• 21-10-07_Bueu_Protesta_Pensions_Publicas_04.jpeg
  • 21-10-07_Vigo_Protesta_Pensions_Publicas_05.jpeg
  • 21-10-07_Pontevedra_Protesta_Pensions_Publicas_01.jpeg

Xubilados/as e pensionistas da CIG concéntranse en todas as cidades por unhas pensións dignas

Denuncian que a reforma consolida os recortes que provocou a de 2011

Nacional -

Xubilados/as e pensionistas da CIG concentráronse esta mañá nas sete cidades e Bueu para protestar contra a reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados, porque “non garante unhas pensións dignas e consolida os recortes que supuxeron unha redución das pensións en 2011”.

O colectivo lembrou que o goberno xa advertiu que esta é a primeira parte dunha negociación que “anticipa novas perdas de dereitos en base a exixencias da Unión Europea”.

Neste sentido, denunciaron o que consideran un novo “exercicio de cinismo”, ao anunciar a eliminación do factor de sustentabilidade e substituílo por outro ao que eufemísticamente denominan “factor de equidade interxeneracional” que, entenden que “suporá novos recortes nas pensións das xeracións do baby boom ao penalizar o aumento da esperanza de vida”.

Rexeitou ademais que se manteña a reforma das pensións do 2011 que supón “manter unha caída das pensións do 25%, xa que supuxo unha ampliación da idade de xubilación aos 67 anos e o aumento do período de cálculo aos 25 anos”.

Pensións mínimas por debaixo do que di a Carta Social Europea

Nas diferentes mobilizacións o colectivo denunciou tamén que con esta nova reforma non se garante o poder adquisitivo das prestacións xa que as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado de acordo a carta social Europea, e que sería neste momento de 1.150 € ao mes.

Alertou de que “seguen anulando a xubilación parcial, penalizan a xubilación anticipada, atrasan a idade de xubilación e fomentan o aumento da vida laboral mentres impiden a entrada da xente nova ao mundo do traballo, cronifican a emigración e o paro xuvenil entre os menores de 25 anos”.

E acusou ao goberno de condenar a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico. “Mentres reducen a cota empresarial a Seguridade Social por continxencias comúns durante as incapacidade temporais das persoas maiores de 62 anos que eles mesmos castigan. Subvencionando as empresas a cargo da caixa da Seguridade Social”.

Respecto do diálogo social, afirmaron que é unha ferramenta do capital contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións. Ao seu entender “é un exercicio da corrupción institucional do estado español ao negociarse ás agochadas o futuro do sistema público de pensións fóra dos ámbitos de representación institucional”.

A este respecto, denunciaron que fomentan os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva e que “privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias”.

Propostas da CIG

Fronte a isto defenderon a derrogación completa das reformas laborais e das contrarreformas das pensións, nomeadamente as de 2011 e 2013 e a supresión do factor de sustentabilidade ou de calquera outro que o substitúa (factor de equidade interxeneracional) que penalice o aumento da esperanza de vida impoñendo unha baixada xeneralizada nas pensións do futuro.

Demandaron a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (1.150 €, que é o 60% do salario medio, como recomenda a Carta Social Europea) e a revalorización por lei, para que anualmente se actualicen as pensións de acordo ao IPC.

Exixiron a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións ademais de que se estableza o cálculo da base reguladora segundo a base de cotización, actualizada á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.

Xunto a isto pediron que se eliminen os topes máximos de cotización á seguridade social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión e que se restableza o dereito a xubilación parcial aos 61 anos como existía antes da reforma. Así como a transferencia á Administración Galega da competencia da xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.

Isto xunto a eliminación das desgravacións fiscais dos plans privados de pensións; o recoñecemento por lei de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade e perigosidade e a fin das bonificacións e descontos para o empresariado nas cotizacións.

Volver