolucionario bolivariano.

38. Para terminar, coido que podemos ser optimistas. Sen ningunha dúbida a sementa de Chávez marcou o seu pobo e fíxoo madurar, como puiden constatar en persoa durante os anos que vivín nese país. Penso que toda esa xente, á que se lle outorgou a oportunidade de estudar, de pensar, de participar, de construír, de decidir -e que creceu enormemente en autoestima e madurou humanamente- defenderá o proceso.

39. Eu sempre dixen que hai que medir ao proceso revolucionario venezolano non tanto polas medidas transformadoras adoptadas -que son moitas-, senón polo crecemento do suxeito revolucionario, e esa obra é obra de Chávez. O proceso poderá cometer erros e ter moitas debilidades -e con moitísima dor eu no seu momento funas sinalando- pero o que el logrou co seu pobo, iso¡ninguén o poderá borrar xamais!

______________________________________________________________________

[i] As ideas que desenvolvo nesta parte do artigo proveñen de: Marta Harnecker, “El principal legado de Chávez: Construir con la gente una sociedad alternativa al capitalismo”, La Segunda, Stgo. de Chile, 6 marzo 2013. En: http://rebelion.org/docs/164878.pdf

[ii] Primeiro ‘Aló Presidente’ teórico, 11 de xuño de 2009.

[iii] Atilio Borón, “Sobre la excepcional importancia de Telesur”, 12 setembro 2016. Ver: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=216595

[iv] Reinaldo Iturriza, “Chavismo y revolución ¿qué pasa en Venezuela?”, 29 agosto 2016. Ver: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=216115 .

[v] Ver: Marta Harnecker, “Reflexiones sobre el gobierno de Allende. Estudiar el pasado para construir el futuro”, en: http://www.rebelion.org/noticias/2016/9/216627.pdf.

[vi] Pasqualina Curcio, “Mi país, Venezuela, es víctima de una grave agresión”, 11 set. 2016. Ver link: http://www.15yultimo.com/2016/09/11/mi-pais-venezuela-es-victima-de-una-...

[vii] As variacións máis altas rexistráronse nos meses de outubro 2012 (eleccións presidenciais nas que vence Hugo Chávez), decembro do mesmo ano (elección de gobernadores), abril 2013 (eleccións presidenciais por falecemento de Hugo Chávez), decembro 2013 (eleccións municipais). Desde ese momento en diante o incremento do dólar paralelo foi sostido e desproporcionado explicando o resultado desfavorable ao goberno das eleccións parlamentarias. Op.cit.

[viii] Palabras en encontro con representantes da sociedade civil en Paraguai, Estadio León Condou do colexio San José, Asunción, sábado 11 de xullo de 2015. Extraín só o esencial, o Papa aborda o tema con maior amplitude.

______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 27 de setembro de 2016]

Volver