Xubiladas e pensionistas da CIG reclaman a revalorización das pensións e a recuperación dos dereitos

Denuncian que son o colectivo máis castigado pola carestía da vida, coas segundas pensións máis baixas do Estado
Nacional - 02 Mar 2023

O colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG saíu á rúa, en todas as cidades galegas, para reclamar, máis unha vez, a revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano, ademais da recuperación dos dereitos perdidos durante estes anos. Un obxectivo para o que consideran que é precisa a derrogación das reformas das pensións, empezando pola de 2011 e incluíndo a de 2021.

En xaneiro de 2021 entrou en vigor a reforma das pensións que, segundo o goberno central, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC. Fronte a isto, nas diferentes concentracións lembraron que xa desde aquela viñan advertindo de que “esa revalorización viña con truco” porque “a actualización que recolle a reforma faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado”, o que xa supuxo, en 2021, unha perda do 4% de poder adquisitivo.

O colectivo, que vén desenvolvendo desde hai tempo unha campaña de mobilizacións pola revalorización das pensións advertiu agora que o poder adquisitivo perdido “lonxe de recuperarse, leva camiño de cronificarse”.

Neste sentido subliñaron que o IPC en Galiza, ao final de 2022 era dun 6,7%, a inflación subxacente está no 7% e a suba dos prezos da alimentación chegou ao 16,2%. Por iso concluíron que a suba do 8,5%, que se corresponde co IPC medio, que o goberno aprobou “é claramente insuficiente”.

Dificultades para afrontar a carestía da vida

Representantes do colectivo denunciaron ademais que esta perda de poder adquisitivo é tanto máis grave nun momento no que polo incremento da carestía da vida, “temos cada día máis difícil afrontar os gastos dos produtos e servizos básicos para a vida diaria”.

Ao remate das concentracións manifestaron tamén a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores que ven perigar o seu acceso a unha futura pensión se se leva a cabo a reforma das pensións que se vén anunciando por parte do goberno, e que se está falando no diálogo social.