XEAL non compra materia prima para arrancar os fornos a pesar do ERTE rematar a finais de mes

O persoal concentrarase este venres na fábrica de Cee para esixir o plan de viabilidade

Cee -

Os traballadores e as traballadoras de XEAL (Ferroatlántica de Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas) continuarán mañá, venres 5 de febreiro, coas concentración semanais para esixir o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas, un calendario de rearranque dos fornos e que se fagan os investimentos necesarios nas plantas para garantir a viabilidade produtiva e o mantemento de todos os empregos. A concentración realizarase a partir das 17:15 horas diante da fábrica de Brens.

O presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG), lembra que a pesar do compromiso do conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, de compartir información puntual, "a día de hoxe seguimos sen coñecer o plan de viabilidade e sen saber sequera se a empresa o presentou, tal e como llo requiriu a Xunta de Galiza". De igual xeito, a representación social continúa á espera de que a Consellaría concrete data para a reunión que lle foi solicitada xa hai varias semanas.

Subliña que o 28 de febreiro remata a vixencia do ERTE "pero non sabemos como se vai retomar o traballo porque a empresa non está comprando materia prima para comezar a produción nos dous fornos que están parados, nin nos trasladou un calendario para o rearranque". Neste senso, alerta do deterioro progresivo das fábricas de ferroaliaxes pola falta de mantemento e do recorte drástico das súas capacidades produtivas, "mentres XEAL fai negocio a conta de producir enerxía explotando os recursos que son de todas as galegas e galegos".

Reducción de persoal

Xunto a isto, o comité denuncia que XEAL está reducindo de maneira alarmante os empregos, xa que non suple as xubilacións que se producen tanto por idade como por incapacidade, e estase vulnerando o dereito dos traballadores/as que se poden acoller a un plan de relevo a xubilarse, impedindo o acceso dun traballador/a novo á empresa.

A representación do persoal critica que a única preocupación de XEAL é traballar para conseguir a segregación de actividades, tal e como evidencia o recurso interposto ante o Tribunal Supremo, e por iso urxen a Xunta de Galiza a intervir e revisar a concesión dos saltos de augas se a empresa non presenta o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas e garante a produción de ferroaliaxes e dos postos de traballo.

Volver