• Nova

Xubiladas e pensionistas da CIG reclaman servizos públicos de atención ás persoas

Concentráronse diante de residencias de maiores para denunciar a falta de recursos en Galiza
Nacional - 05 Mai 2022

O colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG continúa coa súa campaña de mobilizacións para denunciar que por mor da reforma das pensións, dos abusos da banca, da falta dun servizo público de atención ás persoas e das deficiencias da sanidade pública que dificultan garantir unha atención sanitaria digna as súas vidas están cada vez máis empobrecidas e precarizadas.

Desta volta levaron a maioría das súas concentracións ás portas de residencias de maiores das sete cidades para chamar a atención sobre a falta de recursos públicos nun país como o noso, coas segundas pensións máis baixas do Estado, que provoca que moitas persoas non poidan acceder aos servizos de atención, condenando máis unha vez ás mulleres a seguiren exercendo de coidadoras.

Por iso veñen demandando cambios nas políticas de atención ás persoas para que se aglutinen as actuais residencias, centros de día ou servizos de axuda no fogar nun único Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas como o proposto pola CIG. Un sistema que permita garantir para todas as galegas e galegos o dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

Nese sentido, o colectivo reclama do goberno da Xunta o aumento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias. Así como que se incorpore o servizo de axuda no fogar a un ente público galego que permita rematar coas miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados cada vez máis necesario.

Atención sanitaria digna

As anteriores mobilizacións centráranas en centros hospitalarios para reclamar unha atención digna ás persoas, sobre todo nos momentos máis vulnerábeis e demandar unha atención sanitaria o mellor posible, prestada desde unha sanidade pública forte, con persoal e infraestruturas suficientes e adecuadas.

O colectivo subliña que coa chegada da pandemia puxéronse en evidencia as carencias que o seu progresivo desmantelamento provocou. Salientou que foron as traballadoras e traballadores da sanidade pública quen “sostiveron co seu esforzo e a custo moitas veces da súa propia saúde a atención sanitaria durante eses momentos tan críticos”.

Responsabilizaron, fronte a isto ás políticas privatizadoras do PP das enormes listas de agarda, mesmo na atención primaria; da falta de profesionais; do peche de centros ou mesmo da suspensión de intervencións, entre outras.

Contra a reforma das pensións

Tampouco faltou desta volta, como xa fixeron nas pasadas mobilizacións, a denuncia da carestía da vida e da suba descontrolada dos prezos de produtos básicos. Unha situación que afecta ás e aos pensionistas especialmente. Por iso denunciaron as súas condicións de vida e manifestaron a súa oposición á reforma das pensións.

Lembraron que as persoas pensionistas foron mantendo o seu poder adquisitivo entre 2018 e 2021 grazas á mobilización social; que as pensións viñan incrementándose en xaneiro, de acordo coa previsión de IPC do goberno central e que, a principios do seguinte recuperábase a desviación entre o IPC previsto e o do mes de novembro mediante unha paga que, ademais, se incluía na base das pensións.

Un sistema que, tal e como se recolle no manifesto ao que deron lectura nas distintas mobilizacións, permitía resistir a inflación. Porén coa revalorización das pensións segundo o IPC medio no canto do IPC interanual, as pensións de 2021 perderon un poder adquisitivo do 4% (6,5%-2,5%), dado que a lei non recolle a “paguiña” compensatoria. E a partir de 2022 aplicarase o IPC medio, de modo que a perda de poder adquisitivo pode cronificarse, porque a revisión das posíbeis desviacións do IPC só vai facerse cada cinco anos (non anualmente) e non é obrigatoria.

Por iso coa suba descontrolada dos prezos e o incremento desorbitado da inflación as e os pensionistas estanse vendo dobremente prexudicados porque os seu poder adquisitivo xa estaba mermado por esa “trampa” do IPC que o goberno incluíu na reforma das pensións.

Exclusión financeira

O colectivo denunciou ademais o proceso de agresiva dixitalización no que está inmersa a banca, “no seu descontrolado e insolidario afán por xerar beneficios a costa do que sexa”, que está provocando unha redución dos horarios de atención presencial para certas operacións, o peche de oficinas (despedindo traballadoras e traballadores) e o cobro de comisións abusivas, entre outras cuestións.

Restricións de servizos e encarecemento que, denunciaron, “teñen como obxectivo expulsar dos bancos as persoas menos rendíbeis, demandantes de servizos presenciais”; que a falta de medidas, polas distintas administracións, está levando á exclusión financeira a cada vez máis poboación e que, malia isto, “os bancos reciben inxentes axudas públicas”.

Explicaron que isto, que afecta a toda a poboación, faino de xeito máis grave ás persoas que viven no rural e ás xubiladas e pensionistas porque “como pensionistas estamos na obriga de ter conta bancaria para poder cobrar as nosas pensións” e que mentres “cos nosos cartos, a banca especula e obtén beneficios”, para este colectivo “todo son trabas”.

Consideran que a actual situación é consecuencia directa da privatización das caixas de aforros, que naceron para garantir a inclusión financeira. “Desa privatización, e a restruturación bancaria posterior, as galegas e galegos somos vítimas principais: restricións horarias, peches de oficinas en zonas rurais, cobro de elevadas comisións”.