Volta ás aulas: tras o debate ficticio sobre presencialidade reaparecen a desinformación e os recortes

CIG-Ensino denuncia que a Consellaría mantén a estratexia de reducir profesorado e orzamentos
Nacional - 10 Xan 2022

A reincorporación ás aulas neste 10 de xaneiro prodúcese coa presencialidade que prevía e demandaba a comunidade educativa, mais tamén coa Consellaría mantendo "inalterada a súa estratexia de reducir profesorado e orzamentos para facer fronte á pandemia".

Aínda que nas últimas semanas se pretendeu centrar o debate da afectación da nova vaga da pandemia na suposta incerteza da volta presencial aos centros educativos, a CIG-Ensino considera este debate como unha impostura que só podía interesar aos propios gobernos "que ao longo deste curso escolar se desentenderon de manter os xa mínimos reforzos educativos do curso anterior". Algo que, engaden, hai que afear ao goberno español, no que se refire ao esforzo económico, máis sobre todo á Xunta de Galiza que é quen ten todas as competencias en materia educativa. 

Mentres se poñía en cuestión a presencialidade non se falaba dos aspectos verdadeiramente relevantes deste momento: as condicións na que se desenvolve o ensino presencial

Así, mentres se poñía en cuestión a presencialidade non se falaba dos aspectos verdadeiramente relevantes deste momento: as condicións na que se desenvolve o ensino presencial.

"O que desde a CIG-Ensino levamos pondo en cuestión desde o comezo da pandemia, e especialmente neste curso escolar, pola deriva da Consellaría, son os recortes e a decisión da administración de contemplar este curso como de transición: mantendo un perfil de suposta continuidade nas medidas sanitarias, cunha relaxación de determinados aspectos, e un recorte nos medios humanos e económicos cos que afrontar o día a día nas aulas", salientan.

Como exemplo desta política expoñen a negativa a manter os desdobres conseguidos no curso 2020/21, a negativa a estender máis alá de decembro os contratos ARCO ou a decisión de reducir ou cortar por completo as substitucións de profesorado no mes de decembro, deixando a centos de alumnos e alumnas sen a correcta atención, son o perfecto retrato.

O trimestre arranca con desinformación

Sobre o desenvolvemento da primeira xornada de regreso ás aulas, CIG-Ensino denuncia que este luns non había datos  comunicados formalmente pola Consellaría de Educación ou a de Sanidade sobre o total de persoas contaxiadas ou en corentena, e información sobre as baixas do profesorado, "nun día que comezou con 240 baixas por cubrir e que en menos dunha hora superaron as 350 sen que exista ningunha seguridade de que se van cubrir as ausencias derivadas da Covid".

Ao tempo, a situación creada co sistema de comunicación de contaxios a través dun formulario e a necesidade de comunicar unha baixa médica formal está a crear unha enorme confusión entre o profesorado afectado ben por enfermidade propia ou por atención das súas fillas e fillos que deban quedar na casa.

A CIG-Ensino considera que, máis alá da evolución da pandemia con carácter xeral, estamos diante das consecuencias das propias decisións adoptadas a comezo deste curso escolar (menor distancia física, maiores ratios) así como dos erros cometidos na protección da saúde: retraso inxustificado no reparto xeral de máscaras e especificamente das FFP2 para persoal coidador, mestras e mestres de Infantil, PT e AL, tanto en centros de infantil e primaria como de Educación Especial; desconcerto coas indicacións do rastrexo de casos e as decisións a adoptar en casos de contaxios e contactos, etc.

Por iso, nesta volta ás aulas, cunha evolución moi á alza dos contaxios e contactos estreitos, todo fai prever un elevado número de baixas médicas do profesorado e de ausencia ás aulas de alumnado.

Tendo en conta esta situación, a CIG-Ensino considera que:

  • Non se pode reproducir a situación vivida no mes de decembro coa non cobertura das baixas de docentes.
  • Deben concederse permisos a aquel profesorado que ten a obriga legal de custodiar ao seu fillo ou filla cando teñen que gardar corentena.
  • Debe enviarse información con  carácter inmediato a todo o profesorado sobre a xestión das baixas médicas por Covid.
  • Non se pode fiar todo de novo á vacinación, o uso da máscara e a ventilación  das aulas. Deben tomarse medidas para reducir o alumnado que comparte espazos, contratando docentes de reforzo que permitirían que se desdobrasen puntualmente aulas e se puidese atender o alumnado con maiores necesidades educativas.
  • A Consellaría debe rematar coa política de ocultación de información: debe informar diariamente da incidencia da pandemia nos centros, diferenciando por grupos de idades e colectivos (docentes, non docentes, alumnado…)
  • Rematar canto antes coa vacinación da 3ª dose con todo o profesorado que aínda non a teña, incluíndo quen se vai incorporando de novo aos centros.