Xubilados/as e pensionistas da CIG demandan no Parlamento recursos para a atención á dependencia

Presentaron preto de 14.000 sinaturas ao Presidente da Xunta, a conselleira e aos grupos parlamentarios

Nacional -

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG concentrouse esta mañá diante do Parlamento de Galiza coincidindo coa presentación, no rexistro do Pazo do Hórreo, das sinaturas recollidas no decurso da campaña en demanda de recursos para a atención á dependencia. Sinaturas dirixidas aos grupos parlamentarios que previamente se presentaran no rexistro da Xunta, en San Caetano, para dirixilas, xunto coas demandas, ao Presidente da Xunta e á conselleira de Políticas Sociais.

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG viu desenvolvendo, ao longo de todo este ano unha campaña coa que se demanda que nos orzamentos para o 2020 se incrementen as partidas dos programas de atención á dependencia e que se poñan en marcha as accións necesarias para garantila a través dunha rede pública de recursos cun acceso equitativo, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

A este respecto, a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, explicou que o colectivo vén denunciando a escaseza de recursos públicos para a atención á dependencia e os atrasos nas valoracións, xa que preto de 1.000 persoas que as solicitaron agardan até ano e medio antes de ser atendidas. Xunto a isto denunciou as demoras na concesión das prestacións, xa que arredor de 8.000 persoas dependentes que as solicitaron e que xa foron valoradas aínda non as teñen concedidas.

“Estamos falando de persoas que na súa maior parte teñen certa idade e que non se poden permitir o luxo de agardar un ano e medio por unha valoración de dependencia”, sinalou a secretaria de Organización.

Só o 25% de prazas públicas nas residencias

Máis alá das valoracións e das prestacións, tamén son moi escasos os recursos para a atención a persoas dependentes. “Só o 25% das prazas nas residencias da terceira idade son públicas e aínda considerando o total, incluíndo as prazas privadas, estas non chegan a 3 por cada 100 persoas de máis de 65 anos, cando a OMS recomenda unha ratio de 5 prazas por cada 100 persoas”.

Méndez asegurou que o mesmo ocorre no que respecta aos centros de día, onde “hai unha escaseza enorme”, afirmou, porque “só 86 concellos teñen centros de día públicos, con 3.222 prazas, que son claramente insuficientes e que, sumadas ás privadas só chegan a un total de 8.000 prazas que non cobren, para nada, as necesidades das case 120.000 persoas en situación de dependencia”.

Orzamentos axeitados

A secretaria de Organización da CIG demandou, ante isto, unhas partidas orzamentarias que permitan abordar as necesidades do colectivo de persoas dependentes. Lembrou o envellecemento da poboación en Galiza, onde un 25% da poboación ten máis de 65 anos e onde, o propio Presidente da Xunta, calculou que esta chegaría a ser do 33% nos vindeiros anos e lamentou que “miles de persoas morreron sen chegaren sequera a ser valoradas no últimos anos”.

A este respecto denunciou que desde a Xunta, “Feixó, no discurso do debate do estado da nación só puido vender como logro a doazón, por parte dun empresario, de 7 residencias que están por facer”.

Ademais exixiu unha mellora do servizo de axuda no fogar, onde son a maioría mulleres as que prestan atención ás persoas dependentes “nunhas condicións terribles e unha vez máis condenando ás mulleres a facer os coidados en situacións calamitosas”. Por iso demandou mellores condicións de traballo e a súa integración no Consorcio Galego de Benestar.

Volver