Xa está dispoñíbel un novo número de 'Ferramenta', voceiro comarcal da CIG-Vigo

A publicación en papel céntrase nos actos convocados polo Día da Clase Obreira Galega
Vigo - 08 Mar 2016
A CIG de Vigo vén de editar un novo número do seu voceiro comarcal, 'Ferramenta', que nesta ocasión se centra nos actos convocados con motivo da conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. A publicación en papel, da que se imprimiron 5000 exemplares que se repartirán de xeito gratuíto nas empresas e na rúa, inclúe tamén unha entrevista co secretario comarcal na que se aborda a situación da bisbarra e do sindicato.

O terceiro número de 'Ferramenta' ten como tema principal a campaña deseñada pola CIG para conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, e que ten como eixo fundamental a reclamación de que as reformas laborais e a 'lei mordaza' sexan anuladas.

Ademais, a publicación inclúe unha extensa entrevista co secretario comarcal do sindicato, Alberto Gonçalves, na que o responsábel sindical repasa a situación na que se atopa a bisbarra e o propio sindicato e achega os principais argumentos a favor da necesidade de apostar pola convocatoria dunha folga xeral na comarca.

Outro dos temas destacados ten que ver coa campaña promovida pola CIG para celebrar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Tamén se pode atopar un breve resumo do informe sobre a situación económica, laboral e social da bisbarra elaborado pola Unión Comarcal.

Por último, o novo número de 'Ferramenta' incorpora tamén unha peza na que se recollen os resultados do recente período concentrado de eleccións sindicais, nas que a CIG revalidou a súa posición como primeira forza a nivel comarcal ao acadar 1175 delegados/as a eunha representatividade do 31,96%.