Xornada de protestas e de encontro cos partidos políticos para abordar as demandas do persoal dos centros de Política Social

As centrais sindicais pediron ás formacións compromisos na defensa dos servizos sociais públicos
Nacional - 02 Xul 2020

As traballadoras e traballadores dos centros de atención directa de Política Social proseguiron este xoves co calendario de mobilizacións para esixir a recuperación dos dereitos recortados en 2012. Unha nova xornada de protestas na que tamén tivo lugar en Compostela un encontro das centrais sindicas con representantes dos partidos políticos para exporlles as demandas do colectivo e coñecer que propostas teñen para fortalecer estes servizos públicos.

O encontro, convocado por CIG, UGT, CCOO e CSIF tivo lugar no salón de actos do Pazo San Roque e nel participaron representantes do PSdeG, Marea Galeguista, BNG e En Común Podemos, pero non acudiu o PP, "malia estar convidado e ser o responsábel da conflitividade nos centros de Política Social, coa a conselleira Fabiola Martínez á cabeza".

Dende as organizacións sindicas demandouse aos distintos partidos un compromiso na defensa dos servizos socias públicos e de xestión directa, incrementando as prazas e os cadros de persoal; a recuperación dos dereitos laborais recortados no ano 2012, recoñecendo e compensando o traballo en domingos e festivos, garantindo dous días de descanso semanal, etc.; e a eliminación da taxa de reposición para rematar coa elevada temporalidade que sofre o persoal.

A nivel xeral, os partidos políticos presentes manifestaron o seu apoio a estas demandas, "tanto no ámbito autonómico como no estatal cunha clara liña de defensa do servizo público".

Servizos esenciais que deben ser 100% públicos

Na súa intervención, a secretaria da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, subliñou que os servizos de atención ás persoas "son servizos esenciais que deben ser 100% públicos" como garantía tanto de calidade na prestación asistencial ás usuarias e aos usuarios como das condicións de traballo.

Sobre as reivindicacións do persoal de residencias de maiores, centros de menores ou centros de atención á persoas con discapacidade de Política Social, Burgos explicou que a crise sanitaria veu afondar "o confinamento dos dereitos que xa se arrastraban dende había anos". Lembrou que en 2012, baixo a escusa da crise económica, o Goberno de Feixoo deixou en suspenso varios artigos (entre eles o art. 19) do V Convenio Único do persoal laboral da Xunta que a día de hoxe seguen recortados, "afondando así na precarización do traballo neste sector público", provocando o establecemento de quendas insoportábeis e dificultando a conciliación da vida laboral e familiar.

 Un situación, engadiu a secretaria da CIG-Autonómica, "que non se pode alongar máis no tempo. Ten que haber unha planificación de políticas sociais forte e clara na que o persoal estea no centro, como garantía de que as persoas usuarias teñan a mellor atención posíbel".

Neste senso, demandou a dignificación e posta en valor do traballo que realiza este colectivo laboral "que leva máis de un mes saíndo todos os xoves a reivindicar a recuperación dos seus dereitos".

Sexta xornada de protestas

Este xoves, por sexta semana consecutiva, repetíronse as protestas diante dos centros de Política Social, que continúa mantendo unha postura inmobilista e negándose a abrir unha negociación para a recuperación dos dereitos. Por iso, as organizacións sindicais xa adiantaron que mantén o calendario de mobilizacións semanal durante os meses de xullo e agosto "se non hai resposta da Consellaría".