Vida ou capital

Antoni Soy - 06 Abr 2020

As elites (o 1% dos máis ricos, das grandes empresas, multinacionais ou non, e a gran banca) queren que a economía siga funcionando, porque nun momento de crise os que teñen capital teñen oportunidades importantes de facer negocio e conseguir grandes beneficios e porque pensan que se continúa a actividade económica, aínda que sexa minimamente, despois será máis doada a recuperación e volver conseguir os beneficios que consideran "normais"

 Cando falamos de economía hai moita xente que desconecta, porque lle custa seguir os conceptos e a linguaxe que se usan. E é normal, porque demasiadas veces os economistas falamos nunha xiria que só nós entendemos. Nesta columna intentarei ser moi sinxelo e comprensíbel (agardo conseguilo) e isto fará que, nalgún caso, poida que sexa demasiado esquemático e que, sen dúbida, deixei cousas, quizais importantes, atrás. Pido escusas aos meus colegas.

 Hai diferentes definicións sobre que é e para que serve a economía, pero agora non vou entrar. Desde o meu punto de vista, a economía (as actividades económicas) debe servir, sobre todo, para que a poboación, toda a poboación, teña unha vida acaída: poderiamos dicir economía para a vida. Isto significa, en primeiro lugar, satisfacer as necesidades básicas e esenciais da poboación, de toda a poboación insisto: comer, vestir, saúde, educación, coidados / servizos sociais, vivenda, protección -da xente, da natureza, do medio ambiente-, etcétera. O resto de bens e servizos, nin básicos nin esenciais segundo os estándares medios, pódense considerar de luxo ou que responden a intereses (políticos, militares, económicos) non relacionados directamente coa vida. Evidentemente, as necesidades básicas e esenciais medias da poboación foron cambiando ao longo da historia da humanidade.

 E nunha economía monetaria como a que vivimos, para asegurar que a xente poida satisfacer estas necesidades básicas e esenciais débense garantir uns ingresos mínimos cos que poidan comprar os bens e servizos necesarios. E, xa que logo, á xente débeselle asegurar un traballo / emprego que lle permita obter estes ingresos ou ben o estado débelles facer chegar directamente (o que se chamou a RB). Por outra banda, os bens e servizos básicos e esenciais deben producirse para poder ser consumidos. De aí a importancia que ten o traballo (a capacidade / forza de traballo dos traballadores), tanto para a produción dos bens e servizos mencionados como para a obtención dos ingresos que logo permitan que a xente poida compralos e consumilos.

Mais non podemos esquecer que vivimos nunha economía capitalista. Nunha economía onde unha minoría (os capitalistas), que posúe o capital e os medios de produción (máquinas, edificios, materias primas, etcétera), compra a forza / capacidade de traballo dos traballadores a cambio dun salario e, con todo isto, produce uns bens e servizos que, unha vez que os vende, lle permiten recuperar todo o investido inicialmente e, ademais, obter un beneficio adicional. E só investirá e producirá se despois pode vender e conseguir este beneficio. É a condición necesaria para que se produzan os bens e servizos básicos e esenciais que necesita a poboación, que cos salarios que recibe os mercará. Pero neste punto pódese producir unha contradición que dá lugar ás crises e ciclos recorrentes que se producen na economía capitalista: o capitalista individual está interesado en pagar os salarios máis baixos posíbeis para obter os beneficios máis altos posíbeis; pero se todos os capitalistas fixesen o mesmo, os salarios totais que recibirían os traballadores non serían suficientes para comprar todos os bens e servizos producidos e, xa que logo, os capitalistas non poderían vender todos os seus produtos e non poderían conseguir os beneficios que esperaban, co cal deixarían de investir e de producir novos bens e servizos. Chegaría a crise, que é o que acontece recorrentemente no sistema capitalista.

 Agora estamos ante unha crise sanitaria mundial gravísima (e non é a primeira, pero si a máis grave que se produciu nos últimos anos) que irá acompañada, segundo todas as estimacións, dunha crise económica mundial tamén moi importante . Unha situación na que se produce unha gran tensión / contradición entre a vida das persoas (nomeadamente, das clases traballadoras e populares: traballadores asalariados e traballadores precarios, autónomos, profesionais, pequenas -e algunhas medias- empresas) e os intereses das elites (do 1% dos máis ricos, das grandes empresas, multinacionais ou non, e a gran banca). Estes queren que a economía siga funcionando, porque nun momento de crise os que teñen capital teñen oportunidades importantes de facer negocio e conseguir grandes beneficios e porque pensan que se continúa a actividade económica, aínda que sexa minimamente, despois será máis doada a recuperación e volver conseguir os beneficios que consideran "normais". Ao que nun momento determinado Rosa Luxemburgo chamou "socialismo ou barbarie" agora poderiámolo chamar "vida ou beneficios polo capital".

 Dicíanolo hai uns días o xornalista Rafael Poch no seu artigo "O Imperio e o Capital non pechan en domingo ": "este é o dilema ao que se enfrontan hoxe os que mandan en Occidente: ou se opta por unha longa hibernación, co que a pandemia se contería pero a "economía" se afundiría, ou se opta pola actual restrición soft coa economía con dificultades e unha gran mortalidade. Hoxe en día seguramente ninguén sabe cal das dúas opcións é a máis nociva, pero o que está claro é que a primeira opción non pode ser considerada polos que representan politicamente os intereses dos máis ricos, porque o Capital tampouco pecha os domingos".

 E iso parece, efectivamente, cando lemos que os ministros de Economía ou os xefes de estado do euro non conseguen poñerse de acordo nunha resposta común á crise do coronavirus e que como moito están dispostos a facer que os países que o necesiten intenten conseguir un empréstito do Mecanismo de Estabilidade Europeo (MEDE). Un empréstito que non é nin automático nin sen condicións, senón que pode ser aceptado ou non e que, en todo caso, pode impoñer no país que o reciba, como se fixo no seu momento con Grecia, unhas políticas de axuste (de austeridade) de obrigado cumprimento, en materia económica e fiscal. Isto, nun momento en que mesmo algúns economistas ortodoxos, non só os heterodoxos ou anticapitalistas, defenden que xa non é hora de que os bancos centrais compren débeda pública dos estados ou que en Europa se emita un bono de débeda europea, sempre de forma condicionada, senón que os bancos centrais (e particularmente a FED en EEUU e o BCE na UE) actúen realmente como prestadores de última instancia e proporcionen á economía todo o diñeiro que fagan falta, comprando directamente (monetizando, na xiria económica) o financiamento do necesario déficit público, ou sexa, da débeda pública.

 Porén, entrementres, a vicepresidenta económica española, Nadia Calviño, defende encarnizadamente non parar máis a economía e manter as industrias funcionando (mesmo, as non básicas e esenciais); unha posición que ten o apoio da patronal e dos sindicatos maioritarios do réxime que, como moito, piden máis medidas de seguridade. É o mesmo que defenden a maioría de países europeos ou Trump, cando di que cre que os EUA non poden permitir moitas semanas máis coas cidades paralizadas, porque o custo económico sería demasiado elevado e que, segundo el, "o remedio non pode ser peor que o problema". E hai posturas moito peores, como a de Dan Patrick, vicegobernador de Texas, cando dicía, de forma criminal, que: "Os avós deberían sacrificarse e deixarse morrer para salvar a economía polo ben dos seus netos e non paralizar o país ".

 Como dixo a Organización Mundial da Saúde (OMS) e unha gran parte dos mellores expertos mundiais no tema, Europa non aprendeu ben as leccións que nos deron Wuhan en China, Corea ou outros países asiáticos: non se trata só do confinamento estrito senón tamén de facer tests a todos, de illar totalmente os casos positivos e crear centros de corentena axeitados.

 Non hai dúbida, volvemos estar no momento de elixir entre "socialismo ou barbarie", ou adaptándoo aos nosos días: entre "a vida da xente ou os beneficios do capital".

 

[Artigo tirado do sitio web catalán La Directa, do 1 de abril de 2020]