"XEAL pretende seguir enganando a comarca coa súa propaganda"

O comité critica que a empresa busca lavar a súa imaxe mentres recorta empregos, produción e dereitos
Cee - 13 Xul 2022

O comité de XEAL denuncia as "manobras de propaganda" que está a facer a dirección para dar unha imaxe de compromiso coa comarca e mellorar a súa imaxe social  "a través de esmolas e comidas", cando a realidade "é que continúa reducindo o emprego e precarizando as condicións de traballo nas fábricas de Cee e Dumbría".

A empresa vén de convidar por carta o persoal xubilado a acudir a un ágape na factoría de Cee, cando hai escasos seis meses lle quitou o lote de nadal que o colectivo denominado persoal pasivo recibía cada ano, segundo o recollido no convenio de empresa.

De feito, o conxunto das traballadoras e dos traballadores das fábricas e as centrais seguen perdendo condicións laborais e poder adquisitivo, xa que a empresa manobrou para facer decaer o convenio propio, e pasar así a aplicar o convenio de siderometal da Coruña, pero unha vez alcanzado un acordo que garante o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, XEAL tampouco está a aplicar o convenio provincial do metal.

Neste senso, engaden que o recorte dos beneficios sociais tamén afecta ao alumnado da comarca, xa que XEAL deixou de contratar os/as 8 mellores estudantes do IES Fernando Blanco durante os tres meses de verán, como era habitual, "e agora ten a estes rapaces e rapazas en prácticas nun miserábel intento de aforrar uns cartiños. Deste xeito, os compañeiros en prácticas non teñen contrato laboral e non cobran o estipulado, senón que lles dan unha pequena axuda por traballar 8 horas".

A isto súmase que XEAL acaba de parar o forno 14, deixando sen fabricar aliaxes de manganeso no centro de traballo e deixando un único forno con produción na fábrica de Cee. Neste senso, advirten que a empresa ordenou a parada da actividade deste forno "para non ter que contratar persoal para cubrir vacacións. Mentres, o forno 13 leva parado desde marzo de 2020 e só traballou cinco meses escasos desde  que se fixo cargo da empresa a nova dirección, cando este forno, como os outros, traballaba continuamente. Un exemplo máis do 'compromiso' de XEAL coa comarca".

Pero esta política de desmantelamento das factorías e de redución drástica da produción provoca ademais o peche de moitas empresas auxiliares e un incremento da presións sobre as pequenas subcontratas, "ás que XEAL espreme ao máximo".

Todo isto acontece mentres a Xunta subvenciona a compañía e lle permite obter millonarios beneficios a conta da produción de enerxía; premiando aínda por enriba este comportamento pirata ao ampliarlle as concesións.

Por todo isto, o comité denuncia a hipocrisía da dirección de XEAL e reclama, unha vez máis, un plan industrial que garanta a continuidade produtiva das fábricas de ferroaliaxes da Costa da Morte, manter todos os postos de traballo e recuperar, cando menos, os empregos destruídos nos últimos dous anos e que se manteña o convenio propio que regula as condicións do persoal dende hai 40 anos.