Vía Galega convoca concentracións este sábado en toda a Galiza para denunciar que “non emigramos, expúlsannos”

Diante da Casa do Concello de preto de 50 cidades e vilas ás 12:00 horas

Nacional -

Vía Galega, a plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza vén de lanzar unha campaña en denuncia da sangría poboacional que supón o feito migratorio e para contribuír á súa reversibilidade de cara a garantir o futuro da nosa nación. Con este motivo, alén de promover a presentación de mocións nos Concellos de todo o país, ten convocadas concentracións ás 12:00 horas deste sábado, día 14 de decembro, diante da Casa do Concello de preto de 50 cidades e vilas -agás en Nigrán, Sada, Tui e Vigo, onde se indica o lugar-  baixo o lema “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno na Galiza”. As mobilizacións previstas na comarca da Mariña suspéndese ao coincidir coa convocada en Lugo, en defensa dos postos de traballo en Alcoa.

Vía Galega, entende a emigración como o síntoma principal dunha economía subalterna, que non aproveita as verdadeiras potencialidades de Galiza, e que se limita, na práctica, a fornecer materias primas en lugar de terminar os ciclos produtivos no país. “E somos conscientes de que esta orientación non é casual, senón produto da falta de soberanía política, da dependencia das relacións económicas a respecto de Madrid e da falta de interese dos diferentes gobernos autonómicos en promover unha economía autocentrada”, afirma.

Fronte a isto e seguindo coa campaña «Non Emigramos. Expúlsannos», que nestes días está a tramitar mocións ao respecto na maioría de concellos galegos, estas concentracións son un chamado á acción dos poderes públicos para que recoñezan a emigración galega actual como unha emerxencia nacional e activen, dunha vez, os mecanismos para remediar esta lacra.

Lugares onde están convocadas as concentracións:

 

  • A Coruña
  • A Estrada
  • A Guarda
  • As Pontes
  • Allariz
  • Ames
  • Arzúa
  • Betanzos
  • Cangas
  • Carballo
  • Cedeira
  • Cee
  • Celanova
  • Compostela
  • Fene
  • Ferrol
  • Lalín
  • Lugo
  • Malpica
  • Marín
  • Moaña
  • Monforte
  • Narón
  • Nigrán (Cruce da Ramallosa)
  • Noia
  • O Barco
  • O Porriño
  • Ourense
  • Padrón
  • Pontedeume
  • Ponteareas
  • Pontevedra
  • Redondela
  • Rianxo
  • Ribeira
  • Sada (Praza de San Roque)
  • San Sadurniño
  • Sarria
  • Teo
  • Tui (Praza da Inmaculada)
  • Verín
  • Vigo (Praza da Princesa)
  • Vilagarcía de Arousa

 

 

Volver