Xornada de loita do persoal galego dos grandes almacéns coincidindo coa negociación do convenio estatal en Madrid
Persoal galego dos grandes almacéns mobilizouse hoxe na Coruña, Lugo e Vilagarcía convocado pola CIG coincidindo coa negociación do convenio estatal do sector en Madrid para reclamar un acordo digno e reivindicar a necesidade de contar cun convenio galego. Segundo denuncian dende a federación de Servizos, a patronal continúa a ofrecer unha suba salarial insuficiente e mantén a súa negativa a eliminar o traballo en domingos e festivos.
“Convenios aquí e non en Madrid”, “Se soben o IPC, os salarios tamén” e “Convenio xusto, salario digno” foron os berros que máis se escoitaron durante as protestas celebradas ao mediodía diante dos establecementos de Carrefour na rúa Francisco Pérez Carballo da Coruña e na estrada da Coruña de Lugo e no Alcampo da Avenida das Carolinas de Vilagarcía.
A CIG-Servizos, que conta cun representante na mesa de negociación, considera insuficiente a proposta de incremento de soldos do empresariado, que sería dun 13% no total dos cinco anos de vixencia do convenio (de 2022 a 2026). Fronte a isto, a central reclama unha cláusula de revisión salarial conforme ao IPC.
Ao mesmo tempo, a patronal négase a eliminar o traballo en domingos e festivos, que é outra das demandas da CIG. “Tamén pretende incorporar ao convenio os contratos fixos descontinuos, cun máximo de 120 días de traballo ao ano, dos que 90 sería seguidos e os outros 30 en dous períodos”, explican. Ademais, tampouco se vai modificar a contratación a tempo parcial nun sector no que a maioría do persoal -sobre todo as mulleres- teñen esta modalidade.
En consecuencia, dende a central sindical lamentan a actitude dun empresariado que obtivo beneficios millonarios nos últimos anos, sobre todo durante a pandemia da covid. “Na mesa negociadora están presentes as principais compañías do sector, como El Corte Inglés, Ikea, Alcampo, Carrefour, Caprabo ou Leroy Merlín, e a pesar de todos os cartos que gañaron nestes anos grazas ao esforzo e á saúde das traballadoras/es pretenden afondar aínda máis na precarización das súas condicións laborais”, rematan.