• Nova

Vía Galega chama a participar na manifestación “Somos unha nación” o domingo 24 de abril en Compostela

“Para crear máis conciencia nacional” e lembrar a Revolución Galega de 1846
Nacional - 06 Abr 2022

A Plataforma Vía Galega  anunciou esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación baixo o lema “Somos unha nación”, con saída o domingo 24 de abril ás 11:30 da alameda de Compostela cos obxectivos de crear máis conciencia nacional e de reforzar a autoestima colectiva como País.

Na rolda de prensa da presentación estiveron Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega; e leron o manifesto Neves Rodríguez, comunicadora e actriz; Marta Dacosta, escritora e profesora; e Pablo Carracedo "Jasper", músico, vocalista de Nao e profesor. Tamén asistiron en representación das máis de 60 entidades que conforman esta plataforma Paulo Carril, secretario xeral da CIG; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística;  Belén Rodríguez, da directiva de ADEGA; Manuel da Cal, coordenador xeral de FRUGA; Manuel Agra, de Erguer; Lucia Veciño, da Fundación Galiza Sempre; María Antonia Pérez, presidenta da A.C. O Galo; e os membros membros da Coordenadora de Vía Galega Rafael Iglesias, Adrián Bravo, Olaia Chaves e Antón Laxe.

Este mes de abril conmemóranse os 176 anos daquel abril de 1846, que Manuel María denominou “abril de lume e ferro” en que se sucederon numerosos levantamentos, pronunciamentos, proclamas e a creación da “Xunta Superior do Goberno de Galiza” que xa denunciaba que Galiza estaba “convertida nunha verdadeira colonia da corte”. Esta revolución de abril de 1846 rematou, desgraciadamente, o 26 de abril, co fusilamento en Carral, dos “Mártires da Liberdade”. “Estamos ante un fito histórico que estaba colocando os alicerces do nacionalismo soberano e emancipador de hoxe”, explicou Anxo Louzao.

“Por iso, desde Vía Galega, consciente da necesidade de lembrar e recoñecérmonos na nosa historia que durante cinco séculos se nos negou, ocultou ou manipulou, optamos por, como xa o fixemos o  ano pasado, por convocar manifestación nacional baixo o lema: “Somos unha nación”.

Ademais de lembrar e recoñecer esta efeméride da nosa historia, é motivación fundamental desta mobilización “esixir os nosos dereitos nacionais, como nación que somos”. “Non só temos todos os trazos que definen a unha nación, senón que temos a vontade de existir politicamente; somos unha nación disposta a responsabilizarnos do noso futuro como Pobo, sen subordinación nin dependencias, e pretendemos desterrar a falacia de que somos un País subsidiado”, explicou. “Mais, o que si somos é un País   oprimido, explotado e negado; e por iso, esiximos exercer o dereito inalienábel que lle asiste as todas as nacións do mundo: o  dereito á autodeterminación, o dereito a decidir por nós mesmos e mesmas”, engadiu o portavoz de Vía Galega, “porque é única maneira de garantir un futuro sen emigración, maior benestar social e traballo digno para todos e todas”.

A crise que Galiza vén arrastrando desde o 2008 neste momento faise insoportábel pola escandalosa escalada dos prezos, superando en moitos produtos básicos o 50%. “A inflación non só é  maior en Galiza, senón que se manifesta con maior virulencia debido a que temos uns dos salarios máis baixos do Estado español e as segundas pensións máis  reducidas, cuxa media non supera os 866 euros, ao tempo que  padecemos un desmantelamento industrial crónico”, expuxo.

“Como sabemos, Galiza exporta o 30% da electricidade que produce, porén, non temos nin tarifa eléctrica  galega, nin ningunha empresa pública do sector, tendo  que pagar a  electricidade a prezos desorbitados, condenando ás clases populares á pobreza enerxética”, advertiu. O máis escandaloso é que mentres isto sucede, as eléctricas ingresaron o ano pasado 2.700 millóns de euros da enerxía producida en Galiza deixándonos exclusivamente os prexuízos ambientais e sociais.

Así, considera que “cómpre sublevarse contra esta inxustiza e denunciar como os gobernos do Estado e o galego actúan como meros xestores dos intereses da oligarquía e das grandes multinacionais, sen, nin sequera, atreverse a intervir os mercados para limitar os prezos dos produtos básicos  e da enerxía”. 

“Precisamos romper a nosa dependencia colonial para rematar co espolio das nosas materias primas e recursos naturais, da enerxía que producimos e do aforro que xeramos”, indicou. “Necesitamos total soberanía para dotármonos dun sector enerxético e financeiro público e galego, que garanta unha electricidade con prezos populares e para que o noso aforro  se converta en benestar social dos galegos e galegas e non continúe expatriándose e incrementando as contas de dividendos da oligarquía financeira”, sinalou. Urxe un modelo económico autocentrado e un sistema fiscal e de financiamento propio e soberano para desenvolver o noso tecido industrial e as nosas potencialidades. “Esiximos soberanía alimentar para relanzar o sector agropecuario, recuperar superficie agraria útil e impedir a eucalitización, mais tamén, porque  queremos vivir no noso idioma e na nosa cultura”, subliñou Anxo Louzao. 

“Precisamos  combater as agresións que recibimos e a galopante españolización que diariamente padecemos e, por iso, estamos empeñados en crear máis conciencia nacional e reforzar a autoestima colectiva”, indicou. “Temos a certeza que só con soberanía, exercendo como nación libre, Galiza terá  futuro e construirá unha sociedade máis  democrática, máis xusta e de maior igualdade social”, explicou.

Deste xeito, realizou un chamamento  a participar o  24 de abril na manifestación que baixo o lema de “Somos unha nación” percorrerá as rúas de Compostela.