Viqueira, antecedente do nacionalismo galego de esquerda

Manuel Mera - 16 Out 2023

Xoán Vicente Viqueira hai un século defendía a construción de poder popular para liberación nacional e social do pobo galego, polo que debería ter un maior protagonismo como referente do movemento nacional popular galego e na historia do nacionalismo

 Sen dúbida, o levantamento armado contra a Segunda República foi quen de causar unha ruptura xeracional entre o galeguismo das Irmandades da Fala e o Partido Galeguista e os proxectos políticos nacionalistas posteriores (UPG-PSG-PGSD), xurdidos na década previa á morte do ditador Francisco Franco e inicio da “transición á democracia”. Agora ben isto non implicou que se rachasen todas as pontes, porque durante esta etapa represiva, houbo guerrilla, posteriormente protesta social e laboral, así como divulgación clandestina ou semiclandestina da nosa cultura e historia, e actividade política no exilio, especialmente en Bos Aires, México, Venezuela...

 As organizacións políticas xurdidas na última etapa do franquismo, mantiveron unha relación coas etapas anteriores a través das publicacións, como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, e editando libros e resolucións políticas... A presenza de escasas persoas que no interior mantiñan unha militancia do período republicano tiñan unha actividade cinguida ao eido cultural que logo se plasmou en Galaxia. Sen dúbida, un salto cualitativo, foi o secuestro do Santa María, do que sería mentor e líder Xosé Velo. Tamén incidiu o contexto internacional: o fortalecemento da URSS, a Revolución China e de Cuba, e os procesos de liberación nacional en África e Asia. E, no caso concreto de Galiza e da UPG tivo ademais unha repercusión importante o proceso de liberación de Alxeria, e as loitas pola soberanía nas colonias portuguesas en África.

 Mais, hai que destacalo, polo grao de achegamento, de nexo co pasado, foi moi relevante o traballo que no eido da resistencia e da análise realizaron tanto a Irmandade Galega de Bos Aires como o Consello de Galiza (o goberno galego no exilio). Estas organizacións que constituíron o piar da resistencia no exterior, nas que tiveron un gran papel entre outros, Castelao, Alonso Ríos, Suárez Pícallo... así como activistas que proviñan da Asociación Pondal e de entidades da colectividade galega (Centro Ourensá, Coruñés, Betanzos, etc.). As dúas primeiras foron as que tomaron a decisión de celebrar o día de Galiza Mártir, e de divulgar as análises e ideas daqueles galeguistas máis sobranceiros, como foi o caso de Xóan Viqueira (1886-1924) uns dos impulsores e dirixentes das Irmandades da Fala cuxo pensamento deberiamos termos en consideración porque segue tendo moito valor nesta etapa, especialmente despois da caída da URSS (o mesmo digo respecto de Samir Amin, Mauro Marini, Isabel Rauber...).

 Unha breve referencia sobre Viqueira. No número 136 d'A Nosa Terra, voceiro daquela das Irmandades, do 15 de marzo de 1921, afirmábase: “Johán Viqueira, Risco, Cabanillas e Castelao son as columnas do movemento nazionalista galego. Son os homes representativos da cultura enxebre, que ten outro filosofo ó seu servizo: Losada Diéguez, i-un xurista: Banet Fontenla”. Viqueira morreu con 37 anos, en 1924, mais o seu nome estaría presente en repetidas ocasións como unha referencia do nacionalismo da época, tal como se reflicte en publicacións como A Nosa Terra ou no Guieiro.

 Ademais destacou pola vinculación que fixo entre nacionalismo e socialismo, un tema que segue a ser de actualidade nunha sociedade na que a clase traballadora é unha ampla maioría, mais a desigualdade social e explotación laboral non deixa de medrar, malia os grandes avances científico-técnicos. Daquela Galiza era eminentemente rural, con formas precapitalistas de autoconsumo cuantitativamente maioritarias, aínda que o capitalismo xa fose hexemónico no ámbito do poder, o que amosa o avanzado da súa reflexión tanto no aspecto nacional como social.

 Viqueira ve entre nacionalismo e socialismo unha interdependencia, e non olla futuro para as nacións que non fagan da xustiza social parte da loita pola soberanía. Ten un gran valor que chegue a estas conclusións, para alén de que utilizase concepcións marxistas ou non, que non o facía. Respecto da soberanía no apartado do libro que ten como título Pensamentos, propón a autonomía integral para Galiza, e concreta leis sociais que considera urxentes en relación cos labregos, obreiros, retiro de vellez, etc. O importante dos seus textos é que dá un papel fundamental á igualdade social, aos problemas cotiás da xente.

 A súa postura non representaba as ideas hexemónicas nas Irmandades da Fala, que eran moi plurais ideoloxicamente, polo que as propostas sociais e a folla de ruta dependeron do momento político. Mais, convén lembrar que xa antes da Asemblea Nacionalista de Lugo un importante sector do tradicionalismo se afastou das Irmandades, polo que o Manifesto de 1918 tivo un claro carácter progresista. E aínda que o debate continuou, tanto no plano nacional como no social, entre a dereita e a esquerda do galeguismo, a tendencia progresista ficou consolidada como hexemónica.

Xoán Vicente Viqueira hai un século defendía a construción de poder popular para liberación nacional e social do pobo galego, polo que debería ter un maior protagonismo como referente do movemento nacional popular galego e na historia do nacionalismo. Deste xeito o fixo a Irmandade Galega de Bos Aires, na década dos sesenta e setenta unha etapa moi marcada pola liña da Asociación Nacionalista Pondal, nun contexto favorábel aos procesos de liberación nacional e á clase traballadora. Dinos Viqueira: “Eis dous termos que non se poden contrapór: nacionalismo, socialismo. E máis: o segundo é probablemente un aspeito do primeiro. Nacionalismo é irmandade na patria, é sentimento de comunidade ideial”.

 É verdade que non se pode vivir do pasado, aínda que non se debe ignorar o que nos deixa de aprendizaxe. É así mesmo con avances tan grandes a nivel tecnolóxico e mudanzas tan profundas nos comportamentos sociais. Hai aspectos esenciais que non mudaron, tanto no relativo á loita de clases, como na súa interdependencia en moitos casos desta coa soberanía (concretamente nos países dependentes), así como nos temas referentes á igualdade e á protección do medio ambiente, entre outros. A análise sempre debe repasar o pasado, entender o presente en toda a súa profundidade e complexidade, e propoñer unha folla de ruta tendo en consideración a correlación de forzas e todos os escenarios posíbeis. Cando a Irmandade galega tomou a iniciativa de editar un libro sobre o pensamento de Xoán Vicente Viqueira (de Luís Veiga do Campo), no ano 1969, estaba pensando en claves de futuro, sabendo que a construción nacional galega é unha tarefa permanente. 

 

[Galiza, 16 de outubro de 2023]