Venezuela no epicentro da loita de clases e do conflito entre as grandes potencias

Adrián Sotelo Valencia - 05 Abr 2019

Por vez primeira potencias en ascenso como China, Rusia ou a India fan presenza estratéxica en América Latina e cuestionan, deste xeito, a relación "centro/periferia" que historicamente mantivo o imperialismo norteamericano cos países dependentes e subdesenvolvidos da rexión

 Despois dos ataques cibernéticos dos días 7, 9, 11 e 15 de marzo contra o sistema eléctrico do país (este último perpetrado con fusil por francotiradores) contrariamente ás expectativas de Washington, o apoio popular ao goberno constitucional de Nicolás Maduro aumentou significativamente, até o punto de que, ademais de soportar os efectos desastrosos na vida social e laboral, así como na cotidianidade do pobo en virtude dos cortes eléctricos que noutras sociedades probabelmente causasen protestas por parte da poboación, novamente este saíu ás rúas masivamente a mostrar o seu repudio ás inxerencias de EUA no país, así como contra as accións terroristas e violentas practicadas pola oposición de ultradereita comandada polo "presidente" bufo Guaidó.

 Simplemente, o día 30 de marzo concentráronse máis de medio millón de cidadáns en Caracas para demostrar o seu descontento fronte a esas accións e manifestando o seu incansábel apoio ao goberno bolivariano, ao mesmo tempo que en varias cidades do mundo se expresaba a solidariedade internacional con Venezuela.

 Dentro desta conxuntura, enmarcada no slogan dos falcóns do Pentágono relativo a que "todas as opcións están sobre a mesa", Rusia e China, no marco do Acordo de Cooperación Estratéxica entre ambas as nacións con Venezuela, materializou o seu apoio mediante insumos médicos e axuda técnica e militar causando a carraxe e demandas de corte monroísta ("América para os americanos") e inxerencista (invasións, golpes de Estado, bloqueos, sancións, etc.) por parte dos imperialistas norteamericanos e os medios de comunicación afíns a eles.

 China forneceu 65 toneladas de medicamentos como antibióticos, medicinas para a diabetes, protectores gástricos e outros insumos, no marco da súa cooperación estratéxica, ao goberno e pobo de Venezuela, o que evidentemente amolou os falcóns de Washington. Así, John Bolton, Conselleiro de Seguridade Nacional de EEUU, inmediatamente anunciou as consabidas e desgastadas sancións (que non son outra cousa máis que agresións irracionais) contra persoas, compañías ou países que se solidaricen co goberno venezolano, xa que, afirmou sen andrómenas, iso obstaculiza a asfixia financeira e a caída concomitante do goberno que é o seu obxectivo supremo debido a que consideran a toda América Latina como o seu "patio traseiro" e como a súa propiedade. En resposta, a chancelaría rusa advertiu que Venezuela e Rusia non son provincias de EUA debido á súa constitución independente e soberana.

 Consideramos que estas accións, até o de agora sen producir os efectos desexados pola xeopolítica norteamericana, máis que fortalezas, reflicten debilidades emanadas do proceso de desgaste e caída histórica da chamada hexemonía do imperialismo norteamericano no convulsionado e contraditorio contexto mundial.

 Neste teor destaca, por exemplo, o lamentábel espectáculo que  ofreceu a esposa do presidente bufo enviada á Casa Branca para se "entrevistar" co magnate Donald Trump supostamente para mostrar a "vitalidade" da oposición venezolana fronte ao "debilitado e ditatorial" "réxime" de Maduro.

 Esta perda de hexemonía ocorre en ámbitos macroeconómicos e históricos caracterizados polo ascenso e expansión da nova Ruta da Seda -que é un proxecto xeopolítico inter-intracontinental de China que, por exemplo, en contra das previsións europeístas, levou recentemente a Italia a asinar un acordo para se integrar no plan chinés fronte ao proxecto retrógrado neoproteccionista conservador de Donald Trump-; o frenético capricho deste de erixir o Muro da Ignomínia ou a inconclusa e ambigua saída da Gran Bretaña da Unión Europea a través do Brexit e no fracaso de EUA en Ucraína, Iraq e Siria para destruílos e controlalos. Exprésase tamén no relanzamento de Rusia como potencia global no campo militar, aeroespacial ou cibernético que se vén desenvolvendo no marco do multipolarismo versus o unilateralismo decadente norteamericano.

 Cuestións estas inimaxinábeis por analistas e expertos hai unhas décadas, cando EUA impoñía a pracer os seus intereses, ideoloxías e xeopolítica practicamente en todo o planeta, sen deixar de mencionar as súas aproximadamente oitocentas bases militares e os miles e miles de burócratas e investimentos que as manteñen a custo dos salarios e impostos dos estadounidenses.

 O conflito venezolano dislocou o seu centro de gravidade ás loitas de clases intercapitalistas e imperialistas constituíndo un punto de inflexión no contorno global das relacións e confrontacións internacionais.

 Por vez primeira potencias en ascenso como China, Rusia ou a India fan presenza estratéxica en América Latina e cuestionan, deste xeito, a relación "centro/periferia" que historicamente mantivo o imperialismo norteamericano cos países dependentes e subdesenvolvidos da rexión.

 Deste xeito podemos estar asistindo a un novo parto na historia global caracterizado, sinteticamente, polo ascenso de novas potencias de fasquía nuclear e vocación universalista como China, Rusia, A India, Irán, Paquistán, entre outras e o descenso, advertido por numerosos analistas, marcado desde mediados da década dos setenta do século pasado, de EUA e da súa área de influencia nos principais países do imperialismo europeo como Alemaña, Francia e Gran Bretaña, entre outros.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 3 de abril de 2019]