Xornada de folga en AbaiGroup (Extel) contra a modificación unilateral das vacacións para "roubarnos o tempo de descanso"
As traballadoras e os traballadores da plataforma de Extel na Coruña, pertencente a AbaiGroup están secundando unha xornada de folga de 24 horas este xoves contra as pretensións da empresa de modificar de maneira unilateral os criterios de goce das vacacións "para roubarnos o noso tempo de descanso", pretendendo obrigar o persoal a recuperar as fins de semana que coincidan coas vacacións e obviando por completo o acordo asinado a este respecto.
Para visibilizar a folga, o comité tamén realizou unha concentración ao mediodía diante das oficinas que a empresa ten en Matogrande, onde se corearon consignas contra a explotación e a precarización das condicións laborais que a dirección quere afondar "para aumentar a súa marxe de beneficios a conta de pisar os nosos dereitos".
Julián Pérez, da sección sindical da CIG, explica que a finais do pasado ano, AbaiGroup comezou a chamar as traballadoras e os traballadores para comunicarlles verbalmente que tiñan que recuperar horas. "Isto é debido a que hai xornadas irregulares que implican que en moitas ocasións se traballa moitos días seguidos. Ao pedir as vacacións ocorre que hai un exceso de xornada para nós e a empresa pretende que devolvamos esas horas respecto á media semanal que deberíamos ter. De aí vén o conflito".
Tras esas primeiras chamadas a compañeiras/os, o comité púxose en contacto coa empresa para demandarlle que cesara neste atropelo. "A petición tivo efecto e paralizaron as comunicacións. Pero 20 días despois volveron á carga ", explica Pérez, quen critica que a dirección non moveu ficha até o día antes da folga, "cando nos convocou a unha reunión in extremis e total para manterse nunha postura inmobilista e sen posibilidade de chegar a acordo".
A empresa ignora o acordo asinado en novembro
O delegado da CIG lembra que hai un acordo de vacacións asinado no mes de novembro, que agora a empresa pretende saltar utilizando un incomprensíbel argumento. "As vacacións non teñen xornada especificada, son días completos e o convenio colectivo non marca en ningún momento que haxa que realizar unha xornada mínima, senón que o que se contempla é a xornada máxima anual, polo que a decisión da empresa non ten sostén legal".
Esta burda manobra patronal, que amosa un total desprezo pola negociación colectivo, pon ademais en perigo un dereito adquirido durante todos estes anos, xa que o sistema que regula o goce das vacacións lévase utilizando neste centro de traballo dende hai máis de 20 anos.
Afondando na precariedade laboral
Pero este non é único ataque de AbaiGroup xa que aos abusos habituais e aos erros continuados no cálculo das nóminas, engádese que, dende o inicio da pandemia, o persoal está sometido a máis presións, véndose obrigado a realizar máis tarefas no mesmo tempo mentres atenden as chamadas das usuarias/os. Isto provoca que aínda sexan máis imposíbeis de acadar os xa inasumíbeis obxectivos marcado, xerando uns niveis de esixencias que afectan de maneira directa á saúde dos traballadores e das traballadoras.
Ademais, AbaiGroup eliminou a formación, está aplicando cambios arbitrarios de departamento e fai modificacións unilaterais dos sistemas de incentivos, xa de por si cativos, para dificultar que se poidan cobrar.