XEAL afonda no desmantelamento das fábricas aplicando un ERTE que foi negociado hai 19 meses con Ferroatlántica

A CIG esixe un plan de viabiliade e a actuación inmediata da Xunta
Cee - 17 Set 2020

A sección sindical da CIG rexeita a decisión de XEAL de aplicar unha nova suspensión temporal de emprego a partir do 24 de setembro que afecta a todo o cadro de persoal, porque supón afondar no proceso de desmantelamento progresivo das fábricas de Cee e Dumbría. Este ERTE, ademais, nin sequera foi negociado coa actual representación social, senón que se trata do expediente asinado en febreiro de 2019 en Madrid entre Ferroatlántica e tres centrais sindicais.

A decisión comunicada onte pola dirección de XEAL evidencia a fraude da operación de compra-venda entre Ferroatlántica e TPG, que só busca segregar as fábricas das centrais hidroeléctricas para avanzar no seu desmantelamento e poder facer negocio coa produción de enerxía saltando as obrigas que impoñen as concesións administrativas. Un camiño para o que XEAL se aproveita da conxuntura económica derivada da pandemia da covid19.

A sección sindical da CIG denuncia a mala fe coa que actúa XEAL que, antes de informar ao comité de empresa, anunciou nos medios de comunicación que vai executar o ERTE. Un expediente que foi asinado en Madrid hai máis de ano e medio noutra empresa, con outra representación legal, que sobrepasa o ámbito territorial e que os traballadores/as demandaron en múltiples ocasións que fora retirado cando se efectivizou a venda.

A CIG xa presentara recurso contra o ERTE

No seu día, a CIG xa recorreu o ERTE no xulgado do Social, atopándose o recurso no TSXG que debe resolver o ámbito competencial no que se ten que xulgar, xa que tal e como está formulada, a regulación afecta a varios centros de traballo que naquel momento pertencían a Ferroatlántica. A CIG, cómpre lembrar, non asinou ese ERTE porque a empresa non aceptou tres premisas fundamentais: retirada do recuso contra a resolución de Augas de Galiza, un calendario de arranque dos fornos, e un plan de viabilidade coa fin de garantir o futuro das fábricas e dos postos traballo.

Neste senso, hai que chamar a atención sobre o feito de que mentres se recorta a produción en Cee e Dumbría até o punto de que só hai dúas unidades produtivas en marcha, o resto das fábricas de FerroGlobe incluídas nese ERTE están traballando practicamente ao 100% da súa capacidade.

Ademais, XEAL toma esta decisión cando segue sen haber un plan industrial de futuro e  seguen sen realizarse as inversións comprometidas para as plantas, que están nun ridículo 10% da súa capacidade produtiva. Por iso, non se entende a pasividade da Xunta de Galiza ante este desmantelamento evidente das fábricas de ferroaliaxes e que continúe sen esixirlle á empresa o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións administrativas das centrais.

A Xunta debe actuar sobre as concesións

A representación da CIG esixe da Xunta unha implicación inmediata, que convoque con urxencia o comité á xuntanza que está pendente de celebrarse dende febreiro e, de continuar XEAL sen presentar o plan de viabilidade, que actúe de inmediato sobre as concesións, procedendo ao seu rescate. A Xunta non pode ser cómplice desta desfeita industrial que compromete o futuro de centos de empregos e que afecta a economía do conxunto da comarca, menos aínda cando o Goberno galego ten todas as competencias para actuar.