Xa é hora de recuperar dereitos!

Emprego, salarios e pensións dignas

A clase traballadora galega botouse á rúa este 1º de Maio coa CIG para esixirlle ao Goberno español que derrogue as contrarreformas e que actúe ante a grave crise industrial do noso país. Milleiros de traballadores/as galegos/as participaron nas mobilizacións convocadas pola CIG para conmemorar o Día Internacional da Clase Traballadora baixo o lema ‘Recuperar dereitos para avanzar. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas’.

 

O secretario xeral, Paulo Carril, chamou durante a súa intervención ao remate da manifestación central de Vigo a rearmar a loita obreira para forzar o novo Goberno español a derrogar dunha vez por todas as contrarreformas laborais, das pensións e da negociación colectiva e a actuar diante da situación de emerxencia nacional e social que atravesa o país, agravada polo desmantelamento progresivo do nosa industria.

O máximo responsábel da central nacionalista centrou o seu discurso na importancia de intensificar a mobilización nos centros de traballo e na rúa para enfrontar a situación de emerxencia nacional e social que atravesa o noso país. “A loita e o conflito son chaves para esixir un cambio real e profundo nas políticas antiobreiras e antisociais executadas por PSOE e PP coa escusa da crise”, sinalou.

O mantemento destas políticas está a consolidar a precariedade, a pobreza laboral, o empobrecemento xeneralizado, a perda de poder adquisitivo, a extensión dos baixos salarios, o aumento da exclusión social e as discriminacións de xénero. De feito, os últimos datos da EPA confirman o descenso da ocupación activa “vía emigración e vía avellentamento da poboación”; o aumento da poboación asalariada con contratos temporais e a tempo parcial; o medre do paro de longa duración e do número de fogares sen ingresos; e a falta de futuro para unha mocidade galega expulsada á emigración ou ao paro “e que no mellor dos casos ingresa un salario miserábel”, lamentou.

Tamén fixo fincapé no desmantelamento da industria galega que se está a producir como consecuencia da aplicación das políticas neoliberais, “desta economía especulativa esmagadora do tecido produtivo que está a provocar peches de empresas, deslocalización, ERTE e despedimentos”. Casos como o de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal así o evidencian.

Carril denunciou que esta situación se ve agravada pola inacción do presidente da Xunta, “que actúa con submisión e pasividade aplaudindo as políticas neoliberais que veñen de Madrid e Bruxelas, negándose a exercer as competencias que ten e sen aplicar ningunha medida para crear emprego digno na nosa terra que permita un mínimo desenvolvemento económico, industrial e social de Galiza”.

Neste senso, criticou que o xeito de proceder do Goberno de Feijóo “provoca máis ben o contrario” e acusouno de promover privatizacións e recortes nos servizos públicos e de facilitar o expolio dos nosos recursos enerxéticos e naturais a través da Lei de Fomento Empresarial e das súas políticas industriais, “fiando a competitividade unicamente a contar con salarios baixos e favorecendo o emprego e a industria doutros territorios do Estado español”.

Fronte a isto, apelou á necesidade de nos rearmar e de actuar “dacordo á nosa mellor tradición de loita, combinando a resistencia coa capacidade de facer propostas, demostrando a nosa disposición a seguir dando resposta, a forzar os cambios necesarios para conquistar as políticas alternativas que nos permitan vivir con dignidade do noso traballo na nosa terra”.

Volver