Xubiladas e pensionistas da CIG reclamarán servizos públicos de atención ás persoas
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG convoca concentracións, para o vindeiro xoves, día 5 de maio, nas sete cidades galegas. Desta volta, centrarán as súas reivindicacións na necesidade dun sistema público galego de atención ás persoas. Por iso a maioría das mobilizacións terán lugar diante de residencias de maiores, onde queren chamar a atención sobre a falta de recursos públicos nun país como o noso, coas segundas pensións máis baixas do Estado, que provoca que moitas persoas non poidan acceder aos servizos de atención, condenando máis unha vez ás mulleres a seguiren exercendo de coidadoras.
MOBILIZACIÓNS
A Coruña: 11:00 horas, Subdelegación do Goberno
Ferrol: 11:30 horas, DomusVi de Esteiro
Compostela: 11:00 horas, DomusVi Pontepedriña
Lugo: 11:00 horas, Residencia da Milagrosa
Ourense: 11:00 horas, diante do INSS
Vigo: 11:00 horas, Farol de Urzaiz
Pontevedra: 11:30 horas, Praza da Peregrina
O colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG continúa coa súa campaña de mobilizacións para denunciar que por mor da reforma das pensións, dos abusos da banca, da falta dun servizo público de atención ás persoas e das deficiencias da sanidade pública que dificultan garantir unha atención sanitaria digna as súas vidas están cada vez máis empobrecidas e precarizadas.
Por iso veñen demandando cambios nas políticas de atención ás persoas para que se aglutinen as actuais residencias, centros de día ou servizos de axuda no fogar nun único Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas como o proposto pola CIG. Un sistema que permita garantir para todas as galegas e galegos o dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.
Nese sentido, o colectivo reclama do goberno da Xunta o aumento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias. Así como que se incorpore o servizo de axuda no fogar a un ente público galego que permita rematar coas miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados cada vez máis necesario.